04 de diciembre de 2016
04.12.2016
Episodios da cultura científica

A raza rubia galega 'fabricouse' medindo miles de vacas nos concursos de gando

O labor da Granxa agrícola de Monelos e do veterinario Rof Codina foron claves para ese proceso de selección e mellora das reses e permitiu recuperar a cabana galega e crear a raza rubia

04.12.2016 | 01:33

Para Diego Conde, veterinario.

A fins do século XIX a internacionalización do mercado agrícola e gandeiro afectou de xeito relevante á produción galega. As exportacións de gando vacún ao Reino Unido, que desde mediados de século supuñan unha importante fonte de recursos para numerosas familias, foron decaendo e remataron a altura do ano 1892 porque aos británicos resultáballes máis barato mercar gando en EEUU ou Arxentina e transportalo en buques frigoríficos.

A crise puxo enriba da mesa a existencia dunha cabana bovina heteroxénea, con exemplares de moi variados perfiles, resultado de cruzamentos de animais da raza autóctona con outros de procedencia estranxeira. Unha complicada situación na que mesmo se cuestionaba a persistencia da raza do país pura, representada de xeito desigual por exemplares ben diversos.

Alternativas para a necesaria mellora

Nese confuso panorama existía un consenso bastante estendido entre os técnicos, a necesidade recuperar a raza de vacún propia, establecer un proceso de mellora da cabana existente, coa súa tripla aptitude (para carne, leite e traballo) que dera solución ás necesidades dos labregos. Sobre o camiño a seguir para acadar ese obxectivo había discrepancias entre os expertos. Uns eran partidarios do cruce de exemplares autóctonos con outros de razas estranxeiras que potenciaran positivamente as características existentes, unha alternativa que se denominou "mellora por cruzamento"; outros optaban por escoller os exemplares do país que encaixaban coa morfoloxía e condicións requiridas e favorecer o seu cruzamento, a chamada "mellora por selección en pureza".

Os técnicos da Granxa agrícola de Monelos apostaron pola "mellora por cruzamento", que se realizaba coa raza suíza Simmental. Por outra banda, un activo e innovador veterinario de orixe catalá residente en Lugo, Juan Rof Codina, partidario da selección en pureza, obtivo en 1910 a praza de Inspector de Hixiene Pecuaria da provincia da Coruña e trasladouse para a nosa cidade, onde estableceu unha intensa e frutífera relación de traballo cos responsables da Granxa, concretamente co director Leopoldo Hernández Robredo. A pesar das diferenzas na elección do método máis axeitado cara a mellora do gando vacún, Rof e Robredo coincidían en dous elementos claves: que os concursos de gando serían unha ferramenta moi útil para impulsar o cambio da cabana de vacún e que este proceso só sería efectivo se era asumido polos interesados, os labregos nas súas explotacións, polo que os técnicos terían que adaptar as premisas de mellora ás necesidades dos gandeiros.

A Granxa como pioneira dos concursos de gando

Robredo era un firme defensor da bondade dos concursos ou paradas de gando bovino. De feito xa levaba anos impulsándoos e ao pouco de ocupar a dirección colaborara coa organización do primeiro concurso de ámbito galego. O evento inaugurouse na tarde do sábado 26 de agosto de 1905 nas instalacións da Granxa agrícola da Coruña, foi unha iniciativa da activa Cámara agrícola local e contou coa cobertura técnica do persoal dea Granxa. Prolongouse o domingo 27 e o numeroso público asistente puido observar as case 250 cabezas de gando presentadas, entre as que eran maioría os exemplares das razas Flamenca, Simmental, Holandesa, Schwytz e dos cruces destas coa raza do país. Os xornalistas salientaron a boa presenza dalgunhas reses, entre elas unha parella de bois do país de Benito Bermúdez, de Elviña, unha vaca suíza cruzada de Andrés Raso, de Eirís, e de bois de traballo de Pedro Crespo de Monelos, referencias ben indicativas do carácter rural desas zonas arredor da cidade, hoxe paisaxe urbana.

