Sabero, na provincia de León, está a uns 350 quilómetros da Coruña, preto de catro horas en coche. Para chegar alí desde a capital provincial hai que percorrer uns 60 quilómetros cara o norte, por Boñar, localidade na que abonda unha pedra calcaria doada de pulir e que se utilizou para a construción da magnífica catedral de León. Desde a comarcal 626 accedemos ao corazón da montaña oriental leonesa, ás portas dos Picos de Europa. Nesa contorna, a mil metros de altitude, está Sabero. O fermoso val que o alberga está rodeado de montañas calcarias, que actúan de pano de fondo e contrastan, pola súa tonalidade clara, coas variadas cores das árbores caducifolias que forman a masa forestal. Ao viaxeiro pode interesarlle volver a León pola estrada N-625, seguindo o val do río Esla, e así visitar os espléndidos mosteiros de Santa María de Gradefes e San Miguel de la Escalada.

Resulta sorprendente que esa localidade, hoxe con pouco máis de 1.200 habitantes, tan afastada de núcleos urbanos e vías de comunicación importantes, fose o escenario dunha pioneira iniciativa de industrialización, a Ferrería de San Blas. Alí construíronse en 1847 os primeiros altos fornos que funcionaron na Península Ibérica usando carbón mineral, activos ata 1862. Unha aventura empresarial e científico-técnica na que tiveron un relevante protagonismo dous científicos galegos, o compostelán Casiano de Prado e o coruñés Ramón de la Sagra.

A Sociedad Palentino-Leonesa de Minas

A industria siderúrxica, tan estreitamente relacionada co proceso industrializador que mudou á sociedade na segunda parte do século XVIII e no XIX, produce ferro a partir da fundición do mineral usando carbón como combustible. En Galicia Antonio Raimundo Ibáñez estableceu en 1794 un alto forno en Sargadelos; non foi o primeiro, porén si o máis importante de España. Para dispoñer do carbón necesario usaba, como a maioría dos fornos europeos, madeira en grandes cantidades.

O uso de altos fornos que utilizaban carbón mineral era característico de Gran Bretaña e en España non se estableceron ata mediados do século XIX. Por esas datas, en 1845, creouse a Sociedad Palentino-Leonesa de Minas, propietaria de varias explotacións de carbón e de mineral de ferro na área de Sabero. Con eses ingredientes necesarios levou a diante a construción de dous altos fornos (duns 16 metros de alto) alimentados polo carbón mineral, coque, dando lugar a unha industria siderúrxica moderna.

A maquinaria necesaria chegou procedente de Inglaterra ao porto de Gijón, desembarco ao que seguiu un duro e longo traslado, atravesando as montañas cantábricas, ata Sabero. O alto forno inicial estivo operativo a fins de 1847 ou primeiros de 1848 (antes dos asturianos de Mieres e Trubia) e a construción do segundo empezou en 1851 e rematou en 1854, xerando na época de máxima produción nove toneladas de ferro colado ao día cada un. Ese material pasaba á ferrería, nave destinada a obradoiro de fragua e laminación, con máquinas de vapor e trens de cilindro e laminación, martelo-pilón e cizalla.

A vida da siderurxia foi duns quince anos. O proxecto fracasou por varias razóns, algunhas de tipo técnico, pois semella que os métodos empregados na extracción do carbón non eran os máis axeitados e a calidade do mineral de ferro baixa, polo seu contido en sílice. Outro elemento negativo foi a competencia con siderurxias de maior produción e, algo fundamental, as malas comunicacións, un tema relacionado coa falta de apoio gobernamental aos promotores. A estación de ferrocarril máis próxima estaba a 50 quilómetros, en Sahagún de Campos, para o que era preciso trasladar a produción en carros de bois por camiños, xa que non había estrada. Ese dato subliña o mínimo compromiso do Goberno do momento co desenvolvemento dunha industria autóctona, mentres era permeable aos intereses do capital extranxeiro. A ferrería non foi quen de superar a reforma arancelaria de 1862, mais das minas se seguiu extraendo carbón ata 1991, utilizado na siderurxia vasca.

O grupo promotor

A siderúrxica de Sabero foi a iniciativa dun grupo de emprendedores que compartían amizade e ideoloxía, entre os que salientaba o maragato Santiago Alonso Cordero, un dos maiores capitalistas madrileños de mediados do XIX. Formaban parte do sector progresista do liberalismo español, ao que varios representaron como deputados, e tiñan boa relación con políticos desa tendencia como Baldomero Espartero e Pascual Madoz. Apostaron polo desenvolvemento industrial cos cartos que fixeran con diversos negocios e coa desamortización, un longo proceso histórico, económico e social que puxo no mercado terras e bens improdutivos que se encontraban en mans da igrexa e terras comunais dos municipios. Ese cambio foi acompañado de iniciativas de industrialización, como a creación do Instituto Industrial de España ou da emblemática empresa catalá España Industrial (1847), instalada en Sants.

A burguesía autóctona, conectada co liberalismo progresista, atopouse con importantes atrancos nos seus proxectos industriais. Así, na década moderada, 1844-1854, o dominio dos liberais conservadores favoreceu a creación de empresas especulativas en base a unha alianza entre os terratenentes e o gran capital. Nese contexto, os impulsores da siderurxia de Sabero careceron do respaldo gobernamental preciso para contar con axeitadas comunicacións. Un caso máis do habitual sectarismo operando por riba dos intereses xerais.

