10 de febrero de 2019
10.02.2019
Iago Martínez Número 7 da lista de Marea Atlántica ás municipais

"Non imaxino que a campaña poida ser peor ca estes tres anos e medio"

"Se as declaracións dos dirixentes políticos contrarias á Marea os invalidasen para negociar, non habería con quen facelo"

10.02.2019 | 00:58
Iago Martínez, en María Pita.

Sae da sombra do alcalde, Xulio Ferreiro, para entrar na candidatura que presentará a Marea Atlántica ás vindeiras eleccións. Faino no número sete e asegura que non o fai para se dedicar a unha área concreta. O xefe de gabinete de Alcaldía, Iago Martínez, prevé unha campaña dura, mais non máis que o mandato

- Asegura que dá o paso de ir na lista de Marea Atlántica porque llo pediu Xulio Ferreiro, cando llo dixo e canto tempo lle levou decidirse?

-Hai moito tempo que compartiu comigo que o seu desexo era que eu estivese na lista e no equipo de Goberno no próximo mandato como concelleiro pero, finalmente, a proposta chega no momento no que hai que elaborar a lista. Custoume aceptar, pero decidín facelo, en boa parte, porque mo pediu el.

- Pídelle que entre na lista pero para ser concelleiro de que?

-Non é o momento de pensar en responsabilidades concretas porque primeiro hai que rematar este mandato. Hai que gañar as eleccións co mellor resultado posible, eu estarei, coma sempre, onde Xulio Ferrreiro e a Marea me pidan.

- Pero non lle ofrecerán Medio Ambiente, por exemplo, tendo a María García na lista.

-Espero que non. Son decisións colexiadas que teñen que ver coa organización de retos políticos concretos.

- Leva case catro anos ao carón do alcalde, moitas veces na sombra e, outras, como faciana do Goberno local e da Marea Atlántica, máis tarde ou máis cedo sairá o tema dos orcos...

-Esta é a primeira vez en catro anos que podo responder persoalmente a unha pregunta que teña que ver comigo. Non tiven oportunidade en ningún caso de aclarar o que eu penso ou fago. Ese asunto foi unha anécdota distorsionada e manipulada polos nosos adversarios políticos para facernos dano. Xa a ninguén lle importa o que eu dixen ou non. O primeiro día que saltou esta polémica artificial, puxen o meu cargo a disposición do alcalde, que non aceptou a miña dimisión, e non me quedou máis remedio que aturalo todo en silencio. Cando o PSOE intentou usar esa anécdota manipulada para bloquear unha negociación orzamentaria, pedín desculpas, sen problema, porque eu creo que a cidade é o primeiro, sempre.

- Puido ter falado en primeira persoa nos medios de comunicación e mesmo usar as súas redes sociais para se defender.

-Eu creo que o labor dun xefe de gabinete de Alcaldía non é facer declaracións e por iso non as fixen nestes catro anos, quizais me equivoquei. Teño redes sociais porque son un cidadán máis, pero eu fun reprobado nun pleno no que non tiña voz.

- Todo apunta a que non haberá maiorías absolutas, pode a súa figura ser un obstáculo nas negociacións?

-Foi un teatro e, como tal, hai que valoralo. Eu non vexo por que vou ser un obstáculo, as negociacións son para chegar a acordos por enriba das diferenzas. Se eu collese as declaracións que fan dirixentes doutros partidos e considerase que, por seren críticas coa Marea Atlántica, os invalidan para negociar, non habería ninguén para facelo.

- Se finalmente é concelleiro, utilizará María Pita como plataforma para dar o salto á política autonómica?

-Non. Eu non asumo responsabilidades de maneira instrumental, non aceptei ser xefe de gabinete para nada máis que para facelo o mellor que podía, así que, non asumo o compromiso de ser concelleiro para ser outra cousa.

- E nas seguintes autonómicas, visto o balbordo que teñen en En Marea?

-Eu vou nunha lista que agardo que acade mellores resultados que os do 2015 e o compromiso que teño é ser concelleiro.

