Un total de 17 centros educativos da provincia da Coruña (50 en toda Galicia) contan este curso cun laboratorio de radio na súa biblioteca escolar a través do programa Radio na Biblio, impulsado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Deles, nove son centros de nova incorporación neste curso 2018-19, mentres que os outros oito continúan tras desenvolver esta iniciativa como un proxecto piloto no curso 2017-18. Todos eles forman parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe). O obxectivo deste programa é que o alumnado avance na adquisición das competencias informacionais e mediáticas, imprescindibles na sociedade actual. Así mesmo, procúrase estimular o papel das bibliotecas escolares como "centros creativos de aprendizaxes", tal e como establece o Plan Lía 2016-20. Asemade, búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo da comunidade educativa. Neste sentido cómpre sinalar que a posta en marcha de iniciativas de radio en centros educativos ten demostrado ser unha boa ferramenta para xerar dinámicas de comunicación, de apoio aos proxectos do centro e dos traballos elaborados polos alumnos.

Os centros que se incorporaron neste curso ao proxecto foron os centros Brión, Isidro Parga Pondal (Carballo), As Revoltas (Cabana de Bergantiños), Punta Candieira (Cedeira), Curtis, Melide, Plurilingüe de Andrade (Pontedeume), Xosé María Brea Segade (Rianxo) e Heroínas de Sálvora (Ribeira).