A europarlamentaria nacionalista Ana Miranda conseguiu que o debate sobre a ría do Burgo volva a Bruxelas. Despois de cinco anos do informe da Comisión de Peticións, que instaba a proceder ao dragado e á rexeneración integral e foi resultado da denuncia de afectados pola contaminación das augas coruñesas, representantes comunitarios analizarán se o goberno está a cumprir coas súas recomendacións e coa lexislación europea. En xaneiro volve debaterse na Comisión de Peticións, grazas ao acordo desta semana, que tivo o apoio de todos os seus grupos coa excepción do PP.

- Cando e por que decidiu promover a reapertura da investigación no Parlamento europeo?

-O seguimento do tema leva moitos anos, coincidindo no tempo propio do escano do BNG, no 2012-2013 e agora no 2018-2019. Cando asumo o escano o 1 de marzo, unha das primeiras xestións que fago é solicitar na Comisión de Peticións que sexa reaberto. Cinco anos despois, todo segue practicamente igual. A cousa está un pouco máis mellorada en Vigo. En Ferrol nalgúns parámetros e noutros non. Pero o da ría do Burgo é un caso dramático. Xa non é o que digan os mariscadores, son os índices de contaminación, de produtividade, medio ambiente? é sangrante. E máis cando ves que os orzamentos do Estado non contemplan o tema do dragado, que se pedía especificamente no informe do Parlamento Europeo de 2013.

- Atopou receptividade no resto de grupos europeos ou houbo que facer traballo desde cero?

-Non houbo que explicar nada, xa tiñan toda a información. A Comisión entende que ten que facerse a revisión. É moi importante porque estas investigacións que van aos estados, que van aos territorios, que se reúnen cos denunciantes... se logo dan nun informe e ese informe non ten seguimento para ver se se cumpriu, tampouco serve de moito. É a primeira vez que se fai un seguimento dun informe de hai tantos anos. Esto significa que pode haber un precedente que pode estenderse a outros temas. É un paso importante, porque falamos da aplicación da lexislación europea, que protexe máis que a española e galega.

- Ese 21 de xaneiro, que é o que se xoga a ría do Burgo?

-É moi importante. Porque, ademais, os peticionarios, os denunciantes, levan estes cinco anos enviando información de que non se está facendo nada, que está peor do que estaba, do que se perdeu en termos laborais? por iso é moi importante de que veñan a explicalo a Bruxelas, porque son os que sofren a situación todos os días. Hai que darlle de novo luz e taquígrafos para que non quede en papel mollado. A ría do Burgo é un tema europeo, é unha das rías máis produtivas, igual que a de Vigo, hai unha lexislación que non se aplicou e temos que obligalos a que se faga dunha vez. Estamos a contrarreloxo. Que queren? Máis multas? Teñen que decidir entre pagar multas ou limpar a ría, aí está a clave, e agora hai unha oportunidade de cambialo, de facer caso ao informe, e que o Estado faga realmente a actuación.

- A exeurodeputada letona Tatjana Zdanoka, clave na elaboración do informe de 2013 e unha das que visitou a ría aquel ano, manifestouse anos despois "decepcionada" coa falta de resultados. Como explicarlle á xente que é útil realmente petar na porta de Bruxelas?

-O traballo dela foi fundamental, púxose en contacto cos peticionarios, trasladou a problemática, seguiu o tema cando nós non tiñamos escano oficialmente? hai que agradecerlle publicamente o traballo. Que o tema chegase a Europa, creo que foi unha porta de esperanza. O que pasa é que despois os gobernos limitan as recomendacións que se lle dan e non cumpren. Se petar na porta como fixemos en 2013, e agora de novo en 2018, non serve de nada, a institucións e os gobernos perden credibilidade, por iso hai que poñelo en valor.

- Os denunciantes non poñen só o foco no tema medioambiental, senón tamén na perda de valor produtivo e de traballos. É o máis difícil de recuperar?

-A ría do Burgo era a industria máis importante da zona da Coruña e perdéronse máis de 700 postos de traballo en dez anos. Neste tempo, efectivamente, volver recuperar valores semellantes pode ser complicado pero non é imposible. Se se draga, se se fai un plan de rexeneración, non é imposible, pero se o tempo vai pasando, cada vez será peor, os lodos seguirán invadindo os bancos de ameixas... E non só se trata da perda de postos de traballo, senón tamén da perda de valor económico para a comarca. O saneamento podería xerar outro tipo de economía arredor da ría. Estamos en conta atrás pero non está todo perdido, eu non perdo esa esperanza. Se non fora optimista, non podería ter convencido a seis grupos parlamentarios para reabrir o informe.

- Xaneiro preséntase como un mes clave, non só pola sesión que haberá no Parlamento europeo, tamén porque o Ministerio de Transición Ecolóxica convocou á Xunta de Galicia e concellos para falar do financiamento do dragado. Considera que teñen que participar economicamente a Administración autonómica e as locais?

-É interesante que o Ministerio de Transición Ecolóxica poña as pilas co tema, porque unha posible multa está vagando no aire. Pode ser un caso de infracción claro. Xa hai un procedemento infractor aberto polo saneamento de varios concellos pero podería volver pasar. Para evitar iso, está moi ben que organice encontros con todas as partes afectadas. Sobre o financiamento? Eu creo que o Estado ten que asumir, coa Xunta, moito máis que os concellos. Ademais, estes son deficitarios en moitos temas, asumindo competencias que corresponde á Xunta e ao Estado, como os servizos sociais. Tamén pode cofinanciarse con fondos europeos. En lugar de tanto cemento, poderían investir na rexeneración da ría. Isto tería evitado que en 2018 aínda esteamos a falar de como facela produtiva.