Unha lembranza para Xabier P. Docampo, para as verbas que aprendeu sendo neno, ao carón da máquina Alfa da súa nai, verbas como ganduxar ou enfiar, que falan de unir teas, pero que serven tamén para compoñer historias, aquelas que aprendeu do seu tío zapateiro e do seu pai muiñeiro, porque foron eles quen lle transmitiron a arte de contar e de marabillar a quen escoita. Na primeira Feira do Libro sen Xabier P. Docampo, todo na inauguración, sobre todo o pregón de Xavier Senín, soou a el e ao seu labor a prol da divulgación da lingua galega.

Serán dez días nos que os Xardíns de Méndez Núñez conten con novidades, con presentacións e con oportunidades para abrir os ollos a mundos diferentes, descoñecidos ou esquecidos. O alcalde, Xulio Ferreiro, lembrou onte que na Coruña e na súa comarca hai máis de oitenta clubes de lectura nos que participan máis de mil persoas, das que, a inmensa maioría son mulleres. E lembrou tamén a vicepresidenta da deputación, Goretti Sanmartín, a necesidade de non esquecer a literatura galega.