Di que empezou a estudar e a investigar sobre a democracia pola súa avoa, por que?

É unha muller de moito carácter, ela nunca foi á escola, pero ten as ideas moi claras sobre o que está ben e o que está mal en política e, sobre todo, en canto á democracia. Sempre foi a miña inspiración. Na Ciencia Política, por desgraza, moitos dos investigadores e moitos políticos, pensan que a xente é medio parva, que non sabe; porén, xente como a miña avoa, que non foi á escola, ben que sabe o que lle gusta e o que non.

A súa tese de doutoramento, Que é a democracia para os cidadáns? consultaba a habitantes de varios países, cal é a investigación que desenvolve agora?

Aquela enquisa fixémola no ano 2012, no medio dunha crise económica enorme. As opinións dos cidadáns estaban influenciadas por esta situación, sobre todo, en España e Italia. Agora, o que vou facer é unha especie de réplica pero incorporando algún elemento máis relacionado cos partidos novos e co populismo, para entender que modelo de democracia ten esa xente que vota a estas opcións e que efectos tivo a crise para que a xente cambiase cara a ese novo modelo de democracia, se é que se lle pode chamar así.

Pódese considerar democracia votar cada catro anos?

Para algunhas persoas, as eleccións non bastan e pretenden introducir outros elementos coma os referendos, para outras, estas consultas provocan cousas coma o Brexit, que tan pouco gustan; outras persoas simplemente pretenden que os políticos fagan o seu traballo e que as deixen en paz... Depende moito das persoas. En España pídeselle moito á democracia. É un dos países que máis demandas ten sobre o que ten que prover unha democracia. Na enquisa dicían que non só ten que ser xusta nos procedementos senón tamén socialmente e que ten que incrementar a participación.

Diferencia tamén a percepción da política entre os homes e as mulleres, por que?

A diferenza está na participación, elas tenden a participar menos. En realidade o que pasa non é que non se interesen pola política. Hai mulleres que, como á miña avoa, se lles preguntas, dirán que non teñen nin idea de política, o que pasa é que os temas que lles interesan non son os que se definen tradicionalmente por política, non son dos que falan os señores con bigote. O que a ela lle interesa, por exemplo, é que non boten á xente das súas casas ou outro tipo de cuestións menos ligadas ás eleccións. Elas participan menos, pero porque os temas que lles interesan non se adscriben á área da política.

É igual na política municipal que na estatal ou europea ou interésalles máis a local porque fala de cousas máis próximas?

Si, normalmente, as mulleres son as que máis usan os servizos públicos, as que máis van ao súper e máis andan pola cidade, polo que están máis preocupadas pola política local que os homes, pero menos pola política estatal e no caso da europea a diferenza é enorme.

Funciona aínda a propaganda electoral?

En España si, sobre todo, no caso da televisión, xa que non hai diferenza de uso entre homes e mulleres. Os homes len máis a prensa. Son os programas de información política os que contribúen a diminuír a brecha e son as persoas que menos informadas están as que máis aprenden no contexto da campaña electoral, así que, non todos os cartos son tirados.

Son efectivos os debates electorais a día de hoxe?

Os debates tal e como son agora, que non paran de tirarse trastos á cabeza, son fundamentais porque saen na televisión e, aínda que unha muller estea lavando a louza, por exemplo, poderá escoitalo e algo sempre lle vai quedar, así que, sempre contribúen a que a xente se posicione.

Logo de once anos fóra, por que volve agora?

Oportunidades de voltar houbo, o que pasa é que, cando te afás a ser ben tratada fóra e a cobrar un salario digno, antes de volver en condicións peores, pénsalo dúas veces.