Cheikh Fayé durme desde hai case un ano con tres bicicletas no seu cuarto. Non son para el, son para os seus fillos que viven en Senegal e, cada día que pode, aforra un pouquiño e, outro día, outro pouquiño do que lle dá o seu traballo de vendedor ambulante en feiras e festas por toda a xeografía galega. Envialas a Senegal á que é tamén a súa casa, Gade Escale, aínda que só vaia de vacacións cada varios anos, cústalle case tanto como mercar outra bicicleta máis. O xoves, ás 20.00 horas, presentará o seu libro cunha lectura pública na praza das Conchiñas.

Di que a súa historia é a historia de tantos outros inmigrantes, un home que buscaba ter unha vida mellor, "un progreso económico" e ao que a realidade decepcionou en canto puxo "un pé no terreo", coma a tantos outros. Dicíanlles que a vida en Europa era sinxela, que había oportunidades e emprego. Cheikh Fayé non chegou en caiuco, podería, pero ao final conseguiu non facelo, chegou a Francia en avión e, alí, outro senegalés fíxolle cambiar os seus plans de ir a Italia, díxolle que mellor a España e, mellor que o Levante, Madrid, Barcelona ou Pamplona, que fose a Galicia e, na Coruña, leva xa catorce anos. Agora, grazas á Asociación Sociopedagóxica Galega, ten editado o seu primeiro libro, Ser Modou Modou, que é como se lles chama en Europa aos emigrantes senegaleses, xa que Modou é un nome moi típico no país africano.

Defende o activismo, aínda que o seu día a día sexa precario, considérase Senegalego, metade senegalés, metade galego, unha persoa adaptada e, con esa idea, creou a principios de maio do 2015 o seu blog, un caderno de bitácora no que fala da súa vida, dos seus soños, das feiras nas que traballa e ás que non pode ir porque lles cobran a 50 euros o metro de posto e non se pode arriscar a non vender e voltar á casa con menos cartos dos que levou.

Ser Modou Modou ten textos do blog, escritos coa axuda dun compañeiro, mais tamén reflexións que nunca antes viran a luz e un prólogo escrito por María Xosé Bravo coa que, durante só uns días, compartiu a lista do BNG ás últimas eleccións municipais. Foi unha experiencia breve porque tanto o seu nome como o do seu compañeiro Diby Fall foron excluídos por non teren a nacionalidade española nin europea.

Di Cheikh Fayé que lle gustaría ter participado nas eleccións, saber que podía dar voz a veciños que, coma el, están ocultos, aínda que non o queiran. Non puido ser, pero non se rende, considera que aínda hai moitas cousas que se poden cambiar na cidade para facela máis igualitaria. Sobre se hai cidadáns de primeira e de segunda, Cheikh Fayé teno claro: "si, pero non brancos e negros senón ricos e pobres", explica este home que ten formación universitaria en Xeografía e Historia, aínda que non rematou a carreira e que asegura que a cultura e a educación son ferramentas ben útiles para cambiar o mundo.

Fala de que a crise económica é aínda máis dura con quen non ten papeis. "A maioría dos inmigrantes senegaleses temos problemas de comunicación, a maioría é analfabeta, en Senegal temos o francés, pero moitos non foro á escola francesa senón á de estudos coránicos. Se tes un certo nivel en francés tes máis facilidade para aprender o castelán", explica Cheikh Fayé, que sinala o idioma como un "freo" para a integración.

Asegura que, quen marcha do seu país ten sempre a idea de voltar, el tamén soña con Gade Escale, onde aínda viven a súa muller e os seus tres fillos. A súa mente está alí, con eles e coa súa comunidade, así que, ademais de traballar a diario, de aforrar e de loitar coas modas -no seu posto vende en inverno paraugas e no verán cintos e reloxos- e a climatoloxía, ten un soño, o de construír un muro na escola da súa vila para que os animais non entren no patio e para que os rapaces estean resgardados. É só un muro, mais precisa financiamento para erguelo, algo que non sobra entre os inmigrantes senegaleses nin entre os veciños da vila.

Cheikh Fayé vive na contradición de ser un pai na distancia pero de ser tamén quen, desde lonxe, manda recursos. "Teño asumido que non se pode ter éxito en todas as facetas da vida. Moitos dos meus compañeiros din: 'non temos vida", porque cando son as festas alá nós nunca estamos e aquí, estamos sós, falando por teléfono coa familia", explica. Defínese como "optimista", así que, sabe que, a pesar das dificultades, se consigue "aguantar", conseguirá ter unha vida mellor e atopar solucións aos problemas que se presenten.

Sobre se a sociedade galega e coruñesa é acolledora ou racista, Cheikh Fayé ten claro que atopou moitas mans abertas que noutros lugares. Hai un texto no libro, Tres comidas en Corme, na que conta como unha avoa, ao ver que montaba a súa tenda de campaña para pasar alí as festas e intentar vender algo, baixou co almorzo e advertiulle de que tamén lle levaría o xantar e a cea. Así foi durante os tres días da festa. Hai uns días, cando Cheikh Fayé recibiu o libro xa editado, viaxou a Corme en busca da muller, de Aurita. Atopouna e regaloulle un exemplar. Agradeceullo moito. Non sempre se ten a oportunidade de axudar a quen, anos despois, escribirá un libro que sirva de telescopio para quen non sabe como é a vida dun inmigrante.

Ser Modou Modou ten unha tirada de 500 exemplares que se poden mercar na páxina web da Asociación Sociopedagóxica galega www.as-pg.gal, a un prezo de doce euros, tamén en librarías e no posto de Cheikh Fayé, alá onde estea facendo a feira, porque sempre leva uns poucos na furgoneta para os seus clientes. O libro conta, ademais, cunha escolma de debuxos que lle fixeron os alumnos do colexio Sanjurjo de Carricarte, sobre como imaxinaban eles que era África, logo de que Cheikh lles contará detalles do Senegal.