Todas as palabras, grandes ou pequenas, teñen un peso. O de algunhas é máis ben pouco, coma amor, liberdade ou esperanza, que reverberan liviáns e alixeiran a aqueles que as reciben ou escoitan. Outras, escuras e retorcidas, son presa fácil da gravidade. Sen miramentos, e coma unha bala lista para facer caer, afunden aos seus destinatarios en si mesmos, e rabuñan por dentro coa mesma carraxe que un coitelo o faría por fóra. Son aquelas que se empregan para ferir en situacións coma o bullying, e sobre as que Lydia Botana quere advertir no seu novo espectáculo didáctico.

Logo do seu último proxecto infantil, De aquí para alá, a artista diríxese aos adolescentes con Palabras con corazón, unha montaxe multidisciplinar na que mestura danza, pintura e músicas urbanas. A petición da Sinfónica de Galicia, e no marco do programa Son Futuro da formación, a cantante coruñesa desenvolve desde a pasada semana no Pazo da Ópera unha representación sobre o poder das verbas, que se estenderá ao longo destes días ata o concerto, aberto ao público xeral, que terá lugar este sábado (12.00 horas).

Nas funcións, que teñen a poesía como motor principal, a artista rodéase de boa compañía para achegar a súa mensaxe aos máis novos. O beatboxer Xenderal, o percusionista Rubén Montes e o dj Mil póñenlle o pano musical ás reflexións que fai nas táboas, e que escenifican os bailes de Estefi Gómez e a pintora coñecida como La Niña del Arcoíris, que crea un mural a partir das cancións que o público elixe.

"Amósolles un cubo cheo de palabras, e os nenos van escollendo. Son verbas como amor, música ou morriña, que están vinculadas a unha canción de Vuelo, o meu último traballo", explica a artista, somerxida nunha etapa na que "a lírica está por enriba de todo". Durante moitos anos, un acorde valía para Botana moito máis que os verbos, adxectivos, ou substantivos que vestía. A cantante confésase agora moito máis consciente dese pouso que deixan as palabras, unha ensinanza que quere transmitir á xuventude de hoxe. "Ademais de didáctico, busco que o espectáculo sexa transcendental, e que potencie esa empatía que fai falta na nosa sociedade. Hai moito acoso escolar e moito suicidio adolescente pola violencia verbal, e os novos teñen que ser conscientes do poder que teñen as palabras", sinala a cantante.

O camiño máis directo que atopou para darlle ás a ese desexo foi a música urbana. En Palabras con corazón, a autora fusiona estilos tan dispares como a cumbia, o reggae, o merengue ou o traditrap, o novo xénero co que tende pontes entre cantos tradicionais e modernos, e que fan soar a ritmo de rap clásicos coma Bailaches Carolina. Da mesma nostalxia tirarán temas de programas coma Xabarín Club, e versións de composicións de Bob Marley coma Freedom, se é que alguén saca da chistera esa palabra. A peza do estadounidense sérvelle á artista para abordar aspectos como a discriminación, e outras como o patriarcado que di que sufriu na súa mocidade. "Foi o que fixo que outras nenas me trataran mal, porque xogaba ao fútbol e era diferente. Neste espectáculo lembro o feminismo, e tamén lles digo que se queiran a eles mesmos, porque son cos que van pasar toda a súa vida", conta a cantante.

A máxima do amor casa moito coa filosofía da artista, que ve a vida coma unha "metamorfose" na que "se pasa dunha a outra etapa". Da teoría venlle tamén o alcume de Bolboreta, baixo o que iniciou unha carreira que une a vertente clásica coa popular do seu pai Vitín Botana, e que lle levou este ano a cruzar o charco para a súa primeira xira por Latinoamérica.