O IES Isaac Díaz Pardo de Sada é un dos cinco centros educativos seleccionados para participar na cuarta edición de Miniempresas Coruña, un programa coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, financiado pola Fundación Alcoa e no que colabora LA OPINIÓN. Ademais deste centro traballan nesta iniciativa que busca fomentar a creación de empresas o CIFP Paseo das Pontes, o IES Universidade Laboral de Culleredo, o CIFP Ánxel Casal e o CIFP Someso, este último con dúas miniempresas.

Baixo o paraugas de Lagoa Xestión de Proxectos Sociedade Cooperativa Galega, o IES Isaac Díaz Pardo xa participou en Miniempresas Coruña en 2016 cun horto urbano e o ano pasado cunha empresa de roupa térmica. Nesta ocasión o proxecto basesase na construción e venda de vivendas para mascotas automatizadas e personalizadas por parte de 50 alumnos dos departamentos de Tecnoloxía e Economía de 4º de ESO e de 1º e 2º de Bacharelato. A iniciativa partiu dun "torbellino" inicial de ideas para buscar un produto innovador. A coordinadora do proxecto, Patricia Iglesias, destaca que como na zona de Sada hai moitas vivendas unifamiliares e cada vez máis mascotas, pensaron en crear vivendas confortables para as mascotas pero cun deseño personalizado segundo as preferencias do cliente, o tamaño do animal ou a extensión da finca. Tamén contará cun dispensador de comida automatizado e mesmo con iluminación a través da enerxía solar. Explica que por agora están na fase de preparación mirando modelos para escoller o deseño base e aprendendo a crear presupostos para a compra de materiais para despois empezar a construir o prototipo de vivenda con tódalas instalacións para aplicar así os contidos das materias. O departamento de Economía encárgase da parte de financiamento e marketing, que inclúe a creación do deseño da páxina web, a través da cal tamén se poden vender os produtos. Iglesias sinala que como se trata de produtos "caros e exclusivos" pensados para un determinado perfil de cliente non descartan ofertar a mesma vivenda pero sen instalación fotovoltaica, que é o que incrementa máis o custo, para poder chegar a máis mercado.