Galegos no proxecto

O compostelán Casiano de Prado foi o experto encargado pola empresa de recoñecer o val de Sabero. Este relevante xeólogo era íntimo amigo de Ramón de la Sagra desde que coincidiran como mozos estudantes en Santiago de Compostela, compartindo ideario liberal-progresista. Esas ideas levaron a Casiano ao cárcere da Inquisición na cidade universitaria e cando saíu libre, en 1819, marchou a vivir na Coruña, onde o seu pai, Melchor de Prado, era arquitecto municipal. Na cidade herculina participou activamente nos movementos liberais, sendo secretario da Sociedade Patriótica local, probablemente o primeiro partido político en España. O xeólogo, que tamén formou parte da xunta consultiva da empresa, ofreceu conclusións optimistas da riqueza mineira de Sabero, sendo o seu informe clave para instalar o primeiro alto forno.

O compromiso liberal tamén marcou a vida de Ramón de la Sagra, quen dedicou a primeira parte da súa vida profesional ao mundo da ciencia, onde estableceu sólidos contactos persoais e ideolóxicos con grandes científicos, como os galegos Domingo Fontán e Xosé Rodríguez González. Viaxou a Cuba, onde se encargou do ensino de Historia Natural na cátedra agregada ao Xardín Botánico da Habana, do que foi director, e abordou importantes proxectos, como a elaboración da Historia física, económico política, intelectual y moral de la isla de Cuba. De volta a Europa en 1835 foi deputado no Congreso.

Sagra mantivo unha estreita relación coa Sociedad Palentino-Leonesa de Minas. Accionista fundacional, o segundo na lista, no proceso constitutivo da empresa realizou visitas de inspección ás minas e foi encargado pola xunta gobernativa da sociedade, da que formaba parte, para viaxar a Francia e Bélxica na busca de información útil para levantar os altos fornos de Sabero e contratar a un enxeñeiro para realizar ese traballo. Así fixo e asinou en París o 1 de setembro de 1845 o contrato co francés Philippe Paret. Tamén recomendou publicitar a empresa en diversas exposicións nacionais e internacionais.

Sagra, un experto en industrialización

A participación de Sagra en Sabero partiu da súa estreita relación persoal e política co grupo impulsor da siderurxia, porén tamén do seu convencemento da necesidade de desenvolver a industria e do cualificado coñecemento do sector. O coruñés visitara pouco antes as exposicións industriais francesa (1839), belga (1841), alemá (1842) e a de París (1844) e presentará informes sobre a industria belga (1842) e alemá (1843). En Madrid colaboraría na exposición da industria española (1845) e escribiu eloxiosamente en 1845, no Boletín de empresas, sobre unha importante ferrería andaluza, a promovida por Manuel Agustín Heredia, que coñeceu nunha visita realizada a Málaga e Granada. Posteriormente, participaría no proxecto de Museo Industrial en Madrid, publicaría diversos escritos e redactaría unha Memoria sobre los objetos estudiados en la exposicion de Londres y fuera de ella bajo el punto de vista del adelanto futuro de la agricultura e industria española (1853), impreso polo Ministerio de Fomento e con varias páxinas dedicadas á metalurxia do ferro.

Sagra non se limitou, no terreo industrial, a asesorar; implicouse, como vimos, na Ferrería de San Blas, mais tamén en diversos proxectos. Outros liberais galegos tamén darían ese paso. Así, o seu amigo Domingo Fontán xestionou co seu irmán unha fábrica de papel no Castro, no concello de Lousame (Pontevedra) e, en 1861, as Cortes outorgáronlle a concesión do ferrocarril Santiago-Carril. Sagra foi o principal accionista e director-inspector de La Azucarera Peninsular, de Motril (Granada), creada en 1845 (o mesmo ano que a de Sabero) e, en 1846, constituíu en solitario outra fábrica para a produción industrial do azucre no ingenio de Torre de Mar (Vélez Málaga). Experiencias coas que se arruinou debido, entre outras cousas, a que pretendeu harmonizar a busca de beneficios con algo imprescindible para o filántropo Sagra, a existencia dunhas condicións dignas para os traballadores, o que lle xerou un enfrontamento co resto dos propietarios. Comprobou a dificultade de seren empresario e reformador social preocupado polos efectos negativos da industrialización.

O Museo da Siderurxia

Desde 2008 en Sabero está localizado Museo da Siderurxia e Minería de Castela e León. Instalado no espléndido edificio construído entre 1846 e 1847 e que acolleu á vella Ferrería de San Blas, presenta unha arquitectura singular de estilo neogótico, cunha grande nave central diáfana, sen piares, sustentada a cuberta por unha serie de arcos diafragma. O edificio e os restos dos altos fornos constitúen singulares pegadas dunha instalación industrial pioneira. É, polo tanto, testemuño dunha importante iniciativa empresarial, auténtica alfaia da arqueoloxía industrial. A conservación da relevante construción resultou posible porque ao pecharse a factoría foi utilizada para fins tan diversos como almacén, economato ou polideportivo.

O Museo, que dispón dun espazo expositivo no que salienta a historia da minería do val de Sabero, é hoxe unha dinámica institución da man do seu activo director, Roberto Fernández. E a visita a ese singular lugar resulta ben aconsellable. A un espazo que nos provocou varios sentimentos enfrontados: tristeza polo atranco secular a proxectos innovadores como foi a Ferrería de San Blas e satisfacción (e envexa, pensando en Sargadelos) pola preservación do edificio e da memoria dos que quixeron modernizar a economía e dos galegos que co seu coñecemento contribuíron ao labor.