A voceira de Cidadáns na provincia da Coruña afirma que o partido laranxa non é "flor dun día" e presume de que a día de hoxe rondan os 3.000 simpatizantes e afiliados. E agardan que sexan moitos más antes da eleccións municipais, o seu gran reto na cidade.

- Foi unha decepción non entrar na Corporación no 2015?

-Loxicamente o noso obxectivo era entrar e non puido ser e dende ese momento vimos traballando arreo. Agora o partido está máis consolidado, cunha estrutura máis forte, somos moitos máis compañeiros na agrupación da Coruña e a nosa expectativa de cara as vindeiras elección municipais é, dende logo, entrar no Concello. Pretendemos que a cidade e a provincia sexan punta de lanza de Cidadáns.

- As enquisas para o 2019 parecen positivas, confían en acceder a María Pita?

-As enquisas a verdade é que marcan uns bos resultados e desexamos que se materialicen. Como sempre dicimos, os bos resultados saberanse ese día. É certo que a tendencia é moi positiva e estamos moi contentos porque reflexan o bo facer e o traballo da agrupación e de toda a estrutura de Cidadáns.

- Que numero de concelleiros sería un éxito?

-Para nós poñer un pé sería un éxito, pero cantos máis concelleiros teñamos, loxicamente mellor. E se resulta que somos chave de goberno, pois moitísimo mellor aínda, pero o noso obxectivo é entrar con forza na cidade da Coruña.

- Tiveron varios problemas internos, xa están superados?

-Consideramos que si, que o proceso de implantación e maduración dun partido é lóxico e pasa momentos bos, malos e regulares, vai evolucionando. As decisións de cambio de voceiro respondeu a motivos persoais e loxicamente son respectados. Agora mesmo temos unha nova xunta directiva que está traballando arreo para implantar o proxecto de Cidadáns na Coruña e pretendemos chegar ás municipais con forza.

- Cando se presentará o candidato?

-Nós non temos presa. Imos seguir o mesmo proceso de elección de candidatos que a nivel nacional, as primarias serán a finais de decembro, principios de xaneiro. Unha vez que saian elixidos pois serán presentados.

- Excepto o PSOE, o resto xa teñen candidatos, non é tarde?

-Non consideramos que sexa determinante porque o feito de non ter o candidato non nos resta de seguir traballando e coñecer o tecido social da cidade. Vimos traballando arreo desde 2015, coñecendo asociacións, falando cos veciños, estando presentes na vida municipal en todos os aspectos que cremos necesario actuar. O traballo é forte e vai ter o seu resultado.

- Prevén unhas primarias disputadas.

-O que está claro e que todos terán a oportunidade de facelo. Se queren presentarse, serán escoitados e terán a súa oportunidade e o partido e os afiliados serán os que tomen a decisión final.

- Cales son as súas ideas principais para a cidade?

-Unha aposta polo tema da área metropolitana, por arranxar o tema de Alfonso Molina, por xerar un proxecto de transparencia e rexeneración... O que pretendemos é traer unha política útil: respostas reais ás necesidades dos cidadáns de a pe no día a día e non tanto vender fume ou facer propostas grandiosas que despois non chegan a materializarse. Nós estamos acostumados, está no noso ADN, dar respostas reais e achegarnos á cidadanía e as necesidades que nos levan plantexado desde as distintas asociacións coas que nos reunimos en todos estes anos. A iso responderá o programa, un programa para os cidadáns da Coruña feito desde Coruña e respondendo ás súas necesidades.

- Segundo vostedes, o Goberno local actual vende fume?

-O que nos transmite a cidadanía en diversos foros é que hai un descontento xeneralizado na cidade e que o alcalde resultou decepcionante en moitas das medidas que prometeu durante a campaña e que ao longo destes anos non materializou. Desilusión e falta de ganas é a sensación xeral que nos transmiten. O que nós pretendemos é xerar esa ilusión á cidade e as ganas de solucionar problemas cotiás.

- A nivel Galicia insisten no emprego e a economía, para A Coruña tamén son asuntos básicos?

-Serán áreas claves dentro do proxecto. Cidadáns sempre defende que o marco laboral debe cambiar, hai que ter traballos de calidade, xerar postos de traballo e crear unha Coruña de oportunidades, onde a xente teña un espazo para vivir e para desenrolar os seus proxectos persoais.