Aos mozos, normalmente, non se lles deixan as decisións importantes. Eles acatan normas, non as crean, expresan opinións aos que poucos fan caso, e expoñen o seu traballo á valoración doutros máis veteranos ca eles. Nos Young Audience Award, as tornas cambian. No certame audiovisual da Academia Europea de Cine, o poder cae nas mans dos máis novos, que teñen que escoller co seu voto á mellor película para público xuvenil feita en Europa ese ano.

Mañá, a gala de votación chegará por primeira vez á cidade da man do Concello e da Academia Galega do Audiovisual (AGA), que leva loitando pola oportunidade desde o 2017. Conta o seu director, Miguel Mariño, que son moitas as complexidades a remediar para a admisión, e moita máis a competencia entre todas as urbes que agardan ser sede, e que chegan nesta oitava edición ás 55 participantes. Nelas, de xeito simultáneo, rapaces de entre 12 e 14 anos visionarán as películas que concursan, e decidirán co seu voto á gañadora. Serán mozos de 34 países europeos, unha cifra que contará ademais da Coruña coa representación española de Barcelona, Madrid, Sevilla e Valencia.

Na sesión coruñesa, o poder de convocatoria foi alto. O prazo de inscrición, que remataba onte, pechou cunha cantidade de participantes que sobrepasa con folgura o medio centenar de rapaces, e que supera con creces os que acadaron outras comunidades autónomas nos seus debuts. Nin o feito de que sexa un domingo, nin que cadre co Día da Nai ten desalentado aos mozos galegos, que reuniranse nos Cantones Cines para unha xornada de película. Desde as 9.30 horas, poderán visionar os dramas, comedias e road movies que quedaron na fase final, e sobre os que poderán debater cando rematen.

"Unha parte importante do acto é darlles a oportunidade de non ser só espectadores, senón de pensar sobre o que acaban de ver. Haberá unha sala de chat na que poderán falar con mozos doutras cidades, e tamén terán a oportunidade de facelo cos directores dos filmes", explica Mariño. Fight Girl, de Johan Timmers, Los Bando de Christian Lo e Old Boys, dirixida por Toby MacDonald, serán as pezas entre as que se rife o galardón. O nome do premiado anunciarase o mesmo domingo na cidade de Erfurt, en Alemaña, logo de que cada urbe anuncie a un vencedor que algúns na Coruña xa teñen claro mesmo antes de acudir á gala.

Moitos dos participantes puideron coñecer os filmes nas sesións cinéfilas que a AGA organizou en varios centros de ensino, nos que tratou tanto de difundir o concurso como de fomentar a suma de mocidade e audiovisual. Tras moito tempo dedicada ao perfil do profesional do cinema, a Academia vira agora cara aos novos públicos, aos que ofreceu este ano obradoiros como o Cineclube. Novos Programadores de Cinema Galego.

"Queremos difundir o cinema galego e que se inclúa como ferramenta no currículum formativo", apunta o director da AGA, para o que o problema que os máis novos teñen co audiovisual non é o desinterese, senón a "falta de oportunidades". Di Mariño que "a mocidade está asoballada polas grandes producións de Hollywood" e que "o propio sistema de estreas impide" que moitos filmes "cheguen ao espectador". É o caso de moitas das curtas que se estrean, e que "rara vez están en pantalla o tempo suficiente para que funcione o boca-orella" entre os espectadores.

Cando as pezas chegan ao público, a orixe adoita perderse polo camiño. "Moitos rapaces coñecen series de canais nacionais, pero non as asocian co audiovisual galego aínda que a produción ou os actores sexan de Galicia", sinala o director, que lamenta que non teñan "coñecemento da amplitude do talento galego". Mantén, porén, a esperanza malia as dificultades, motivado polo "interese" que esperta neles cando cae o velo. Mariño ve en iniciativas coma a dos Young Audience Award unha axuda nesa contenda, e agarda que teña neles un "impacto positivo".