O secretario xeral do PSOE na provincia da Coruña e tamén alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, móstrase convencido de que a súa formación ten que negociar coa Marea o tempo que sexa necesario para evitar que o alcalde, Xulio Ferreiro, presente unha cuestión de confianza. Para Sacristán, esa opción non está aínda enriba da mesa.

-Teñen xa o visto bo de Ferraz para a proposta de xestora que lle enviaron?

-Non, seguimos falando de cara a conquerirmos o consenso necesario para a xestora. Queremos unha xestora que poida realizar un traballo serio e que, máis ou menos, sexa coherente, non só coa representación de todos os grupos da agrupación senón tamén dos que, sen estar en ningunha das correntes poidan achegar ideas e forzas.

-Como foron escollendo eses nomes?

-Chamamos a varios grupos da Coruña, a membros do partido a título individual que poden estar á marxe das correntes, xente que tivo responsabilidades de Goberno ou orgánicas, fomos mirando cal era o perfil que nós queriamos e que criamos que reunía todos os requisitos, e que podían conxeniar para sacaren adiante a agrupación e para que non se repitan situacións como as vividas até o de agora.

-Hai membros do grupo municipal na cidade?

-Non, ningún cargo institucional.

-Hai unha falta de sintonía entre o que di vostede de deixar de paralizar os orzamentos e o que está a facer o grupo municipal da Coruña, por que?

-Actualmente estanse mantendo reunións e eu confío na xenerosidade da Marea para que PSOE poida apoiar os orzamentos. O que non pode ser é que pidamos que se nos aproben o 100% das cousas. Eu creo que debe haber un mínimo común para que se chegue a un acordo e anímoos a que dialoguen e a que estean as horas que fagan falla. Hai que pensar que a cidade non pode estar paralizada por falta de orzamentos.

-Pide xenerosidade á Marea, que lle pide ao PSOE?

-O PSOE xa está na oposición, estaría moi cómodo sen sentar sequera a negociar. Asume unha responsabilidade ao facelo, se se negara a falar, sería outra cuestión.

-O PSOE, segundo Marea, non presentou proxectos concretos nin enmendas ao orzamento, como van negociar partidas ou actuacións?

-Os compañeiros teñen propostas concretas que facer. Eu vinas.

-No pleno dicían de que non podían apoiar nada do orzamento da Marea e nas reunións falan de "marcos de relación".

-O PSOE, o do marco de relación, xa o dixo desde o principio, que non se lles ninguneara e que tiñan que ser o primeiro partido co que se pactara. Pero unha cousa é a predisposición da oposición e outra é que non se lle dea nada, evidentemente, así non hai posiblidade de chegar a acordo.

-Di que o PSOE estaría moi cómodo sen negociar, pero agora achéganse a unha posición que lles obrigará a tomar partido se o alcalde, Xulio Ferreiro, presenta unha cuestión de confianza, que van facer nese caso?

-Non falei desa cuestión cos meus compañeiros, porque non está presentada.

-Pero o alcalde xa dixo o 28 de decembro que, se non tiñan un acordo en quince días, que a presentaba, que fará o PSOE?

-Esas cousas dicímolas ás veces e xa sabemos que non son tan así.

-Ferreiro non parou de repetilo en todos estes días,

-Está visto que o lóxico e o máis comprensible é que cheguen a un acordo porque para desenvolver o orzamento tamén son necesarios os acordos. Cómpre facer todos os esforzos posibles para chegar a el. Igual iso lle sonou aos meus compañeiros como unha ameaza e esa non é unha boa disposición e creo que esas cousas hai que pensalas antes de dicilas e que hai que poñer o obxectivo no que realmente queremos, que é a negociación e a aprobación dos orzamentos.

-Ameaza ou non, o PSOE estaría obrigado a elixir entre apoiar un Goberno co PP ou seguir co de Marea, que escollerán?

-Non está plantexada a posibilidade e non vou falar dela.

-Entón está confiado en que se vai chegar a un acordo?

-Creo que se debe chegar a un acordo. Imos ver até onde dan de si as conversas.

-Se a xestora é aceptada tal e como a presentaron, podería cambiar o rumbo e as decisións que vén tomando a agrupación local desde o inicio da lexislatura?

-Como en todos os grupos, intentará consensuar e coordinar as actuacións. Do que se trata é de levar as rendas políticas do partido até a celebración dos congresos correspondentes.

-O outro día a ex secretaria xeral da Agrupación, Mar Barcón. propuxo unha enquisa a través de redes sociais sobre que facer coa Marea, que propón vostede?

-Non coñezo esa cuestión e non vou opinar. O que eu creo é que as institucións deben dialogar e chegar a acordos e négome a pensar que é imposible acadar acordos en cuestións importantes para a cidade.

-Canto cre que lles pode prexudicar esta imaxe que está dando o PSOE a nivel local, co portavoz que dimite, a secretaria xeral que deixa o cargo, a piques dunha cuestión de confianza...

-Parece que os cidadáns non están moi de acordo coa postura que mantivo o PSOE na cidade, eu creo que, fundamentalmente, se vendeu pouco a imaxe de que a estabilidade do Goberno até o de agora se debeu ao PSOE e hai que decatarse de que se lle deu un cheque en branco á Marea. Iso non implica que non se teñan que acordar determinadas cuestións ao longo da lexislatura. Nese traballo teñen moito que dicir a xestora e o grupo municipal. E creo que se deben clarificar máis as posturas que defende o PSOE na cidade e que cambie a percepción da cidadanía sobre o grupo municipal.

-E como o van facer?

-Explicando máis. A percepción que ten a cidadanía é de que no PSOE non se sabe que se quere. A postura está clara e cómpre que sexa explicada para revertir esa idea.

-Que pensa dunha eventual entrada no Goberno do PSOE?

-Xa o propuxeron os meus compañeiros e eu creo que é unha cuestión de negociación.

-De negociación e de que máis?

-Eu creo que a Marea tampouco pode dicir: "Non entran porque non". Terán que falar de por que queren entrar e en que condicións.

-Sería positivo para o PSOE?

-O PSOE é un grupo de Goberno e nós estamos por gobernar en todas as institucións e para nós gobernar non é ningunha novidade e o PSOE pode achegar cousas interesantes para o Goberno da cidade.