O actor e humorista Carlos Blanco da comezo, o próximo mércores ás 20.30 horas, ao Festival de Narración Oral Falando a boca chea que se celebra no Fórum Metropolitano. Co seu monólogo, unha mestura de temas de actualidade e elementos do seu repertorio habitual, o cómico dará o pistoletazo de saída ao certame, polo que durante os tres días seguintes pasarán outros profesionais da gargallada como Oswaldo Digón, Cándido Pazó e David Perdomo.

- A súa actuación abrirá o festival. Vai deixarlle o listón moi alto ao resto dos participantes?

-Non creo, porque hai moito nivel. Sempre está ben comezar con algo forte, pero é o que dicía Jonh Ford: hai que abrir cunha estampida de cabalos e de alí para riba.

- E como é que vai ser esa estampida?

-Un espectáculo na miña liña. Sempre introduzo algún elemento da actualidade e a partir de alí, un pouco o que me pete. Eu fago jazz, collo a partitura que me apetece no día segundo como vexa ao público. Teño moito repertorio e collo de aquí e de alá, porque o noso oficio é xogar. Se ti non o pasas ben, é imposible que lle transmitas ao público iso. Eu polo menos hai moitos anos que o fago, e me funciona e divirte.

- É partidario de que se pague nos espectáculos, e este non vai ser unha excepción. O humor ten que ter prezo?

-Ten que ter un custe, coma todo. Non me gusta nada que non se pague entrada, creo que é un erro. A xente ten que entender que un traballo como o noso, que ten moitos anos de oficio e de elaboración, ten un custe como o ten ir ao cine ou tomar un gin-tonic. Non son moi partidario da cultura gratuíta,e normalmente non acepto cando é así.

- É infravalorar a cultura?

-Si, e ademais a min dóeme. Dóeme valer menos que un gin-tonic. Creo que non pode nin debe ser así. Durante unha época malacostumóusenos con iso de todo gratis e todo bo, así temos a débeda que temos. E ademais se non pagamos, non valoramos. Teño unha teoría ao respecto: se ti pagas 10 euros, pos 10 euros de atención. Pero se pagas 50 pos 50, que é diferente. E nótase moitísimo na actitude da xente.

- Vostede comezou no humor di que de casualidade, cando se animou en Compostela a contar unha das súas historias. Agora síntese máis cómico ou máis actor?

-E que eu non vexo moito a diferenza, ser humorista ou ser actor son facetas do mesmo oficio. Pero se me preguntas pola miña preferencia... Eu vou empezar agora a rodar unha serie que probablemente teña repercusión internacional. Vou facer unha personaxe moi coñecida, pero non podo dar moitos máis datos ata que se presente publicamente. E me apetece un montón meterme cinco meses na pel dun tipo moi polémico, pero sei que cando estea rodando vou botar de menos as risas e as gargalladas. De todos os xeitos, o que desexo en realidade é poder escoller e poder ter a oportunidade de facer unha cousa ou a outra. O bonito que ten o noso oficio, que é tan inseguro polo outro lado, é que é variado, que un día fas isto e o outro aquilo.

- Por que é inseguro?

-Polo paro, hai un 75%. O noso sector é terrible, e creo que se fixo a propósito ademais, que se castigou ao sector. Senón que alguén me explique por que se mantén o IVE no cine.

- Tamén hai inseguridade no contido?

-Si, sobre todo en determinados asuntos. Ti podes meterte cos mortos na guerra que aínda están nas cunetas pero non podes meterte cos que os mataron, ou podes poñer nun coche "so Cristo salva" e ninguén che vai dicir nada. Pero proba a poñer "paso de Xesucristo", a ver o que che duran as rodas. Non é equilibrado, pero en todo caso eu procuro ser respectuoso. Trato de facer un humor que non ofenda, o cal significa fiar moi fino e medir moi ben.

- A pesar de todas estas inseguridades, está a facer moitos shows . Fixo Carlos Blanco ao vivo , Menú do día e da noite , e agora vai estrear o filme Dhogs no Festival de Cine Independente de Buenos Aires. Como agarda que sexa a acollida?

-Creo que se recibirá ben. É unha película moi interesante, con escenas longas e moito uso da música. Como lle dixen ao director, inventou o northern. Un western do norte, en certo modo é así.