O escritor, xornalista e editor Antón Lopo recibiu onte o Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega pola súa obra Extraordinario nun acto realizado na sede da Fundación Paideia Galiza no que tamén se presentou a propia obra, publicada por Editorial Galaxia e que xa está á venda.

O director da área Institucional de Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez, acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, entregou a Antón Lopo os 12.000 euros cos que esta dotado o premio, que chegou este ano á súa decimosegunda edición. Lopo, nacido en Monforte de Lemos en 1961, foi durante máis de vinte anos coordinador da Revista das Letras e ten publicadas obras de poesía e narrativa. Entre os seus traballos poéticos atópanse Sucios e desexados, Manual de masoquistas e Á sombra dos rapaces mexando.

Narrador

Como narrador conta coas novelas As reliquias, O riso de Isobel Hill, Ganga e Obediencia. O autor tamén ten obras teatrais e ensaios entre a súa produción, ademáis de textos traducidos.

O Premio Narrativa Breve en Lingua Galega foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña, pero no 2010 a Fundación Repsol encargouse da súa organización coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Nesta edición participaron 28 obras cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. O xurado estivo composto polo escritor Xoán Babarro, O director de Galaxia, Carlos Lema; Xosé A. Neira Cruz, gañador do Premio Narrativa Breve Repsol 2017; Eli Ríos, escritora e crítica literaria; e Dores Vilavedra, profesora de literatura galega na Universidade de Santiago.

A Fundación Repsol colabora noutros proxectos culturais na comunidade galega como o que desenvolve coa Orquestra Sinfónica de Galicia no programa educativo Son Futuro, que ten como obxectivo a promoción da cultura entre os máis novos mediante un plan de formación musical no que se ofrecen diferentes actividades pedagóxicas.