A situación dramática do caso da Coruña é habitual no ámbito dos desafiuzamentos?

Non é habitual que haxa casos extremos de chegar á morte. No Concello da Coruña existen programas de atención inmediata, de urxencia, a persoas en situación ou risco de exclusión social que dan resposta a este tipo de situacións. A Flote, por exemplo, atende casos de urxencia por desafiuzamento. E Reconduce ou Aluga, que son programas da Xunta, tamén axudan aos afectados malia non ter carácter inmediato.

As dúas mulleres do último caso na cidade non pediron axuda ningunha. Iso si é máis frecuente?

Non toda a poboación coñece os recursos de axuda dos que dispón para a súa situación. A perda da vivenda afecta a moitos perfís de poboación. É máis doado que alguén que sexa usuario de servizos sociais coñeza os recursos accesibles, e non todos os que están en situación de desafiuzamento están en estado de risco como para coñecer eses recursos. De feito, a perda da vivenda si pode derivar nesta circunstancia.

Quen se deixa axudar non tira a toalla?

A capacidade de resposta actual que teñen os servizos sociais é cada vez máis inmediata e iso xenera máis confianza e seguridade nos usuarios para ter recursos ao seu alcance.

Que pasos seguen os traballadores sociais cando abordan un caso de desafiuzamento?

Os traballadores incidimos nos programas autonómicos e municipais de prevención que existen. Temos ferramentas profesionais a través de informes e intervencións sociais para coñecer a realidade do problema, que é moi grave, e poder actuar acorde coas necesidades en cada caso. Cada municipio ten os seus propios sistemas de axuda e as súas ferramentas.

Que primeiros recursos conceden estos programas a quen pode perder o seu piso?

Depende do estado do desafiuzamento en que se atope cada persoa.

Nos casos avanzados, a que se pode agarrar un afectado?

Cada programa actúa dun seito diferente, segundo os recursos que dispoña. A Flote, na Coruña, ten coordinación cos servicios sociais, e traballa segundo os recursos das propias personas. Nós non temos coñecemento dos pasos a seguir.

Nun problema tan grave de abordar, as rendas sociais, as axudas de emerxencia, a Risga ou as vivendas de aluguer son recursos suficientes?

Aínda que existen rendas municipais básicas, non hai unhas políticas de vivenda axeitadas que permitan que esas rendas se complementen coas vivendas. A problemática da vivenda é grave porque afecta a diferentes perfís de persoas. Por exemplo, non son suficientes moitas das pensións que teñen as persoas maiores para ter acceso a un aluguer. Ou son demasiado maiores para contar coa Risga. A perda da vivenda pode supoñer ademáis a perda momentánea da tutela dos menores nunha familia. Os parados ou a poboación migrante tampouco teñen axudas dabondo. Estas situacións repercuten na saúde das persoas con estrés, ansiedade ou depresión.

Desde frontes diferentes demándase interconexión entre administracións para que as axudas e servizos sexan eficientes. Está de acordo?

A coordinación multidisciplinar con outras entidades sempre é necesaria. Nos programas da Coruña as situacións de urxencia en desafiuzamentos existen xestións eficaces entre os servizos sociais e a traballadoras sociais.

Máis aló desa interconexión, como se teñen que reforzar as medidas de apoio?

Hai que reforzar as políticas sociais para que sexan máis efectivas no acceso aos recursos. E sobre todo, adecualas as novas problemáticas existentes, como a evolución dos desafiuzamentos. O mundo vai mudando e os servizos teñen que adaptarse.

Hai persoal suficiente no campo do traballo social para administrar unha boa asistencia a quen máis a necesita?

Claramente é insuficiente. Hai moita demanda de axuda e tense que cubrir ampliando persoal con traballo e con estabilidade laboral para que se traduza nunha estabilidade para a poboación. Non se pode cambiar de persoal de referencia para un usuario cada cinco ou seis meses. Esa demanda hai que atendela.

Como lles afecta aos traballadores sociais os dramas persoais nos que interveñen?

Desde un punto de vista resolutivo e empático. Implicámonos nas causas desde as nosas ferramentes. Sempre anima poñer un grao de area para mellorar a súas situacións e a sociedade na que vivimos. Esta profesión pon moitos graos de area.