- Hai dous anos que ergueu a vara de mando en Marí Pita, parécelle prehistoria?

-A verdade é que un mira para atrás e a sensación subxectiva seguramente sexa maior que dous anos. Nestes anos pasaron moitísimas cousas pero se un mira o que era naquel momento ve unha persoa que no esencial non cambiou pero que si toma as cousas doutra forma.

- Ten tomado algunha decisión que pensou que non ía tomar?

-Creo que non faltei a ningún compromiso que adquirín. E creo que non hai ninguna decisión que tomase pola que estea desgustado.

- Un dos temas protagonistas do último ano foi o enfrontamento co Porto pola Solana. Agora está en marcha un cambio no plan xeral para devolverlle a calificación de público. Van volver presentar oferta de compra? O prazo remata o 23 de agosto.

-Seguimos mantendo a posición que tiñamos. É certo que cando o Porto sacou a subasta esta propiedade, fixemos unha oferta, ese compromiso está aí. Pero foi a propia Autoridade Portuaria a que no seu momento tomou outra decisión que complicou un pouco a situación. Agora, o obxectivo é sempre o mesmo: non ir a unha solución parcial dunha finca en concreto, senón a un acordo que implique unha solución global para todos os terreos da fronte litoral, a titularidade e xestión pública e un control público na incorporación deses terreos ao privado. A folla de ruta non cambiou, independemente de que, dentro dese acordo global, poida haber solucións diferentes para cada un dos peiraos.

- Levan agardando catro meses polo presidente de Puertos del Estado para unha cita a tres bandas. Hai posibilidade de irse sentando coa Autoridade Portuaria?

-Aínda estiven estes días falando co presidente do Porto e os dous pensamos que hai que retomar as conversas e que, se Llorca non vén á Coruña, A Coruña terá que ir a Llorca. Entendo os problemas de axenda pola estiba pero aquí tamén o tempo corre. Corre máis para o Porto, porque ten o compromiso anual de venda, pero nós cremos que hai que encamiñalo canto antes.

- E non vai pasar que, chegado ese 23 de agosto, se non hai ese acordo ou o presidente de Puertos non aparece, a Autoridade Portuaria retome a poxa?

-Creo que iso non está no espírito do compromiso que temos adquirido todas as partes.

- Defensa do Común insiste na devolución gratuíta. Vostedes teñen apoiado as súas reivindicacións. Non entra en contradicción que reserven cartos para pagar?

-Esa operación está feita de antes de que se lanzase a plataforma e antes das mocións do pleno. En todo caso, repito o que dixen sempre, o papel da sociedade civil é un e ten que ser ambicioso. Nós como goberno tamén temos que ser ambiciosos pero temos que tentar chegar ata onde sexa posible. E iso non ten que facernos perder a perspectiva, unha perspectiva que é a necesidade de incorporar eses terreos e garantir titularidade, uso e xestión pública. Iso é o fundamental e o outro, oxalá poidamos conseguilo.

- Que queren nos peiraos?

-Temos Solana e Finisterre, Batería e Calvo Sotelo, e San Diego. Son tres ámbitos diferentes e tres formas diferentes de incorporalos á cidade. Socialmente o uso que houbo ata o de agora na Solana e no Finisterre é un uso aceptado, sempre que se garantice esa titularidade pública da Solana. Batería e Calvo Sotelo teñen que ser unha extensión natural do centro da cidade, hai que limitar os usos privativos, tanto comerciais como hoteleiros. Non ten ningún sentido con todo o pequeno e mediano comercio da cidade a escasos metros e cun centro comercial con problemas de viabilidade. Ten que ser unha extensión natural de lecer pode que combinados con algún equipamento público.

- E San Diego?

-San Diego é moito máis complexo. É unha extensión amplísima de terreo, como desde María Pita á praza de Pontevedra. Pode combinar lecer, uso cidadá, acceso á cidade ao mar, cun uso produtivo, con que eses terreos sigan sendo un pulmón económico da cidade. Fixemos esa proposta do Distrito do mar, que é absolutamente compatible coa forma de entender o desenvolvemento da cidade con economías de nova xeración, ligadas ao mar e usos non contaminantes de alto valor engadido. E iso nun entorno privilexiado para ese tipo de desenvolvemento.

- E vivenda?

-O obxectivo principal teñen que ser eses usos produtivos e despois usos asociados a eses usos produtivos. Eu non son urbanista e pérdome. Pero todo desenvolvemento debe procurar a ausencia de especulación sobre o terreo e que sexa un pulmón produtivo para a cidade.

