Máis de medio centenar de ilustradores reúnense na última mostra da Casa da Cultura Salvador de Maradiaga. A exposición Panorama da BD galega, inaugurada na tarde de onte, congrega 136 das obras que 68 autores galegos ou residentes en Galicia quixeron amosar entre a produción gráfica realizada durante o ano 2016. A exhibición, desvinculada por primeira vez da programación de Viñetas do Atlántico debido as súas grandes dimensións, ofrece unha panorámica dos últimos traballos no campo da banda deseñada, na que destacan os artistas emerxentes e a crecente presenza da arte feminina.

"O que caracteriza á banda deseñada é a diversidade", conta o comisario e participante da exposición, Jano Viñuela. "Intentamos que houbese pezas da maioría de autores que publicaron o ano pasado, e o resultado é unha pluralidade de estilos, de temática e de xéneros", engade.

Esa variedade tamén afecta aos propios integrantes da mostra. Os artistas, cada un dos cales levou á exposición dúas obras da súa elección, son tanto autores xa consagrados no mundo da banda deseñada como novas caras emerxentes. A mestura de nomes como Miguelanxo Prado e Manel Cráneo con outros non tan coñecidos como Andrés Magán e Alejandro Gaudino é, segundo Viñuela, un cóctel intencionado, que trata de facilitarlle o camiño a aqueles que aínda están por comezar: "Queríamos que eses artistas que non precisan presentación acompañasen aos máis novos. Como en todas as artes, no cómic é interesante que a xente abra outros camiños na narrativa gráfica, e ese é o papel destes autores noveis", explica o ilustrador, que contribúe á mostra con pezas do seu tebeo Permanezcan en sus asientos.

Os recursos destes artistas, as influencias internacionais da súa obra e o seu vangardismo, que lembra "o espírito innovador dos autores dos anos 70", amósanse dentro de xéneros tan distintos como o drama histórico a autobiografía e o terror. "Son temáticas variadas, pero nelas nótase algún punto en común, como a crítica social", comenta Viñuela, aludindo a obras como as Presas fáciles de Prado e o Hotel Abismo de David Rubín.

9

'Panorama da BD galega' en A Coruña

Xunto á denuncia e os novos autores, destaca nesta exposición a presencia das artistas. "Cada ano hai máis", di o comisario, citando a Emma Ríos e Roberta Vázquez. "Resaltan por temáticas e por unha óptica propia. Dan frescura ao mundo da banda deseñada"continúa, asegurando que Panorama da BD galega trata "non só de amosar, senón tamén de documentar toda a produción deste tipo que se está a facer en Galicia".

Unha produción que, asegura, se atopa "nunha gran época", aínda que con peros: "Hai carencias, falta apoio institucional. A industria cultural achega beneficios, e iso é algo que hai que poñer en valor", sentencia.