O galego corre, o galego avanza, o galego protéxese. A lingua é patrimonio histórico e cotiá e a súa defensa é obriga dos seus falantes. Entre eles, os máis cativos, a xente nova. "O galego é a fórmula", berraron onte case 3.000 rapaces e rapazas de trinta centros educativos da comarca de A Coruña e a cidade polo paseo marítimo, polo percorrido que este ano tivo o Correlingua na súa decimonovena edición. O lema é máis que axeitado, xa que o fío conductor da iniciativa en 2019 é a ciencia, pola coincidencia cos 150 anos da creación da táboa periódica dos elementos químicos.

Desde o pavillón de deportes de Riazor ata o pé da Torre de Hércules, a marcha lingüística amosou con forza a reivindicación do galego falado e escrito, o poder da lingua. Cos propios rapaces falando ou cantando, coas palabras do conducto do acto, Cé Orquestra Pantasma, e coa música do grupo Monopolius DOP, ganador do concurso Cantalingua, a formación máis votada polos alumnos.

A cidade non falou soa en galego. O Correlingua, que organizan de xeito conxunto a Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino, xuntou a 18.000 nenos na Coruña en noutras once localidades galegas, con 200 colexios participantes.

"O galego é a fórmula para sumar a todas as voces dun país diverso, valente e plural, que se atopa en continua transformación e que debe facer fronte a numerosos retos, como o cambio climático, a xustiza social e o respecto ao medio ambiente", salientou no acto o alcalde, Xulio Ferreiro.