A cultura galega tivo que percorrer un tortuoso itinerario a través dos primeiros anos da transición política. Por un lado, debía traballar por resituarse nun contexto sociopolítico diferente -o que producía un certo baleiro-, e por outro, tivo que aturar os fortes ataques dos sectores máis inmovilistas e centralistas do poder recelosos de calquera crítica deica o seu estatus privilexiado e as súas veleidades españolistas. Mais, contra o desexo dos "inculpados", os poderes fácticos crearon tamén "héroes": bandeiras ao vento que perduraron na historia da cultura galega deses anos difíciles.

A finais da década dos setenta, na que algúns comentaristas da época consideraban o "alba democrática", coñecín a Pancho Pillado. Eu militaba no Partido Obreiro Galego (POG) e lembro a Pancho sempre acompañado de Manolo Lourenzo, director da Escola Dramática Galega, da que Pancho foi un puntal indispensable. Ambos os dous representaban unha tarefa de alto servizo á cultura e a lingua de Galiza, nunha etapa na que aínda con fortes resistencias, unha boa parte da dereita española comprendeu que non tiña outra opción que de recoñecer o feito e o dereito á existencia de realidades nacionales diferenciadas no seo do Estado español, isto é, a normalización das linguas ata entón silenciadas.

En Galiza herdamos, xunto coa autonomía, 40 anos de cultura á defensiva, 40 anos de resistencia. Falar, escreber en galego, facer teatro ou cine en galego, editar libros en galego, foi sinónimo de loita contra a imposición dos sectores centralistas máis recalcitrantes. A este respecto, a traxectoria cultural de Pancho Pillado podería inscribirse dentro do seu carácter afirmativo de espallar a cultura galega, o seu desexo de vencer as imposicións de 40 anos de dictadura. Por elo, o título de Republicano de Honra 2017, concedido pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) é un recoñecemento a toda unha laboura.

Pancho Pillado, en definitiva, é outra bandeira ao vento.