- Hai certos temas técnicos nos que se está a traballar co Porto, como o banco ou a busca dunha solución para as filtracións do túnel. Hai algo menos de tensión con eles nos últimos tempos?

-Ambos tentamos rebaixar o nivel de enfrontamento porque nunca é positivo e, se hai problemas ou disensión, hai que traballalas no plano no que hai que traballalas: no plano técnico para solucionar os problemas. Hai varias frontes nas que estamos traballando e esperemos que se poida continuar na liña.

- Na Mariña segue o asfalto que da sensación de provisionalidade e falta o plan de humanización de Creus e Carrasco. O terreo ten que pasar aínda a mans municipais. Isto tamén terá que esperar polo acordo dos peiraos?

-Ese é un acordo que xa está tomado e pendente de executar. Un acordo polo cal o Porto emitía a Madrid a solicitude de cesión e paralelamente presentaba a documentación para a legalización, que niso estamos traballando. E a partir de aí poderemos actuar sobre o lugar.

- E os 4,6 millóns que di o Porto que adebeda o Concello pola obra antes de ningunha cesión?

-O acordo era claro: o Porto presentaba a documentación para a legalización, remitía a Madrid o acordo para a cesión e nese momento nós pagabamos eses cartos e liquidabamos a operación. Ata onde eu sei non foi enviada a Madrid a solicitude e ata onde eu sei traballamos na legalización conxuntamente.

- O ano tamén estivo marcado pola cuestión de confianza para aprobar os orzamentos, que non superou no pleno pero que non acabou en moción de censura. Saiu reforzado ou debilitado?

-Non saímos debilitados, máis ben o contrario. Demostrouse que non había alternativa ao Goberno da Marea Atlántica e cando non hai alternativa, o lexítimo é facilitar a gobernabilidade. Creo agora xa está despexado o camiño de aquí a final de mandato. Todo é posible pero parece que eses tambores cesaron.

- Aínda así, e ao non ter superado o pleno de cuestión de confianza, non decidiron mudar nada a partir dese momento?

-Un sempre está en continua avaliación dos seus actos e actitudes e sempre intenta buscar solución aos problemas, neste caso, de interlocución co PSOE, que seguramente foi o que nos levou aí. A negociación dos orzamentos foi a constatación dunha desconfianza de partida. Despois dese pequeno terremoto da cuestión de confianza, creo que todos estamos atopando o lugar e camiñando nunha senda de entendemento. Chegamos a acordos co PSOE, coas alegacións dos orzamentos e para repartir os beneficios de Emalcsa. Estámonos entendendo e espero que poidamos camiñar así ata o final de tempada. En todo caso, a militancia socialista enviou unha mensaxe clara nesas eleccións primarias ao apoiar un candidato que apostaba por un entendemento entre as forzas de esquerda e ningunha ambigüidade na relación co PP.

- Cre que a marcha de Mar Barcón facilitará os acordos?

-Pois non o sei. A situación foi bastante máis complexa este tempo para centralo nunha soa persoa.

- Pois na negociación orzamentaria, focalizouse nela.

-Focalizouse se usamos ese impersoal. Nun certo momento quíxose poñer no foco na figura dela cando non era o problema. Quedou claro que pola nosa parte non ía ser o obstáculo pero alguén quixo reducir toda a cuestión a iso. Unha mágoa. Non sei, veremos como evolúe a cousa. Terá máis que ver cunha toma de posición no grupo socialista de cara onde se quere ir.

- Falaba dese acordo do reparto de dividendos de Emalcsa, en que se van empregar?

-O PSOE fixo as súas achegas, deporte base, melloras de equipamentos? un millón de euros en plans diferentes. Tamén reincorporaremos cuestións que tivemos que recurtar polas alegacións, que teñen que ver coa actividade cultural, con gastos ordinarios. E para dar cumprimento aos acordos que, no seu momento, chegamos co BNG.

- Teñen por diante asuntos no pleno nos que van a necesitar o apoio do PSOE, un é a cancelación do plan de axuste e outra é a modificación do orzamento por Riazor, xa falaron con eles?

-Si, xa se falou co PSOE e creo que hai un acordo para eses dous temas a cambio de que, en futuros modificativos, tamén contemos coas prioridades do PSOE. É un compromiso que adquirín e que volvo facer público de que en setembro atenderemos outras demandas do PSOE cun novo modificativo.