- E despois?

-Quedan tantas cousas por facer... Creo que nin eu nin ninguén da Marea Atlántica está a pensar en 2023.

- Que reto se poñen para revalidar a confianza dos veciños agora que xa non son eses descoñecidos que viñan a María Pita a mudalo todo?

-A Marea xa non é a mesma que no 2015, empezando pola persoas concretas. É un proxecto político que se fixo maior. Estes catro anos foron moi duros, pero tamén foron catro anos de aprendizaxe. Eu son dos que pensa que non é preciso aprender a paus, pero foi o que nos permitiron facer. Creo que, no esencial, o proxecto é o que era, pero chega a 2019 con máis madurez. No 2015 era imprescindible rescatar as institucións e á xente. Iso fixo que algunhas das formacións nos presentaramos con programas de emerxencia, de intervención rápida. Algunhas desas necesidades seguen aí. Eu creo que a Marea se presenta ás eleccións cun proxecto de cidade definido e o que precisa é tempo e mellores ferramentas para a construción da Coruña Próxima. Esta cidade ten que seguir para adiante, non ir para atrás, mais a condición sine qua non é que a Marea Atlántica siga a liderar o cambio coa maioría máis cómoda posible.

- Moita xente votou coa esperanza de que cambiasen cousas que, finalmente, non mudaron. A Marea prometía, por exemplo, modificar as liñas de bus, algo que nunca chega...

-Non chegou aínda. Non quero ser autocompracente, cada compromiso non cumprido está no noso debe, e dóenos. Estamos elaborando o programa para os vindeiros catro anos e estas cuestións témolas sobre a mesa. Remataremos o mandato cun 85% de cumprimento do programa. O 15% restante non o podemos meter debaixo da alfombra e temos que cumprilo canto antes. En moitos casos non os cumprimos porque nos atopamos con dificultades que, cando deseñamos o programa electoral, non sabiamos que iamos ter. No caso da reestruturación das liñas de bus era máis complexo do que pensabamos e non quixemos precipitarnos. Non nos deu tempo a facelo neste mandato, pero eu creo que o faremos se non é ao final deste mandato, si no principio do vindeiro.

- Quen vai ocupar o seu posto se o alcalde volve ser Xulio Ferreiro e é vostede concelleiro?

-Non o sei e creo que tampouco o sabe o alcalde. O equipo de goberno do 2015 non se configurou en febreiro, fíxose en maio-xuño. Hai tempo de sobra, ninguén é imprescindible. Atoparemos persoas axeitadas para cada unha das funcións.

- Vai mandar menos sendo concelleiro que xefe de gabinete e, en todo caso, manda tanto como parece?

-É un mito interesado dos nosos adversarios políticos para estigmatizarnos e desgastarnos, incluso de xerar tensións entre nós e debo dicir que o esforzo foi inútil. Non serviu máis que para que eu tivese que convivir cun personaxe que crearan outros para min e entendín que ía nas miñas responsabilidades convivir con el.

- Na campaña seguro que hai ataques fortes, igual até lle chaman vigués...

-Cando non os houbo nestes tres anos e medio? Este foi o mandato no que se nos chamou mortos de fame, onde se nos dixo que nos tocara a lotería por ter o salario máis baixo da historia da democracia na Coruña... Non imaxino que a campaña poida ser peor ca estes tres anos e medio.

- Se finalmente Claudia Delso ten que dimitir polo código ético, calará a idea de que todos son iguais?

-Non todos somos iguais. Non deixa de ser un síntoma de desesperación que o teu maior argumento político cando aspiras a gobernar unha cidade sexa demostrar que os demais somos coma ti, vindo do partido de Alibabá é bastante triste. Delso é unha vítima dunha estratexia de acoso e derruba do PP non só contra este goberno senón contra as políticas de participación e de empoderamento cidadán. Eu confío en que dea explicacións claras e que a xuíza arquive a causa e en que despois, lle pidan perdón.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es