16 de octubre de 2018
16.10.2018

Notas sobre nome e historia da Gaiteira

O nome da rúa e do barrio sería unha deturpación de "Gaiteiro", animais acuáticos que vivían no hábitat húmido na desembocadura do antigo río co mesmo nome

16.10.2018 | 01:04
Trabajos de canalización del río Monelos a su paso por la calle que hoy lleva el mismo nombre.

O actual nome "a Gaiteira", que engloba o conxunto de barrio, rúa e río da cidade de A Coruña, vén precedido dunha historia ambigua e moitas veces distorsionada ou exótica dende os seus inicios como " gayteyro", masculino, até "gaiteira", feminino, posibelmente unha deturpación do seu nome inicial. Aínda hoxe o barrio continua mantendo a tradición galega do nome, o que significaría unha forte ancoraxe popular a través do tempo.

A primeira cita coñecida do nome apareceu no 26 de Xuño de 1525, no libro de actas do Concello da Coruña ( Actas de un archivo, Isabel Martínez Barbeito, páxina 88), onde se refire á construción e ás características da " ponte do guayteyro". Nas actas do día 4 de setembro de 1538 volta aparecer o nome, pero esta vez referido ás " calçadas de Gaitero" ( La vida municipal de A Coruña en el siglo XVI, Ismael Velo Pensado, pax. 145)

Nesa época xa se referencia as aceas, "muíños de maré", existentes na desembocadura do río Gaiteira. Os "muíños de maré" funcionaban mediante o anegamento dun espazo pola subida da marea, aproveitando o movemento do mar para mover as moas. Isto significaba a existencia dun amplo hábitat húmido. No testamento feito o 7 de maio de 1593 por "?S avela Xaspe muller de Juan Varela Capitán de Infantería?" cítase a destrución das aceas na retirada dos ingleses no cerco de 1589 " ?abiendo dexado puesto el fuego en las azenas y casas della?". Sabela Xaspe fai testamento sobre " ? la medias azenas que tengo en el Gayteiro y sus casas?" (Actas de un archivo, Isabel Martínez Barbeito, pax. 232).

Tamén segundo o libro de Martínez Barbeito as aceas estaban situadas na desembocadura inicial do Río Gaiteira, onde actualmente está situada a Casa do Mar. A raíz da construción dos Correos Marítimos por Real Decreto do Rei Carlos III no 6 de agosto de 1764, o curso do río foi movido ao estado actual, cambiando polo tanto os límites de separación entre a antiga Feligresía de Santa María de Oza e da Coruña a favor desta última, tal como se pode observar nos fermosos planos de Josef Romero e Ferro Caaveiro do mesmo ano e conservados na Biblioteca Nacional de España (BNE).

No Interrogatorio do Catastro do Marqués da Ensenada no (3-05-1752), o nome aínda aparece como " puerta dela pressa delas azeñas del puente gaiteiro". Estas aceas constan de nove moas fariñeiras e pertencen a Miguel Jaspe, sendo abandoadas no ano 1778. Aínda co Catastro da Ensenada está escrito nun castelán asentado, o nome aparece aínda como "gaiteiro". Posibelmente seguía a ser o nome usado polos veciños, pois na resposta á pregunta terceira do Interrogatorio para concretar os límites da ¡Parroquia de Santa María de Oza nunha xuntanza na "? feligresía de san Jorxe de afuera jurisdicción Real ciudad dela Coruña?" as respostas son dadas por "? Jacobo Boedo y Miguel Paradela vecinos de esta anunciada feligresía quienes estando presentes con otro Franscisco Paradela maiordomo pedáneo?".

É o constante uso administrativo do castelán que vai significar o cambio de nome. Este é feminizado e situado fóra de contexto. Nos citados planos do catastro firmados por Josef Romero e por Ferro Caaveiro nos últimos que fixo no 10-12-1778 aparece como Río Monelos e Puente Gaiteira, incluso J. Romero nun dos planos anota "arroyo de Monelos". Máis tarde, o dicionario Madof de 1845 referencia como "Puente Gaiteira unha pequena aldea de Feligresía de Santa María de Oza", e tamén un "arroyo Gaiteira". O autor Vedía Gossens na nombrada Historia y descripción de la Ciudad de La Coruña de 1845 refírese ao camiño que "? va por el puente Gaiteyra? a Pasaxe " (pax. 297). Neste escrito e en posteriores referencias vemos como o nome é castelanizado e cambiado de xénero, sendo feminizado.

Unha das características en todos os planos é a variedade do nomes do río, Gaiteira ou Monelos. Realmente o chamado "Rio Monelos" estaba formado por varios ríos e regatos pequenos que nacían en diversos lugares da Parroquia de Santa María de Oza, tales como Elviña, Martinete, Pastoriza... O río ía tomando un nome distinto segundo os lugares polos que pasaba, pero foi chamado río Monelos a partires da avenida de Alfonso Molina augas abaixo.

A pregunta é: Gaiteiro ou Gaiteira?, cal é o nome real?, de onde procede o nome? O río Gaiteira e a súa Ponte Gaiteira, que comunicaba a barriada de Santa Lucía coa aldea da Pasaxe, transcorrían pola cota máis baixa da Cidade respecto ao mar. O que actualmente é un recheo, Casa do Mar, Praza da Palloza e Novoa Santos, foi no seu momento unha ampla braña continuamente anegada pola subida da marea, e aproveitada no seu momento para instalar os citados "muíños de maré". Nesta zona non só desembocaba o Río Gaiteira, tamén diversos regatos, tal como o "Arroyo dos Xudeus" (Xosé Alfeirán), baixando da Arrabiada, actual Ronda de Nelle. Temos que ter en conta co nome de Oza significa lugar de augas que corren, atopando diversos hidrónimos máis, tales como O Corgo, etc.

Esta zona permanentemente húmida e con auga perenne característica das brañas, xeraba un determinado hábitat cunha vexetación e fauna característica. Dentro desta fauna é citada en diversas ocasións a existencia de pesca diversa e de angulas. Específica a esta zona eran os odonatos, xeralmente chamados "cabaliños do demo" ou en castelán " libélulas". A variedade máis abundante era a chamada en galego "gaiteiros" (revista Chioglossa número 3, 2011 pax 21 e seguintes). De carácter acuático e subacuático, os gaiteiros vivían no corpo da auga, nos espazos húmidos, charcas, regatos e concas, e nas amplas desembocaduras dos ríos, tal como se representa na conca do río Monelos nos planos anteriores ao 1776, e no plano de Montaigú de 1726. Os Gaiteiros serían un bo indicador da calidade das augas, pois a necesitaban para o seu desenvolvemento, así como da biodiversidade vexetal e animal, tal como revela a existencia da pesca, angulas, etc no río Gaiteira.

A continua perda da braña, sobre todo a raíz da instalación dos Correos Marítimos -onde agora estaría situado a antiga Fábrica de Tabacos-, os continuos procesos de recheo e urbanización derivados do crecemento da cidade da Coruña, fan desaparecer os "gaiteiros". Únese a todo isto un proceso de castelanización toponímica, deturpando o seu sinificado e dando lugar a lenda ligada á gaita. Máis cando de antigo os galego falantes referíanse a "gaiteiro" como un lugar, referíanse así pola abundancia deste odonatos co seu nome propio en galego,

Derivado do exposto o nome "Gaiteira" sería unha deturpación de "Gaiteiro", animais acuáticos que vivían no hábitat húmido na desembocadura do antigo río Gaiteira.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es