As características que conforman hoxe a realidade política, despois do cambio de Goberno no Estado, facilitan, sen voluntarismo de ningún tipo, unha onda de esperanza respecto ao mantemento de diferentes espazos públicos obxecto de operacións de poxas ou vendas directas nos últimos tempos. A política seguida polo Executivo de Rajoy, amparada pola Xunta, apostou por unha liña clara consistente en desprenderse de espazos que pertencen ao común, como as parcelas do Campo da Estrada e o hotel Finisterre. Esa ofensiva privatizadora adoptou diversas formas, determinadas pola situación financieira da Autoridade Portuaria e por pactos e compromisos asinados polo Concello en 1984 e 2004. A derrota política e moral do PP, á marxe das consideracións que se queiran facer sobre a inmoralidade do comportamento do partido do anterior Goberno e o oportunismo da oposición, abre novas expectativas respecto ao patrimonio público na Coruña.

A defensa do patrimonio público é hoxe un asunto que está sobre o tapete, é un feito, non unha mera hipótese que poidamos libre e gratuitamente descartar ou aceptar; como tamén está sobre o tapete a necesidade de que as diferentes organizacións políticas tomen posición ao respecto, posto que as solucións non son obvias. Resulta claro, por outra parte, que o patrimonio público é unha realidade de rostros múltiples, entre os que cabe destacar, polo menos, o seu lado máis nocivo, isto é, a especulación: os grandes grupos hexemónicos dispoñen de liquidez e os prezos do solo están baixos, xa que logo, é un mal intre para vender, pero excelente para mercar. Tanto as parcelas do Campo da Estrada como os terreos ocupados polo Finisterre son comunais. Iso non hai que demostralo, sábese.

Desde esa perspectiva, como é posible que o prezo ao que está tasado o hotel Finisterre non alcance sequera os 1.000 euros por metro cadrado, o prezo dunha vivenda de protección oficial? Como é admisible que o Concello permita esa operación sen restabelecer a condición de público, previa modificación do PXOM, cando son terreos gañados ao mar? Como é posible que aínda existan organizacións políticas que toleren e xustifiquen con total lixeireza o feito de que poida sacarse rédito do público? Este era, e aínda o é, un aspecto fundamental do cambio prometido: o compromiso de transformar e substituír aqueles comportamentos por outros máis axeitados coa vontade e os desexos da veciñanza. A dicotomía non é outra que a de ese enfrontamento prepotente e irracional entre os depredadores do público e a veciñanza da Coruña que paga os seus impostos. A este respecto, a responsabilidade histórica da Corporación sería gravísima, porque por primeira vez dende 1850 pódese consumar a privatización dun espazo en primeira liña de costa.

Devolver ao común o seu carácter de cidade culta e moderna, oporse tanto ao delirio mercantilista e estritamente recadatorio de organismos públicos, substituír a cidade que busca o lucro para obter rendibilidade a costa dos cidadáns pola da participación a través dunha consulta popular son algunhas das cuestións que requiren un posicionamento claro e valente das diferentes forzas políticas para evitar a reprodución de vellos prexuízos e para mellor alumear a toma de decisións. Nos últimos tempos producíronse mobilizacións importantes articuladas sobre reivindicacións do común cuxo balance é sumamente positivo, pero a novidade da situación permite albergar a esperanza de que, ao fin, poderánse executar os acordos plenarios relacionados coa paralización das poxas e vendas directas do Finisterre e o Campo da Estrada que están en marcha.

A sensibilidade do novo goberno nas cuestións descritas servirá de confirmador ou corrector desas esperanzas que moitos cidadáns agardamos. Xa se sabe que as esperanzas non coinciden sempre coa acción e os resultados. Pero pode ser un punto de partida axeitado para desenvolver unha praxe política capaz de consolidar os intereses de amplos sectores da poboación fronte aos da especulación.