- Cal é a situación das negociacións cos veciños e comerciantes sobre o plan de peonalización?

-Eles fixeron unha proposta que entendo que é de máximos. Cando fixemos a proposta de que houbese unas prazas destinadas exclusivamente a residentes, entendimos que era positiva por parte do Concello, pero está claro que non lles parece suficiente. O que estamos facendo agora é buscar un equilibrio a partir da proposta que fixeron con arredor de 200 prazas no contorno inmediato da Cidade Vella, porque ao mesmo tempo que nos interesa darlle unha resposta aos residentes queremos que haxa rotación nas prazas de aparcamento. É unha demanda dos comerciantes que parece lóxica e lícita para que a Cidade Vella se manteña en movemento e se dinamice. Estamos respectando a maior parte da súa proposta, coas 248 prazas que poñemos á súa disposición, pero imos facer pequeñas modificacións.

- Pero o problema será atopar tanto espazo para residentes e o resto dos condutores.

-No contorno da Cidade Vella hai 800 prazas para aparcar, pero nun contorno amplo. Pero nós sempre dixemos que eliminariamos a posibilidade de que puidesen aparcar dentro do barrio entre 190 e 200 coches, aínda que coa reordenación das prazas do contorno creariamos entre oitenta e cen prazas, co que estaríamos suplindo esa perda. A iso hai que sumar que os aparcamentos privados recibiron moitas peticións de residentes para as prazas a prezo reducido, polo que entendíamos que a situación se equilibraría. Os veciños están pedindo loxicamente unha mellora da súa situación e temos que ver ata que punto podemos chegar conseguindo que se manteñan prazas de rotación no contorno, porque non queremos que a xente vexa como algo imposible achegarse á Cidade Vella en coche, aínda que nos gustaría que utilizasen os parkings. E hai que ter en conta o esquema circulatorio, porque se trata de que as vías que van ser de tránsito teñan prazas de rotación e que nas que son final de camiño metamos as de residentes para evitar que haxa coches circulando na busca de aparcamento.

- Os comerciantes afirman que a xente ten a percepción de que non se pode chegar en coche á Cidade Vella.

-Na Cidade Vella temos a maior porcentaxe de aparcamentos soterrados nunha zona concreta da cidade. Esperamos que o que vaia de forma puntual á Cidade Vella utilice un aparcamento soterrado aínda que teña oportunidade de aparcar en superficie, porque o paseo marítimo vai manter prazas de rotación e esperamos que as haxa nas rúas Maestranza e Metrosidero porque van ser vías de circunvalación, xa que a primeira terá só sentido ascendente para conectar coa segunda.

- Nalgún momento se pensou en aplicar o modelo do casco histórico de Santiago, onde ninguén pode circular?

-A máxima que tiñamos dende o principio era a de dificultar o mínimo posible a vida aos veciños da Cidade Vella. O tráfico vai ser restrinxido e imos facilitar o acceso aos residentes, mentres que a carga e descarga vai ser nas horas habilitadas, como na Pescaría, pero quixemos entrar cun plantexamento brando para ver como funciona. Na mesa de seguimento do plan de peonalización dixemos que fariamos unha avaliación da implantación, polo cal é revisable. Entendemos que esta formulación é posible porque a Cidade Vella é final de traxecto, non é lugar de paso, e máis co funcionamento do túnel do Parrote, polo que ninguén vai ir á Cidade Vella a circular polo medio porque non vai ter ningún sentido. Para nós este proceso é moi importante, e por iso tratámolo de forma integral e con varias concellerías, porque intentamos que sexa unha referencia para outros que se fagan na cidade, xa sexa a nivel de barrio ou da propia cidade en xeral.

- Cre que haberá resistencia á saída dos coches do barrio?

-Ninguén discute na Cidade Vella a peonalización, o que se pode discutir son detalles sobre como facela, e por iso estamos tan ilusionados con este procedemento. E xa estamos dando pasos concretos, porque xa se fixeron cambios como a rotonda de Veramar co paseo marítimo ou xiro á esquerda na Hípica, e hai outras accións como a aprobación da nova ordenanza de rehabilitación, na que se dobran as contías para vivendas e locais comerciais, e que introduce mecanismos para evitar a xentrificación do barrio e fixar a poboación.