- Como xurdiu a idea de crear a oficina?

-Desde o sector se nos viñan contando as dificultades de pedir permisos para unha rodaxe. Sempre había que ir a varios departamentos para pedilos. A idea de facer a oficina xurdiu do Concello da Coruña, co que colaboramos dende hai 16 anos. Detectouse que non había unha film office que si hai en Santiago, Vigo e Pontevedra.

- Cal é o papel da film office ?

-Axuda a buscar permisos e localizacións. Pero pensamos que iso é algo obsoleto. Había que dar un paso máis alá e facer esta Oficina de Cooperación Audiovisual. Para unha rodaxe, había que ir a varios departamentos e así centralizámolo.

- Supoñía moitos retrasos?

-Non é polos retrasos, pero si para que sexa máis doado. A xente que facemos películas ou series cremos que canto máis doado, mellor. Fas un formulario e desde alí se xestiona todo.

- Está pensada para a xente que acaba de comezar?

-Non. É para todo o mundo. As grandes producións, as películas con maior presuposto, tamén necesitan permisos. Hai que pedilo sempre, dende a curtametraxe máis modesta economicamente. Tamén é un impulso para os que están comezando. Ao mesmo tempo pensamos que pode ser unha oficina de asesoramento. Calquera persoa pode pedir servizos e vai ter un asesoramento de profesionais que van ser académicos. Queremos unir os creadores, produtores e institucións para que traballen entre eles.

- Cal foi a evolución da cidade no sector audiovisual?

-A Coruña é un referente audiovisual. Aquí hai moitísimas produtoras. A historia do audiovisual galego está moi unida a esta cidade. De feito, que a Academia teña aquí a súa sede desde o principio non é casualidade. Cremos que debe seguir sendo así, que é o que buscamos coa oficina. Coñezo moi pocas cidades que teñan unha así.

- Que ten de especial A Coruña para que así sexa?

-Esta cidade é un plató, como todas, pero esta é moi bonita. Vímolo en El desconocido. É unha cidade moi cinematográfica. Lembro mismo en Mareas Vivas que rodamos aquí planos. Ten moitas cousas bonitas: o mar, os xardíns e a Cidade Vella. Ten paisaxes únicas. Ocórrenseme moitísimas películas que se rodaron aquí. O meu avó, que era estibador, recordaba sempre como se fixo no 59 Camarote de lujo.

- E conta, ademais, con formación específica. Ese é o futuro?

-Por suposto. Houbo un momento no que mesmo se chegou a falar da xeración EIS, da xente que estudou na Escola de Imaxe e Son. Foi moi importante para a cidade. Tamén era moi importante o certame Coruña de Cine. Igual hai que ir por aí e volver facer premios dese tipo. Hai que axudar aos creadores.

- O golpe da crise continúa?

-A xente do audiovisual somos os primeiros en notar a crise e os últimos en sufrila. As televisións, por exemplo, baixan o seu presuposto e hai menos ingresos por publicidade. Os do audiovisual somos os últimos en notar a recuperación.

- Nótase se o público galego aposta polo cinema?

-Si. Cando naceu a televisión xa se dicía que acabaría co cine. Pero aí está. Pode que o consumamos doutro xeito. Agora hai moitas plataformas ás que podes acceder de forma non moi cara. Hai que ir cos tempos. Eu, particularmente, penso que o cine é algo máxico. Ese olor evoca a felicidade.