- Leva dous días nos que, desde case todos os lados, lle piden a dimisión, que vai facer?

-Eu creo que, por desgraza, as responsabilidades que había que tomar, xa se tomaron, a pesar de que o que sucedeu é un erro humano que se saíu de nai. É un erro serio, pero entra nos labores dos funcionarios, creo que se potenciou excesivamente polos ataques da oposición ao Goberno local. Son erros administrativos, demostrouse no proceso e os propios funcionarios dixeron por escrito que non houbera inxerencias políticas, nin parcialidade, que tomaron as decisións con total liberdade. Entristéceme que o PP e o PSOE me pidan a dimisión porque o que lles pasa é que non están de acordo coa política urbanística que se está a facer neste Concello. Estamos indo á liña de flotación dun sistema que estaba pensado para convertir a vivenda nun ben de mercado e non nun dereito.

- Pero hai dúas resolucións do Consultivo que din que, cando menos, dúas compras son nulas e, casualidade ou non, estes dous pisos pertencen á mesma persoa, que é asinante do manifesto fundacional da Marea, iso non ten que ver coa oposición.

-Eu creo que si. Os ditames son contundentes, falan de erros, de irregularidades, de que non se comprobaron cuestións que se tiñan que ter comprobado... En ningún momento fala de amiguismo nin de decisións discrecionais. Cando vimos que podería haber outros pisos nos que se podería ter incurrido en erros, o que fixemos foi levalos á Xunta de Goberno para que o Consultivo decida sobre eles. Levaremos cinco dos seis pisos para que chegue até o final. Intentamos dotar o proceso da seguridade xurídica que non tivo até o de agora.

- O que di o Consultivo é que non houbo libre concorrencia.

-E é certo. A resolución é moi estrita, non é o noso criterio nin o da Asesoría Xurídica nin o dos funcionarios que temos na área, pero acatámola.

- Tampouco lles queda outra, non? Os seus ditames son perceptivos e vinculantes.

-Poderiamos recurrir e litigar co Consultivo pero non o imos facer.

- Por que defenderon tanto este proceso durante estes meses se, visto agora, tampouco é que estivese tan ben?

-Vén derivado de que nós queriamos protexer o proceso e os funcionarios mentres non estabamos seguros de que se cometeran erros. Mentres fomos verificando a información, o que fixemos foi demostrar confianza nos funcionarios e no seu traballo. Confianza que seguimos tendo. Na redacción do informe que lle encargamos á Asesoría Xurídica decatámonos de que houbera erros e xa empezamos a falar deles. Algúns eran subsanables, outros non, como o tema da altura do piso Joaquín Martín Martínez. Os ditames son rigorosos, a nosa interpretación era máis laxa e nós pensabamos que poderían ser outros, pero estamos a facer o que nos están marcando.

- O Consultivo acusa á Asesoría Xurídica de facer o informe para intentar encaixar a realidade das adxudicacións nas bases do concurso, foi esa a petición que se lle fixo desde o Goberno local?

-A petición que eu lle fixen foi que redactase un informe de revisión completamente independente e rigoroso do procedemento e quero amosarlle a miña admiración polo seu traballo. A directora da asesoría, como é defensora do interese municipal, considerou que había defectos que eran causa de nulidade e outros que non. As comprobacións fixéronse a posteriori por un despiste.

- Por moito que intentase defender o interese xeral do Concello, se agora os antigos propietarios das vivendas piden unha indemnización por ter anulado a venda, vai saír máis caro o proceso do que se esperaba.

-Eu non me adiantaría a iso, agora aínda imos mandar os outros casos ao Consultivo, porque aínda nos pode dicir que as compras dubidosas polo do rexistro poden ser válidas. Cos nulos, co de Joaquín Martín Martínez, imos pedir o regreso dos cartos e devolver a propiedade. Non ten que haber litixio.

- Un dos propietarios xa dixo que pediría responsabilidades.