A Granxa agrícola da Coruña

A Granxa estaba situada en Monelos (daquela do Concello de Oza), nunha finca de 16 hectáreas de terreo areoso e mal acondicionado que esixiu custosas obras de acondicionamento. As xestións da Deputación provincial permitiron que en 1888 o Goberno creara o primeiro centro de experimentación e difusión de novas técnicas agrícolas para Galicia (e Asturias ata 1904). Un establecemento que entrou funcionamento en 1897 e que se converteu nun elemento de modernidade polo que supuña de impulso ao que hoxe chamamos I+D+i, coa incorporación da Ciencia á produción, á preocupación polo Medio Ambiente e á aposta polo diálogo co mundo agrario, coa demostración práctica do papel positivo do coñecemento.

Medir vacas para mellorar a raza

No concurso que tivo lugar na Granxa en 1905 e nos celebrados nos anos posteriores os xurados que outorgaban os premios utilizaban criterios subxectivos para distinguir aos animais gañadores, a impresión que a observación dos exemplares lle causaban. En 1909 iniciouse un cambio na valoración das reses seleccionadas, unha modificación que sería decisiva para a mellora e homoxeneización da cabana bovina. Os xurados incorporaron como principal elemento de valoración o método obxectivo de ter en conta as medidas do animal, que se puntuaban en función dos parámetros considerados idóneos para a raza autóctona mellorada.

Un técnico utilizaba un bastón, instrumento de medición móbil que tamén recibiu o nome de compás, e ía comunicando os datos, que unha vez apuntados eran comparados cunha táboa de referencia e, segundo o achegamento aos valores establecidos (estándar racial determinado) era cualificado o exemplar. Eses datos biométricos contrastados, utilizados como exemplo a seguir, estiveron na base da "fabricación" da raza rubia galega.

O centenario dun libro clave

En 1916 Rof Codina presentou un escrito ao concurso de memorias convocado en Madrid pola Asociación General de Ganaderos, gañou o premio establecido, 250 pesetas, e publicou o texto nun libriño titulado La raza bovina gallega. A monografía converteuse nunha referencia no mundo agropecuario galego, unha guía que merece o noso recoñecemento cen anos despois.

Rof describiu o uso da terra en Galicia e a situación do sector gandeiro. Mais a principal contribución do libriño foi que situou as bases do morfotipo (características físicas) do que sería a raza rubia galega, facendo unha nova clasificación e reducindo a catro as variedades do vacún autóctono (de montañas e vales e as variedades teixa e marela).

O exhaustivo traballo incluía unha crítica ao intento de acadar a mellora da raza do país unicamente pola vía da mellora por cruzamento, pois o salientable veterinario coidaba que a pesar das impresións iniciais esas mestizaxes "han impurificado la raza". E defendía con vehemencia a mellora pola selección en pureza, "eligiendo en cada parroquia los mejores ejemplares, acoplándolos con los reproductores más distinguidos, dando a conocer las ventajas de someter las crías a alimentación abundante y cuidados higiénicos esmerados". Rof tamén aludiu ao acordo establecido cos seus colegas da Granxa, o de admitir en concursos de gando xunto á raza do país o cruce con Simmental.

A creación da raza rubia

Nun artigo que Rof publicou pouco despois no xornal El Ideal Gallego (3 de setembro de 1918) constataba o avance: "Hace siete años, 1911, el ganadero de Noya no concedía ninguna importancia al toro reproductor de raza gallega (...). Se inició la celebración periódica de concursos de ganados, persiguiendo la selección de las reses típicas del país, y de año en año se ha visto como se operaba la transformación de los reproductores, apreciándose el aumento de sus perfecciones y su mejoramiento general".

O cambio operado foi o resultado dun esforzo notable. O propio Rof levaba medido en 1916 máis de 2000 reses en máis de corenta concursos de gando de toda Galicia. Un proceso no que usaba un bastón medidor e, a partir de 1933, o seu propio modelo, coñecido co nome de Compás Rof.

O labor deu os seus froitos nas décadas seguintes, permitindo a recuperación da cabana galega e a creación da raza rubia, vacas cunha morfoloxía mellorada. Ese éxito esíxenos un recoñecemento ao método empregado. A aplicación do coñecemento, flexibilidade e diálogo e o intenso traballo foron as ferramentas que "construíron" un animal necesario.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es