O fondo vínculo entre Galicia e La Habana sae a escena en forma de música en Son galego, son cubano, o espectáculo de salsa e melodías tradicionais artellado por Roi Casal a partir das letras do xa falecido escritor Neira Vilas. Tras xirar durante 2 anos por escenarios de todo o mundo, o artista pontevedrés chegará esta tarde ás 20.00 horas ao Teatro Colón da cidade, a derradeira galega que lle quedaba por visitar, na que interpretará, arroupado por músicos de ambos lados do charco, os temas do seu disco homónimo.

Nel, son preto de 15 os artistas que reconstrúen coa súa participación os lazos entre ambos enclaves. Pablo Milanés, Laritza Bacallao e os membros da banda Milladoiro contabilízanse entre os colaboradores deste proxecto de ampla factura artística, no que as partituras se poñen ao servizo do relato das vidas de todos aqueles galegos que, un día, saíron de Galicia para gañar o pan ao outro lado do Atlántico. "É un proxecto que atrae, non só pola calidade musical que ten, senón pola profunda historia que conta", explica o seu artífice, Roi Casal, que define o espectáculo como "moito máis que un concerto".

Para o músico de Catoira, Son galego, son cubano tense convertido tamén nunha homenaxe ao autor que prestou as súas verbas á causa. Neira Vilas sumouse ao proxecto no 2014, cando se decatou do encargo que as autoridades cubanas lle fixeran a Casal. "Propuxéronme facer algo que unise Galicia e Cuba, porque alí estiveron os galegos 150 anos. Entón Vilas díxome que se quería podía asesorarme e escribirme algunhas letras", lembra o cantante, que traballou co escritor ata o seu falecemento a finais do 2015.

Os recordos de Vilas, que percorreu durante 31 anos a illa como parte das súas labores no Ministerio de Industria, foron a "materia prima" do proxecto. O autor retratou nas súas estrofas moitas das personaxes que, chegadas desde Galicia, remataron por converterse en emblemáticas do arrecife, como os pescadores do Golfo, o Caballero de París ou o General Villamil, un "galego que loitou pola independencia cubana". "Na Habana chegou a haber máis de 60.000 asociados ao Centro Galego. Esa pegada non se borrou", asegura Casal, que viaxou varias veces á illa para "coñecer cal é a relación profunda" que a une a Galicia.

O cantante falou con músicos, historiadores e asesores do lugar antes de compoñer a primeira nota de Son cubano, son galego, cuxa estrea Neira Vilas non puido gozar. O escritor só escoitou 3 maquetas do que sería o espectáculo, que se presentou en maio do 2016. "Cando estabamos a punto de saír para o Gran Teatro de La Habana, faleceu. O estreamos cun concerto moi emotivo, recordándoo", di Casal, que sinala a identificación do público como a clave do éxito do show.

Conta o pontevedrés que "hai miles de galegos que se senten representados nesta historia", que ten deixado unha impronta que, aínda a día de hoxe, non esmorece. "O himno estrenouse na Habana, e tamén a bandeira. O último que vían os que saían a Cuba desde A Coruña era un estandarte branco cunha raia azul na Capitanía da Autoridade Portuaria. Cando chegaron alá, a tomaron como bandeira", explica Casal, que considera mellorable as relacións actuais entre os dous enclaves. "Lamento que presidentes de todo o mundo teñan visitado Cuba e o de España non. Pero Neiras sempre dicía que a música vai por diante da política. A cultura vale para irmandar".