-Está no seu dereito. A ver que din os tribunais. Se é que finalmente acode, terá que ver se cumpriu todos os requisitos, se fixo as declaracións responsables como tiña que facelas... Pero iso xa o dirán os servizos xurídicos. O que faremos, en calquera caso, será preservar o interese municipal.

- Cre que seguir no cargo poderá ser un impedimento para chegar a acordos coa oposición, por exemplo, na negociación dos orzamentos?

-Non sabería que dicir, espero que non. Nesta área, agora, estanse a facer as cousas ben, a pesar do concurso de vivenda. Estamos a frear moitos desenvolvementos urbanísticos que estaban a piques de arrancar e que ían ser perniciosos para o Concello. Estamos a poñer en orde o ofimático, con todo o traballo que dá, estamos a revisar a edificabilidade en Percebeiras á baixa. Iso tamén habería que valoralo no traballo da Concellería. Espero que unha cuestión que é seria, pero que non deixa de ser un erro, non interfira na negociación dos orzamentos ou na relación co PSOE.

- Poden pedir a súa cabeza a cambio dun si no Pleno...

-É unha posibilidade.

- Que fará entón?

-Non o sei, teremos que valoralo. O alcalde ten todos os días a miña dimisión nas súas mans. Estou aquí de maneira coxuntural, non vin con afán de permanencia senón para poñer en práctica unhas políticas determinadas e eu creo que se están desenvolvendo. Estamos poñendo en orde o que non se fixo ben en épocas pasadas e eu estou orgulloso do que estamos facendo.

- Pode esta polémica ser un obstáculo para a súa presenza na lista que faga Marea Atlántica para as vindeiras eleccións?

-Non o sei. Eu conto coa confianza do Goberno local e do alcalde e non vou actuar polo que diga unha oposición que, para min, non ten credibilidade cando fala de honestidade. Levamos pagados sete millóns de euros derivados de sentenzas xudiciais do pasado e non de erros administrativos, unha herdanza do PSOE e do PP.

- Por que dimite só a xefa de Vivenda e Rehabilitación?

-Ela é a presidenta da comisión de valoración. Dimite porque nolo pide e, ao noso pesar, porque ten a nosa confianza, tamén desbordada por unha exposición que é moi inxusta. É un dano colateral do xeito de proceder da oposición, que non ten ningún tipo de reparo en intoxicar os procesos e en meter a persoas no medio de loitas partidistas.

- No último pleno, dicía vostede que o Concello remataría este mandato con máis vivenda pública que hai catro anos. Polo de agora, só ten unha máis, a que está fóra de toda dúbida do concurso, hai un ano anunciaban que ían comprar un inmoble en Pontejos para dedicalo a vivenda social, mercárono xa?

-En Marqués de Pontejos estamos redactando o proxecto. Temos moitas frontes abertas e é certo que ningunha delas se concretou como nos gustaría. Estamos intentando comprar o edificio de Panaderas cunhas negociacións moi complicadas coa Igrexa. É certo que, no eido da vivenda é onde vexo que hai un inmobilismo maior con respecto á oposición. Se o plan de vivenda non foi aprobado en EMVSA foi polo voto en contra do PSOE, cando tiñamos un acordo previo.

- Para mercar o soar de Pontejos non precisan á oposición.

-Non, aí o que tivemos foi un problema co IVE. Son todo problemáticas que están vencelladas con xestionar o patrimonio municipal de maneira diferente a como se facía no pasado. Hai que xerar novos mecanismos. Eu teño confianza en que esas bases que estamos sentando dean os seus froitos nun segundo mandato, se é que estamos aquí.

- A segunda convocatoria do concurso para comprar pisos, sairá antes de maio?

-Eu voume centrar en facela da maneira máis coidadosa posible porque será a miña responsabilidade directa que ese concurso sexa exitoso. O que faremos será traballar nas bases e, cando estean, lanzaremos a convocatoria.

- Apuráronse un pouquiño ao sacar o outro?

