O tenente de alcalde de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, vén de ordenar o pago da multa de 10.000 euros imposta ao Concello pola Xunta pola concesión dunha licenza municipal en febreiro de 2014, no mandato do PP, para a execución de obras de restruturación nun dos inmobles que forman parte das Casas de Paredes, na avenida da Marina, sen a autorización previa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A instrutora do expediente aberto en decembro de 2015 propuxo unha sanción de 60.101,22 euros, mais a resolución do departamento do Goberno galego de xuño do ano pasado, que consideraba "grave" a infracción administrativa, rebaixou o importe da multa a 10.000 euros, ao entender que non houbo mala fe nas actuacións do Concello e non se produciron danos ao patrimonio cultural que representa o edificio.

O inmoble das Casas de Paredes para o que o Goberno do PP concedeu licenza sen o permiso de Patrimonio hai máis de tres anos é o número 14, o bloque a carón do quiosco de prensa na calella da Estacada paralelo á avenida da Marina. Os artículos 37 e 43 da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia esixen unha resolución favorable de Cultura para que os concellos permitan obras en edificios cunha catalogación como a que teñen as Casas de Paredes, con protección monumental desde o plan especial do casco histórico de 1998 e considerado Ben de Interés Cultural (BIC) en 1995. Ten uso residencial, dotacional e terciario.

O Executivo popular, a través dunha Xunta de Goberno Local, deu permiso o 21 de febreiro de 2014 aos propietarios do inmoble para a realización de obras de conservación, substitución parcial, reforzo de elementos estruturais danados, instalación de ascensor, actualización das instalacións e cambio de uso.

A suspensión cautelar do inicio dos traballos foi adoptada por resolución do director xeral de Urbanismo do Concello un ano despois, nos últimos meses do mandato do PP. A Consellería de Cultura instou ao Concello unha semana despois á revisión e anulación da licenza concedida, solicitando retrotraer o procedemento ao momento previo a súa concesión. Patrimonio acordou a incoación do expediente sancionador en decembro de 2015 e en abril de 2016 propuso unha multa de 60.000 euros, rebaixada despois a 10.000.

O artículo 43 da Lei do Patrimonio Cultural sinala que en ningún ben declarado monumento se poden realizar "obra interior, exterior, sinalización, instalación ou cambio de uso que afecte directamente ao edificio ou a calquera das súas partes integrantes ou pertenzas" sen que o autorice Cultura.