- Percíbese o aparcamento como un problema no barrio?

-Si, e ademais no debate veciñal que se fixo con concelleiros o Goberno local non entendía o posicionamento tanto da asociación como da veciñanza sobre este asunto. Pero os datos demostran que levamos razón porque somos 30.000 habitantes e os edificios son os que son, xa que mesmo hai edificios novos que non teñen garaxe. Os pisos novos que teñen garaxe valen moito máis porque en Monte Alto o solo é todo rocha e é moito máis caro construír garaxe.

- Hai que pasar moito tempo buscando un lugar para aparcar no barrio?

-Na zona alta do barrio, arredor do depósito de auga, entre as oito e as nove da tarde case hai que xogar ao xogo da cadeira. Se coñeces os horarios dos teus veciños, sabes que sobre as doce da noite hai xente que marcha a traballar, polo que hai quen dá voltas até que aparca. Pero hai outros moitos que aparcan nos pasos de peóns de noite porque é xente que marcha ás seis da mañá e que o fai porque non ten outro remedio. Hai que ter en conta de que o custo dunha praza de aparcamento no barrio está nos 40.000 euros, cando non é máis que unha raia pintada no chan.

- A actividade da Cidade Deportiva da Torre é prexudicial para aparcar no barrio?

-Aí non só vén a xente que utiliza as instalacións deportivas e vai visitar a Torre, senón tamén as caravanas que aparcan nese lugar. Falábase como unha solución para aparcar as cocheiras dos tranvías, que non teñen actividade e que non se sabe que vai pasar con eles, polo que se podería facer un aparcamento disuasorio. Dise que a xente quere aparcar diante da súa casa, pero hai que ter en conta que os que teñen nenos ou persoas maiores necesitan ter este servizo. O problema de barrios como Monte Alto e a Agra do Orzán é que nos anos sesenta e setenta foron poboados de forma moi rápida por xente das zonas rurais da Coruña e Lugo e que no lugar onde antes había un edificio de dúas ou tres plantas agora hai un de sete sen garaxe e no que a xente precisa un sitio para aparcar. No debate que se fixera no barrio dixeronnos que para mercar un coche había que pensar antes se se tiña sitio para aparcalo, o que me parece clasista. Aquí a xente é traballadora e se ten coche é por necesidade en moitos casos. E o transporte público tampouco é unha solución porque entre as dez e media e as once da noite os buses están volvendo ás cocheiras, polo que se saes máis tarde, como é o meu caso, non tes bus.

- Chega a condicionar a falta de aparcamento a vida nese barrio?

-A xente igual ten para un piso, pero non para un que teña praza de aparcamento. Moitas persoas do barrio marcharon a Novo Mesoiro porque lles saía moito máis barato comprar alí un piso con praza de aparcamento.

- É unha solución a construción de aparcamentos públicos no barrio?

-Iso xa o intentou o Goberno local do Partido Popular na zona dos Pelamios, diante da Escola Pablo Picasso, e non funcionou. A idea era facelo xa coas prazas vendidas para saber cantos veciños estaban interesados e non o sacaron adiante, supoñemos que porque a xente non pagou. O único aparcamento público que hai no barrio é do mercado de Monte Alto, que é pouco usado, xa que a maioría da xente aparca fóra, e está próximo o da avenida do Metrosidero.