-Á vista dos feitos, parece que si. Fíxose un traballo moi grande porque se presentaron case cincuenta inmobles e queriamos paliar o déficit de vivenda que temos para certos colectivos, como a mocidade, as vítimas de violencia machista ou chabolistas.

- O ano pasado, por estas datas dicían que ían levar o expediente de Someso ao Consultivo, xa o entregaron?

-Non, e non será por falta de interese municipal. É algo inédito que o Concello revise con esta transparencia un proceso. Estamos intentando facer as cousas ben aínda que vaia na nosa contra. Estamos traballando no expediente de Someso pero é moi complicado dilucidar o que sucedeu aí. Conseguir a información do que pasou hai vinte anos é difícil, temos os xurídicos do Concello traballando niso, pero está levando máis tempo do esperado.

- Vai estar para este mandato?

-Eu agardo que si, que o poidamos mandar canto antes. A min encantaríame que o Consultivo ditaminase coa mesma rapidez coa que o fixo no caso do concurso de vivenda.

- O outro día no pleno apuntaba a idea de facer un plan director do Barrio das Flores, en que punto está ese proxecto?

-Estamos tratando o Barrio das Flores como pensamos que merece, porque é unha peza de gran valor pero ten moitas carencias. Quixemos arrancar cun plan estratéxico que guiase as intervencións a medio e a longo prazo, por iso levamos máis dun ano redactando un prego para contratar o plan director. Fíxose coa participación da veciñanza e sinalando as carencias que eles detectaban, tanto no espazo público como nas vivendas. Esa asistencia técnica vaise contratar en breve e eu espero ter, antes de rematar o mandato, o plan director ou, cando menos, que estea iniciada a súa redacción. Para a declaración de Área de Rehabilitación Integral non precisamos todo o plan director, só a primeira parte, así que, contamos con poder optar aos fondos na seguinte convocatoria, independentemente, de que o Concello poña fondos propios para actuar nese ámbito.

- E o cumprimento da sentenza que afecta ao edificio que foi sede de Fenosa, para cando?

-Por desgraza ese proceso está en mans dos tribunais. Chegamos tarde. O que se fixo durante anos no Concello con respecto ao urbanismo foi intentar fuxir. A sentenza firme que ilegaliza o proxecto é do 2001. Nós, desde que chegamos, facemos todo o contrario, ante a dúbida, imos ao Consultivo e intentamos cumprir os mandatos da Xustiza. Cando chegamos, fixemos por primeira vez neste Concello un proxecto que recoñecía que as cousas se fixeran mal e que había que repoñer a legalidade da maneira máis proporcional posible porque hai afectados, que son os residentes. O tribunal dixo que xa non ía ter en conta ese proxecto. Seguimos pensando que os tribunais deberían analizar se ese proxecto de demolición parcial e legalización é posible. A vía do amparo ao Constitucional está aí.

- Que tería que facer agora Xiao Varela para que todo este asunto dos pisos quede atrás?

-Eu recoñezo que se cometeron erros e estou avergoñado por iso. Non me sinto orgulloso diso, pero si do traballo que estamos a facer desde a Concellería. Eu creo que esta cidade cambiou radicalmente a súa maneira de entender o urbanismo e iso é o que teño que continuar facendo. Até o de agora, o traballo foi de revisión silenciosa e non deu froitos visibles, pero a xente ten que entender que nesta cidade xa non se fan as cousas como se facían. Por primeira vez se derrubou en Tabacos unha estrutura por incumprimento da licenza, declaráronse caducados permisos de edificios a medio facer, que puideron ser revisados no pasado, pero non se fixo porque é un traballo ingrato. Estamos sancionando a Sareb como propietaria que é dalgunhas desas estruturas. Todo ese traballo vai empezar a dar froitos, o primeiro deles será que os cooperativistas do ofimático están a punto de entrar nas súas vivendas.

- A punto de entrar, canto tempo é?

-Cando teñan electricidade. O ofimático é inminente, se tivesen luz, algo que non depende de nós, poderían estar nas súas casas.