A portavoz do BNG en María Pita, Avia Veira, defende que os terreos portuarios teñen que ser "devoltos á cidadanía de xeito gratuíto". "A fachada marítima é parte da nosa identidade. A Coruña é mar, é unha cidade nacida do mar que durante moitos anos viviu do mar. Unha fachada marítima xestionada pola Autoridade Portuaria que atopou case sempre gobernos municipais cómplices que tamén vían nos terreos próximos ao mar un lugar para agasallar e beneficiar uns poucos permitindo construír alí", explica Veira que reivindica que "onde está hoxe a Solana, antes estaba a praia do Parrote: unha praia cementada e entregada a amigos do franquismo a finais dos sesenta". "Queremos que na fachada marítima non se constrúa, que na Coruña poidamos vivir do mar, mirando para el, e queremos facelo sen que o Concello pague: nin 1,4 millóns de euros, nin un. Queremos a devolución gratuíta! Abonda xa de especulación!", defende a portavoz do BNG.