Inicia o curso, tamén en María Pita, a concelleira do BNG, Avia Veira, e número dous da vindeira candidatura analiza como foi esta lexislatura e, tamén, o que lle espera á formación até a próxima cita coas urnas.

- A primeira clase do curso no Concello foi o luns, con control incluído, cambiou algo?

-Desgraciadamente non, as preguntas seguen a ser as mesmas. Todo segue no mesmo punto.

- Teñen a sensación de que os temas que pon enriba da mesa o BNG non pasan de aí, do debate?

-Cremos que a cidade ten un reto importante que é o tema da mobilidade, máis alá do bus, cremos que é unha cuestión que pode, realmente, cambiar a vida da cidade e non se avanzou nada. Neste caso, non se fai nada e non é porque a oposición bloquee as iniciativas, xa que hai decisións que dependen directamente do concelleiro ou da Xunta de Goberno Local.

- Comeza o curso, pero en maio hai exame final, o BNG xa ten candidato á Alcaldía, que é Francisco Jorquera, e segunda da lista, que será vostede, como van preparar esa proba para mellorar o resultado da anterior?

-O que levamos facendo estes tres anos, poñer enriba da mesa que a Marea ten que cumprir o seu programa electoral, xa que nós apoiamos a Xulio Ferreiro para que fose alcalde. Estámonos reunindo con numerosas entidades da cidade para escoitalas e para ir amosándolles o noso proxecto de cidade.

- Se Marea Atlántica cumprise o 100% do seu programa, o BNG estaría contento coa xestión?

-O programa non ten un proxecto detrás e pensamos que a Marea non cre nas posibilidades da cidade, estes tres anos estivo atendendo o día a día e non ía máis alá. A descentralización dos servizos sociais, por exemplo, é algo que, se o Goberno local non fixo antes foi porque non quixo e se o fai agora é porque pleno si pleno tamén lle estivemos preguntando por ese tema. Cando un fai un programa electoral ten que ter valentía para cumprilo, nalgúns casos tiña que ter retirado concesións e remunicipalizar.

- En maio hai só tres posibilidades para o BNG, quedar como está, subir ou desaparecer de María Pita, que lle din as enquisas?

-Só nos fiamos dos resultados das eleccións. Nós só aspiramos a máis, a subir para que esta cidade poida ter un proxecto ilusionante. Nós cremos nas peonalizacións, pero como se fixo en Pontevedra, cremos en cidades máis amables e ademais temos a proba de que funciona porque xa o BNG o fixo noutros sitios. Cremos que co porto se poden resolver moitos problemas da cidade e da comarca. Temos demostrado que, no pouco tempo que estivemos na Coruña, con todos os erros do mundo e co pouco espazo que tivemos, intentamos que a cidade cambiase. Tamén nos espazos que ten o BNG noutros concellos do país, demostra que ten unha política valente e que transforma os concellos.

- Pésalles aínda ese paso do BNG por María Pita?

-Eu creo que dos erros hai que aprender. Á cidade hai que darlle un revulsivo. Se alguén marchou no 2015 da cidade e volve agora, non ve ningún cambio.

- Agora non hai corridas de touros, Riazor está en obras e a Cidade Vella non ten coches...

-Si, pero a Cidade Vella non reviviu en absoluto. Vale que se quitaron os coches, iso é moi sinxelo de facer, pero tiña que ir acompasado dun proxecto de revitalización. Se vas aos mercados municipais non cambiou nada, se colles un bus tampouco cambiou nada. Neste caso tiveron a valentía de declarar caducada a concesión, pero sen nada detrás. En decembro acaba a prórroga e non sabemos que vai pasar.

- O anterior programa electoral tiña até 1.200 propostas veciñais, como van facer o vindeiro?

-Vai haber achegas da xente, pero pretendemos ser algo máis sintéticos para que a xente visualice o que nós queremos para a cidade e, se lles gusta e se senten identificados, que nos voten. Non será tan profuso nin tan pormenorizado.

- Por que non é vostede a cabeza de lista, logo deste mandato no que estivo de cara visible, non era tempo para o BNG de ter unha muller candidata á Alcaldía?

-Estes catro anos foron moi intensos e a miña intención non era ser cabeza de lista, tampouco o fun no 2015. Eu estou contenta con que Jorquera sexa o número un e eu a número dous, porque a organización entendeu que o meu traballo se tiña que poñer en valor. Apostamos por unha persoa solvente, con experiencia, con coñecemento de como funcionan outras administracións.

- Que vai cambiar o BNG para que os resultados sexan mellores?

-Eu creo que temos que saír con ganas de gañar. Nós cremos que somos unha organización en alza e que a xente valora moito a nosa solvencia e ve que os concellos gobernados polo BNG están mellor do que estaban.

- Antes non crían que podían gañar?

-É unha cousa que nos pasa e que non sei por que é. Cremos que a cidade merece un goberno do Bloque para darlle ese pulo que lle falta.

- Como vai chegar a máis xente se o BNG se renuncia a sacar rédito político das súas accións?

-Nós cremos na autoorganización do pobo, por iso participamos, non o facemos por mero interese electoral. Procuramos que a nosa militancia participe das súas asociacións veciñais e que sexan un instrumento de vida dos barrios e que ten que pelexar polo seu.

- Iso no patio acaba con que outros lle comen o bocadillo.

-Xa, pero nós cremos niso e por iso o facemos. Xa sei que é incomprensible e que hai xente que nos come os réditos.

- Por onde cre que vai medrar o BNG? pola abstención, polos votantes do Bloque que apostaron por Marea, polos novos?

-Eu creo que sairá de moitos sitios e de xente que antes votaba outras opcións e que agora quere un cambio para a cidade.

- E os novos compañeiros de colexio, como os ve?

-Eu creo que Beatriz Mato, na Coruña, pouco ten que vender, porque quere poñer unha pranta de lixo en Santa Icía, e unha de aceites en Oza. Co seu salario de conselleira o que fai é venderse como candidata. Eles saberán a quen queren presentar, pero votou en contra dos intereses da cidade na Autoridade Portuaria. Do PSOE espero que resolvan pacificamente e ben a súa candidatura. Ferreiro era previsible que repetise, agora creo que teñen que facer autocrítica.