Namorado da escrita social de autores coma Víctor Hugo, Tito Pérez (A Coruña, 1983) continúa a súa aposta por retratar a sociedade coruñesa en O latexar do barrio, o seu último libro de relatos, no que debuxa o pasado daquel Monte Alto que o veu medrar. Hoxe, ás 20.00 horas, o autor presentará a obra na libraría Sisargas, a onde acudía hai tres anos para falar da súa anterior peza Vinte fragmentos de mocidade voraz.

Moitas veces os autores rexeitan o próximo, pero vostede sempre escolle A Coruña

Cando un escritor escribe ten que buscar unha motivación, e precisamente a miña é describir o próximo e os conflitos que pode ter a sociedade que me rodea. Hai moitos libros sobre Nova Iorque, París… Pero eu creo que, desde o local, transcéndese ao universal.

Cal diría que é o peso desa identidade nos autores de aquí?

Dicía un crítico que Galicia ten moitísimos problemas estruturais. Por exemplo, o envellecemento da poboación, ou o cambio brutal do campo ao cidade. Contaba que eses problemas semellan que existen en todos os sitios menos na literatura galega. Eu creo que pode ser verdade, e a miña intención é tratar de encher ese oco.

Faino desde Monte Alto. Os choqueiros, Os Diplomáticos… Que ten o barrio para deixar unha pegada tan forte?

Unha mudanza continua, o contraste. Podes ver tanto a un mariñeiro como a un hipster. Pero a verdade é que Monte Alto mudou moito. O meu libro está escrito a finais dos 90 e principios dos 2000, e as cousas xa non só así. Agora o barrio é moito máis moderno e cosmopolita, e o que eu retrato era moito máis retraído.

No relato que titula o libro, os seus habitantes semellan incapaces de ser inconformistas

Eu creo que no fondo iso segue a ser igual. Agora o que cambiou é o exterior, pero o interior segue a ser parecido. Os hipsters dos que falabamos ao final teñen que emigrar para saír adiante. Os que quedan aquí poucas saídas teñen, e non loitan polo seu.

Segue o golpe da crise?

Si, porque somos a xeración da crise. Eu son enxeñeiro industrial, e cando comezou a crise non había traballo. É cando empecei a escribir. Non tiña nada fixo, e gustábame moito a literatura.

E na mocidade, que tanto lle gusta retratar?

Naquela época escribía algún poema de amor, pero na miña casa ninguén escribe. Foi unha cousa esporádica ata que rematei a carreira e tiven tempo, malia que sempre me gustou.

Fala de ter tempo. As súas personaxes o perden en entretementos e ignoran as cuestións de peso social

Claro. E na mocidade iso tamén está moi presente. Por exemplo, cando veñen as eleccións, a súa abstención é moi elevada. Moitas veces pensas antes en emigrar que en loitar polo noso e sacar adiante a situación. Pero así non conseguiremos o desenvolvemento pleno da sociedade que podemos ter. Iso é o que demanda o libro.