Non teño máis que boas palabras para un home que medrou entre libros, canaveiras, edificios e choiva. Porque José Luis Rabuñal Patiño (A Coruña, 1941) combina ese espírito renacentista do coñecemento enciclopédico, a fortaleza física e mental do explorador da natureza e a praxe dilixente do que axuda aos demais. Creceu á discreta sombra do monte Alfeirán de Palavea, entre castiñeiros centenarios xunto ao rego de Quintas e as hortas do camiño ao Portádego. Plantas, insectos, anfibios, réptiles e aves sarapintaron a súa infancia nos 50 e 60, nunha contorna aínda pouco urbanizada. Ten gratos recordos da ría do Burgo, daquela farturenta en criaturas invertebradas e vertebradas, aínda vizosa e salvaxe. Nos anos 70 a febre do cemento cambiou esta contorna coruñesa, e, sincronicamente, cambiou tamén a vida do propio José Luis, xa daquela inmerso nos estudos e para o que a posterior adicación ao traballo e á familia suporía un esforzo case a tempo completo. Pero ás portas da década dos 80 el atopou outro paraíso natural temperado co salseiro mariño: a Costa da Morte. Desde agosto do ano 1979 percorreu pertrechado con botas de goma e prismáticos tanto a enseada da Insua, no esteiro do río Allóns, como a lagoa de Traba en Laxe. Horas de goce biolóxico, exposto aos elementos, onde experimentou con especial paixón e sensación de plenitude -como el mesmo relata- o encontro con aves divagantes procedentes de Norteamérica, empuxadas ata o noso balcón sobre o Atlántico por potentes borrascas de compoñente oeste. Ata entón apenas había mencións ibéricas destas especies que rara vez chegaban a Europa, pero José Luis Rabuñal estaba seguro que as rías, enseadas, esteiros e marismas do recantiño noroeste galego serían un bo lugar para atopalas. Fíxose con dúas guías de aves americanas e estudounas a fondo. E, felizmente, un rarísimo pilro de Maur o 8 de setembro de 1979 confirmou a súa teoría. Era a primera mención ibérica desta pequena limícola -aves de patas e bico longos ligadas a zonas húmidas- nidificante na tundra de Alaska e que pasa o inverno no litoral do Pacífico sudamericano. Todo un achado. A emoción derivada dese encontro, ademais da vontade de coñecer pormenorizadamente a evolución das poboacións de aves que recalan neses espazos naturais, sexan raras ou non, levou a José Luis Rabuñal a repetir e repetir as visitas tanto á enseada da Insua como á lagoa de Traba. Ten feitas as contas: desde 1979 ata este mesmo mes foi 4712 días ao primeiro lugar e está a piques de acadar as 3000 visitas ao segundo. Grazas a este esforzo localizou 230 individuos de especies de aves americanas, desde patos asubións americanos ata carráns de Forster, pasando por abetouros americanos, gaivotas de Bonaparte e numerosas limícolas. Todos estes avistamentos foron detalladamente documentados por el, cunhas minuciosas descricións que transmiten tanto unha excepcional capacidade de observación como unha sincera emoción polo feito do descubrimento en si. Ademais, José Luis Rabuñal relata estes encontros cunha enorme vivacidade e riqueza, cun cariño absolutamente contaxioso. E os seus coñecementos non só se limitan á ornitoloxía: coñece moi ben a flora da zona, así como moitos dos insectos, mamíferos, réptiles e anfibios que tamén inzaron a súa infancia de recordos e vivencias nunha Coruña aínda silvestre e pura. Aparte de acadar un grande éxito a nivel profesional e ser agora un adorable avó, Rabuñal -como o chamamos moitos- é unha excelente persoa, accesible e sempre de bo humor. A pesar da diferenza de idade, podo consideralo un amigo, e moitos dos compañeiros do Grupo Naturalista Hábitat -ao cal Rabuñal adicou tamén moitas horas- tamén o consideran así. É unha lenda viva do naturalismo galego, e un exemplo a seguir por moitos. Tamén para min.