ACasa das Ciencias creouse en 1983 como centro de ciencia interactivo, onde o visitante non é considerado un elemento pasivo, seguindo o rastro do Exploratorium de San Francisco (1969) e o Muséu de la Ciencia de Barcelona (1976). As dúbidas iniciais que alberguei sobre o proxecto, canto ao procedemento seguido na selección de persoal e outros aspectos do mesmo, deixaron paso ao convencemento do seu valor. O dunha iniciativa realizada no momento oportuno, coa sociedade receptiva a unha oferta de cultura e ocio científicos.

Coa posterior creación da Domus e do Acuario a nosa cidade pasou a ser unha referencia no terreo da divulgación do coñecemento científico. Unha difusión necesaria porque o labor investigador desenvolto nas universidades e nos centros específicos debe completarse, nunha sociedade democrática, coa divulgación dos resultados acadados.

A miña chegada á dirección dos Museos Científicos non foi doada. A inicial resposta belixerante dos directivos partiu do habitual gremialismo de todo colectivo, un peculiar sentido patrimonial por parte de persoas que desenvolveran na institución toda a vida profesional e certa confusión sobre o seu papel como funcionarios municipais. Con todo, os tres anos de intenso traballo remataron cun balance satisfactorio. Con menos recursos que no período previo, pola crise e polo sectarismo que impregnaba a política municipal, fumos quen de manter a excelencia da entidade, apostei por unha maior apertura á sociedade e a todos os sectores relacionados coa cultura científica, pola dinamización da institución (coa incorporación de novos produtos e a elaboración de exposicións de produción propia) e mantivemos as cifras de visitas en tempos de recesión, a pesar do proceso previo de baixada continúa. Tamén ampliamos as infraestruturas e realizamos unha moi necesaria xestión transparente e profesional dos novos contratos das empresas que cubren aspectos básicos dos museos.

Pasaron case cincuenta anos desde que os centros de ciencia interactivos naceron, un período no que demostraron a súa utilidade social. Mais nese tempo sucedéronse relevantes cambios sociais, educativos e tecnolóxicos, así como modificacións nos hábitos e preocupacións das persoas. Transformacións evidentes que inciden na xeración de novas necesidades de ocio e coñecemento por parte do público. Cambios que demandan a atención preferente das institucións implicadas na cultura científica, unha actualización que traslada desafíos importantes cara o futuro mais que tamén constitúe unha oportunidade para divulgar máis e mellor. Nese sentido, aos Museos Científicos Coruñeses cómprelles reactivar a sintonía inicial que estableceron co público. Os importantes recursos económicos e humanos que o Concello, que todos nós, destina cada ano ao labor da institución supoñen unha enorme responsabilidade para os seus xestores e unha esixencia permanente de renovación.