02 de marzo de 2019
02.03.2019
La Opinión de A Coruña

Deus con Pernas no corazón

O deus Momo dá a benvida ao Entroido na voz de Santiago Fernández, que releva a Gustavo Pernas

02.03.2019 | 00:52
Deus con Pernas no corazón
Un grupo de persoas enmascaradas.

O deus Momo que lembra os choqueiros de sempre, aos que non deixaron que o Entroido esmorecese nunca, deu onte a benvida no Obelisco á época do ano na que todo está permitido, onde non predominan as convencións e, no que cadaquén pode ser quen sempre quixo ser ou rir do que non se pode en xaneiro nin abril. Así, subido nunha gamela, cun ollo tapado, como os piratas, falou desde o seu trono mariñeiro o deus que cada ano resucita.

Mais, desta vez, como ben dixo o presentador do acto, Ramiro Neira, estreaba voz, a do actor Santiago Fernández. A razón? Que quen se dedicou a lle dar harmonía humana todos estes anos xa non está. Gustavo Pernas, que foi o deus Momo tantas e tantas veces faleceu o ano pasado, pero o seu sotaque seguía onte no Obelisco, en cada nena vestida de bruxa, en cada neno que xoga a ser pirata.

"Non vaias, Momo, non vaias, que alí xa non pintas nada... Nesa cidade andan de Entroidadas todo o ano", dixo onte o Momo, que seica lle recomendaban no monte Olimpo. Tivo para todos onte o Momo, para as "mafias de todas as realeas imaxinables que se multiplican decote pola cidade sen rubor ningún en andar coa máscara fixa da súa indignidade", para os que os que non aman e os que teñen "alma de acelga sen prebe". Contra eles falou o Momo, contra os que non saben gozar do Entroido e os que "amordazan o futuro". Porque o Momo é así, na Coruña non quere envexosos nin persoas que acreditan máis nas fronteiras que nos humanos.

Para todos eles, pide o Momo tiróns de orellas e couces, porque non están convidados a estes días de fiesta rachada. E subiron tamén Os Maracos ao escenario do Obelisco para lle cantar ao Momo e ás compañeiras comparsas. Era unha parte do premio por teren sido os gañadores os pasado domingo do concurso de letra e música. E cantaron Paquito, ao ritmo do Despacito de Luis Fonsi, e con esa melodía, saíu o ditador do seu acubillo para bailar Cunha Carme Polo con algo de barba. Comeza o Entroido. O tempo no que todo é posible, o tempo no que, segundo lembrou Rómulo Irixoa dos Maracos antes de baixar do escenario en referencia á propaganda electoral do PP, "A Coruña non está parada".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

esquelasfunerarias.es