Elisa e Marcela volven reivindicarse como referentes da cidade estes días con tres xornadas de actividades, que pecharán o mes con obradoiros, percorridos e representacións teatrais. A parella, que se convertía en 1901 no primeiro matrimonio homosexual rexistrado en España tras o seu enlace na igrexa de San Jorge, conquistará de novo a urbe do 27 ao 29 de novembro cun programa enfocado á visibilidade LGTBQI, que rematará coa posta en escena do seu amor da man de A Panadaría.

A compañía teatral coordinará os distintos actos plantexados para o festexo, que comezará do mesmo xeito que se iniciaba un século atrás o romance das súas protagonistas. Unha cunca de chocolate quente, como a que as dúas mulleres tomaron para festexar o seu casamento, marcará o inicio da primeira das actividades, que artellará nos soportais do teatro Rosalía o faladoiro para mulleres de máis de 50 anos Mulleradas (17.00 horas). "Será un obradoiro de autocoñecemento e de intercambio de memoria afectiva, para falar con liberdade da sexualidade", explicou onte na rolda a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, que sinalou como meta das xornadas "reconstruír a historia" da parella.

A ruta polas rúas que percorreron, e que precederá á charla, será un xeito de aproximarse a estas figuras, que deixaban este verán a súa pegada física na urbe co vial que agora leva o seu nome. Tortigrafías, o "mapeo Queer da cidade" do día 28 (17.00 horas), achegarase a este trazado urbanístico a través da elaboración dun mapa colectivo para a visibilidade e seguridade do colectivo LGTBQI, que terá como punto de partida o Centro Cívico da Cidade Vella.

Tamén a pé de rúa concentraranse as actividades do 29 de novembro. A derradeira xornada, prato forte do festexo, contará cunha ruta teatralizada polas intérpretes de A Panadaría, que percorrerán desde as 18.30 horas "os recunchos da cidade que marcaron" o romance de Elisa e Marcela. "Queremos poñer en diálogo esta historia coa cidade que habitamos. O percorrido permitirá cheirala, tocala e saboreala", contou Areta Bolado, actriz da compañía.

A súa ruta -que pasará por zonas como a Escola Normal na que se coñeceron, ou o estudo fotográfico de J. Sellier no que se fixeron a foto de voda- terá como parada final o teatro Colón, no que poderá verse un segundo pase de Elisa e Marcela a partir das 20.30 horas. A obra, realizada en coprodución co Concello, resumirá desde a música e a comedia a historia da parella, cuxos capítulos contaron, porén, con máis dramas que alegrías. "Elisa e Marcela casaron nun día moi feliz, aínda o que pasou logo non o foi tanto. Marcharon fuxindo da xustiza, pero agora A Coruña recíbeas cos brazos abertos", dicía Bolado na presentación, apoiada pola edil de Igualdade e Diversidade.

No acto, Rocío Fraga incidiu na "represión" que sufriu a parella, que tivo que loitar "cun sistema que non permitía que dúas mulleres casaran". Destacou as súas figuras como "un referente para as persoas LGTBQI" ao lado do concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, que defendeu a súa reivindicación como parte da "historia da cidade".