Unidos pola música, coma sempre, así quixeron homenaxear os alumnos e compañeiros do músico Petur Eiriksson a quen foi e segue a ser non só mestre senón tamén amigo, modelo, abrigo e creador de grupos e de proxectos. Para acompañalo na súa loita, uns sesenta músicos de varias xeracións e chegados doutros tantos países, fixeron soar o domingo pola tarde os seus instrumentos nas portas do hospital de Oza.

Para escoitalos estaba alí Eiriksson, o seu nexo de unión, que gozou do concerto e da xuntanza dos seus compañeiros, segundo explica Iago Ríos, un dos organizadores da homenaxe.

Eiriksson foi trombón baixo da Orquestra Sinfónica de Galicia e un dos alicerces sobre os que se asentou a Orquestra Xove, sobre todo, nas formacións de metal. "Non só daba clase, escollía o repertorio, tamén lle gustaba manter o contacto cos alumnos e que fixeramos grupos para tocar, convidábanos á súa casa...", explica Ríos, que apunta a que "marcou moito musicalmente a moitas xeracións", sobre todo, na sección de vento-metal, que é tamén a súa aínda que agora estea retirado. "Veu xente de Asturias, de Madrid, de Portugal... Deixou pegada en todos os lugares nos que estivo", lembra. "Queriamos facer algo pero, ao principio, non sabiamos ben o que, un acto de agradecemento e de recoñecemento", describe Ríos. A realidade obrigou a que, finalmente, non se puidese facer no Palacio de la Ópera, tal e como estaba programado, pero si que todo o acto se trasladase a Oza e que o músico puidese ver tocando xuntos os seus compañeiros e antigos alumnos, tamén escoitar as mensaxes gravadas polos que estaban tan lonxe que non podían viaxar á Coruña e sentir o agradecemento dos que, aínda que sen compartir instrumento, querían falar de Eiriksson que, en 2013 era o presidente do comité de empresa da Orquestra Sinfónica.

A formación estivo dirixida por James Edward Ross que, segundo explica Ríos, chegou de Barcelona, deu o concerto e tivo que marchar, pero non quería perder a homenaxe. "Deixou moita pegada en todos nós, sempre promoveu o traballo en en equipo desde a humildade e o cariño", resume Ríos.

Nas redes sociais, nas que Eiriksson narra case a diario a súa loita contra a enfermidade, o músico recibiu onte infinidade de mostras de apoio e azos para seguir adiante.