- Outro asunto que quedou na mesa por falta de acordo foi a área metropolitana. O PSOE reclama mesas de traballo antes de que se volva levar a pleno. Vostede di hai que levalo canto antes. As follas de ruta son distintas.

-Si, pero levamos moitos meses traballando. Tiñamos un acordo co anterior voceiro do PSOE e as voceiras do PP e do BNG de que o foro de traballo interno para a área era a comisión de voceiros. E eu sempre dei traslado de toda a información á comisión. A estratexia metropolitana levouse á comisión de voceiros, déuselles prazo para que formulasen achegas e non se produciron, polo que entendo que están satisfeitos co traballo feito. Creo que no grupo socialista non se está acabando de entender ben que significan os pasos. E neste momento o que significa a aprobación plenaria do procedemento do artigo 122 é simplemente dicir que A Coruña vai liderar co resto dos concellos a creación da área e a remisión á Xunta dun proxecto de lei para traballar cos municipios e coa Xunta.

- Coa aprobación de Carral e Abegondo, só queda A Coruña, e Arteixo, que irá detrás.

-A min pareceríame difícil que o PP votase diferente en Carral e Abegondo que na Coruña, creo que sería difícil de entender. Tamén o PP ten que explicar que o que si vale para Vigo non vale para A Coruña.

- A oposición esixe un informe xurídico pendente.

-Este mes a comisión de xuristas, que se nomeou de común acordo con toda oposición, ten que entregar ese informe. Cando o entreguen, darase traslado. Convén non confundir. Oleiros, Sada, Cambre, Carral, Abegondo, Bergondo, Culleredo e Betanzos? todos aprobárono sen o informe. O secretario do pleno deixouno claro, o primeiro informe dos xuristas tamén. Nestes momentos temos todo o que hai que ter para aprobar ese inicio de procedemento do artigo 122. Só falta a vontade política do PP e PSOE.

- Un traballo que si foron quen de desenvolver en conxunto foi a segunda convocatoria dos fondos europeos DUSI, con final feliz. Erraron na primeira fase?

-Non o sei, creo que non. Simplemente houbo candidaturas que tiveron máis puntuación. Seguramente se tivesemos atopado o nivel de colaboración que se atopou despois, poderiamos ter ido a un formato como o da segunda vez, cun refrendo xeral. Pero naquel momento non había un clima que nos permitise ver colaboración nos outros. Seguramente teriamos menos ruido se as cousas se tiveran feito doutra forma pero a situación non era igual. De todas formas, non eran propostas tan diferentes, tecnicamente era mellor a segunda porque houbo máis tempo para preparala.

- Un dos puntos clave do seu programa era o cambio de modelo de mobilidade. Está satisfeito co feito ata agora nesa materia?

-Non, temos que ir moito máis alá. Tardamos en comezar a poñer en marcha cousas. Xa estamos nun proceso que non é visible pero é complexo, como é a revisión da concesión de Tranvías. En canto ao deseño das liñas, creo que poderemos asinar en breve o convenio coa Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona [Salvador Rueda ], que nos vai dar ese soporte técnico para avanzar. Temos pendente un texto que se lle trasladou hai tres meses aos grupos, un pacto pola mobilidade, porque o que o modelo de mobilidade e de espazo público non debe variar esencialmente se cambian os gobernos municipais.

- Un pacto atrancado.

-Por parte do PSOE pedíusenos tempo para poder solucionar esa cuestión interna e creo que é hora de empezar a pensar na Coruña e de darlle para adiante. En canto a mobilidade ciclable hai un compromiso claro monetario e esta semana asinaba coa Deputación o convenio para o carril bici metropoliltano ao que se suma un millón de euros máis para carriles bicis propios para licitar e executar entre este ano e o que vén. Haberá novas estacións de Bicicoruña e co DUSI electrificaranse as bicis. E a peonalización da Cidade Vella, que hai que abordala nestes dous anos.

- En que quere que se note esta negociación coa concesionaria dos buses urbanos?

-Sexa como sexa que se resolva isto, se Bruxelas permite seguir con Tranvías ou se temos que sacar novo concurso, creo que imos poder ofrecer mellor servizo aos cidadáns, mellor cobertura e unhas tarifas máis acaídas para a xente.

- Co carril bus deron varias datas que non se cumpriron, cando e onde se porá en marcha?

