- Cal é o balance de En Marea sobre a xestión da Xunta cara á cidade?

-Hai que partir de que Feijóo sufriu unha derrota moi grande nas eleccións municipais e é incapaz de superar que na Coruña a Marea Atlántica desaloxase ao Partido Popular. Dende entón, a actitude da Xunta é a dun goberno que considera que as administracións lle pertencen ao partido que apoia a ese goberno. Foi unha guerra continua e unha deslealdade coa cidadanía coruñesa e de tratar de poñer trabas aos proxectos da cidade.

- Cre posible poñer en marcha a área metropolitana á vista da situación actual?

-É unha actuación imprescindible para ter unha estrutura administrativa axeitada para un desenvolvemento mellor dos servizos e da planificación da propia área metropolitana. Pero a situación é difícil porque o PP está a boicotear a constitución da área cunha visión moi curtopracista e partidista, xa que utiliza a obstaculización para que non avance, cando debe ser un proxecto de todos os concellos, sexan da cor que sexan, e para un ámbito temporal bastante longo.

- O protocolo que asinou a Xunta con Puertos del Estado sobre os peiraos non favoreceu o entendemento co Concello.

-Polas formas cualifícase o señor Feijóo cando asina un protocolo de costas ao Goberno local e polo tanto de costas á cidade. Cremos que non se pode decidir nada do bordo litoral da Coruña sen contar coa súa cidadanía. E no fondo, é un acordo que segue apostando pola privatización e a venda dos terreos para pagar a débeda do porto exterior. Niso cremos que hai un consenso na cidade de que eses terreos non deben servir para a especulación, senón que deben ser unha oportunidade de futuro para espazos públicos, produtivos e de uso social.

- Hai posibilidades dun acordo a curto prazo sobre este asunto?

-Houbo movementos positivos ultimamente, como a iniciativa de En Marea no Parlamento galego que recibiu o apoio de todos os grupos para solicitar a condonación da débeda do Porto, deixar sen efecto o protocolo asinado por Feijóo e esixir a titularidade e uso público deses terreos. Somos optimistas porque a opinión maioritaria na Coruña é que a cidadanía debe decidir o futuro e fai que calquera partido político que se opoña a iso quede en fóra de xogo.

- Hai equipamentos proxectados na cidade que están bloqueados pola falta de entedemento da Xunta co Concello.

-É sorprendente que a conselleira Ethel Vázquez saíra a mentir sobre a intermodal para dicir que xa se perderan os fondos europeos para este proxecto cando pode certificar investimentos ata o final de 2023. Iso é directamente unha mentira, igual que acusar a Marea Atlántica de non tramitar dilixentemente o proxecto cando hai un acordo de hai dez meses para desbloquealo e a Xunta practicamente non moveu un papel dende entón. Sobre o colexio de Novo Mesoiro, un dos barrios da Coruña con maior poboación infantil, o Concello cedeu en maio de 2016 unha parcela para construílo e que aínda esteamos na súa licitación significa que vai con moita demora e é indicativo da actitude do PP, que pensa que hai cidadáns de primeira e de segunda e que actúa en función da cor política dos concellos.

- Outra cuestión pendente é o saneamento da ría do Burgo.

-Hai unha falta de compromiso real coa rexeneración da ría, para a que En Marea esixiu a inclusión de partidas orzamentarias para a recuperación da actividade marisqueira. Pero a Xunta e o PP non están demostrando suficiente compromiso para a súa recuperación.