Se a historia das artes aparece conformada por xentes e oficios de distinta condición, José María Prado (Rábade, 1952), Chema Prado desde sempre, amosa como a independencia, a amabilidade e a a paixón levada á práctica poden ir da man. Convén entender a Chema Prado como unha figura que non debe eludirse se un desexa comprender os últimos 40 anos do cine español, os últimos 40 anos da súa historia, pero tamén dos seus mecanismos de xestión, interrelación e a conseguinte evolución.

Responsable da modernización de Filmoteca Española, peza capital no coidado e difusión do noso patrimonio audiovisual, dirixe entre 1989 e 2016 esta institución „á que se vencella desde a década dos 70„ con tanta destreza como man esquerda e bo criterio.

Discreto e cosmopolita, Chema Prado retrata tamén, como avezado fotógrafo, o seu entorno (fílmico) inmediato, consecuencia da súa encarnación de hábil ou innato embaixador, unha das súas grandes virtudes. Sempre xeneroso, vai ser decisivo, por exemplo, na integración do CGAI na FIAF (Federación Internacional de Arquivos Fílmicos).

Hai uns meses visitaba varias salas expositivas da nosa cidade co obxectivo de presentar unha colección de persoais retratos. E o resultado, Vai e vem. Chema Prado. Fotografías, englobado en dúas grandes series (xentes do cine e arquitecturas), inaugurase hoxe mércores 20 de marzo no Pazo Municipal de María Pita, onde poderá verse ata o 19 de maio. É unha semana moi especial, chea de imaxes e convidados que deixan pisadas na súa vida, porque, en simultáneo, como proxecto que une a vontade de institucións (Concello da Coruña, Xunta), resolve a petición de Carta Branca ou proposta de ciclo cinematográfico deseñado por el a través das súas filias, influencias e fitos de traballo. Constituese así un conxunto clarividente de 19 títulos a degustar ata o 10 de maio, un catálogo de nomes impoñente, onde Garrel, Raúl Ruíz, Sara Driver, Dwoskin, Robert Kramer ou Jarmusch conversan con Wenders, Erice, Laurie Anderson ou Monteiro, o cineasta portugués que da título á experiencia ( Vai e vem). Todas estas proxeccións terán lugar no CGAI. De xeito sensible, dúas delas, correspondentes a películas realizadas por amigos seus falecidos nos últimos anos, Bernardo Bertolucci ( El cielo protector) e Jonathan Demme (o memorable filme-concerto Stop Making Sense), poden verse no Teatro Colón.

É que o poso de amizades neste ámbito é interminable e forma parte do seu carácter. Porque dicir Chema Prado pode significar que Jim Jarmusch ou Roberto Benigni aparezan con naturalidade pola porta. E dicir Chema Prado é apelar a Marisa Paredes (1946), a excelente actriz, compañeira súa desde hai moitos anos, que presenta o xoves 21 de marzo outro epicentro do ciclo, unha das súas seis colaboracións con Pedro Almodóvar, La flor de mi secreto (1995).

Por último, outra visita reveladora, a de John Malkovich (1953). Dicíao Leonard Cohen, Ain't no Cure for Love. Primeiro, un actor estadounidense que xa establece o seu prestixio nos anos 80 do pasado século con filmes como En un lugar del corazón, El zoo de cristal, El imperio del sol ou Las amistades peligrosas. Dúctil, elegante, riguroso, atractivo, poliédrico, suficientemente inquietante, devén figura de culto „a orixinal invención de Spike Jonze Cómo ser John Malkovich (1999) contribúe á súa construcción de icono por enriba de épocas„ e capaz de artellar unha traxectoria proveitosa en todos os ámbitos (cine, teatro, televisión). O venres 22 homenaxeará con Chema Prado ao mestre caído, Bertolucci, co pase de El cielo protector (1989), adaptación da novela de Paul Bowles. E ao día seguinte, ambos rescatarán Pasos de baile (2002), sorprendente relato dirixido polo propio actor.