-Houbo unha intención de incluilo como unha peza máis dese pacto de mobilidade. Quedou pendente de que encaixemos todas as pezas para que non se centre toda a discusión nunha cuestión illada. Imos ter vías segregadas para o transporte público e, sobre todo, se avanzamos no transporte metropolitano, porque haberá máis afluencia de buses á cidade.

- Falando do bus metropolitano, destensou a relación coa conselleira de Infraestruturas tras a reunión da pasada semana?

-A semana pasada avanzamos. Algo. Tamén a nivel técnico nunha reunión o xoves. Creo que imos por bo camiño pero con toda a prudencia da experiencia de estes meses.

- Outro tema sen cerrar coa Xunta é a intermodal, na que tamén está Adif. A consellería di que, coas súas últimas peticións, debe partir de cero no proxecto da estación de buses, por que non se propuxeron antes os cambios?

-Nós o que partimos é dun proxecto que levou a Xunta ao que fixemos as nosas advertencias. Cando tivemos información dese proxecto, que non coñeciamos, e Adif puxo información enriba da mesa, vimos que o que había eran problemas graves de compatibilidade de ambos proxectos. E nós o que fixemos foi buscar solución. Culpar ao concello da Coruña dos problemas que tiña de partida o proxecto da intermodal, creo que non é xusto. Nós en todo momento tivemos un ánimo construtivo e, se nalgún momento se nos tivese dado a información que se nos deu en marzo deste ano, poderiamos ter avanzado doutro xeito. Pero eu non fun o que decidiu facer as cousas así.

- A reordenación das liñas foi tradicionalmente un tema conflitivo a nivel veciñal. Atreveranse?

-O momento oportuno será cando se implante o sistema metropolitano e se renove o urbano. Temos oportunidade para que esas dúas mallas se complementen e que uns buses den servizo a unhas liñas e outros a outras e se difuminen os limítes dentro e fóra do concello.

- Iniciaron a municipalización das bibliotecas en novembro. Non urxe a decisión de seguir ou facer un novo concurso?

-Tense que resolver nos próximos días. É certo que no medio deste proceso houbo primeiro un informe do secretario que non compartía a tese da asesoría xurídica do Concello. Esa diverxencia foi expresada en termos firmes e fixo que houbese que replantexar a folla de ruta. No medio, esa Disposición adicional 27 dos orzamentos do Estado, que viña prácticamente a prohibir as municipalizacións. Houbo agora un cambio nesa disposición que nos sitúa nunha posición mellor da que estabamos antes. Abre outra vía que é a das empresas públicas. Neste impás, o que estamos é estudando os pasos para dar continuación. Pero é evidente que non podemos seguir máis tempo nesta situación e temos que rematar o asunto que comezamos o ano pasado.

- Comandancia de Obras, resolverán a okupación? Fomento está a piques de contratar a reforma dos edificios de Metrosidero.

-Efectivamente eses son uns edificios cedidos ao Concello e onde Fomento ten a punto de contratar un investimento forte. Queremos que iso sexa un equipamento público de acceso universal e creo que é dificilmente xustificable a ocupación dun edificio que vai estar destinado a servir ao conxunto da cidadanía e non que estea destinado á especulación nin a ningún outro uso ilexítimo. Agora ben, non é un problema que haxa que resolver manu militari. Por tanto, estamos intentando outras vías diferentes a esas, que den outro resultado, porque creo que ao final o razonable é que todos pensemos que un equipamento público debe ser gozado polo conxunto da cidadanía e que aí a lexitimidade da ocupación non está tan presente.

- E o contido?

-O contido teremos que anuncialo no seu momento. Estamos elaborando un plan de usos e faremos as cousas ordenadamente.

- Ata 8,3 millóns para Riazor. Houbo dúbidas en destinar ao estadio o maior investimento nunha obra do mandato?

-Efectivamente é un investimento moi alto e creo que xustificado en tanto en canto se trata dun asunto de seguridade. Ademais, daráselle unha vida útil de cincuenta anos. Se un prorratea o número de anos, está xustificado. Isto ten que levar aparellado e dar inicio a unha relación doutro tipo entre o Deportivo e o Concello, mais estreita e de máis de colaboración, que vaia máis alá dunha obra nas cubertas. Estamos traballando niso.

- No marco do convenio.

-Si, agora é un convenio de cesión dun espazo e cremos que hai que avanzar e ter un convenio de relación.