É preocupante a marcha de mozos galegos cara a outros países?

O outro día falaba cun alto cargo da Universidade da Coruña e dicíame que é unha traxedia. Nos últimos dez años foronse de Galicia 100.000 mozos de entre 16 e 35 anos. Por suposto non todos son científicos ou xente formada en ciencias ou tecnoloxía, pero si que hai xente moi preparada. É un drama que ademais estase producindo con certo silencio porque había un acordo social tácito sobre que as persoas que apostaban pola formación tiñan despois un posto de traballo digno. Pero ese pacto rompeuse coa crise, xa que a xente que está moi ben formada se ve abocada a irse á emigración.

Cal é a orixe deste fenómeno?

O que acontece é que non hai postos de traballo suficientes en Galicia e en España. Pero estamos a pensar que isto está cambiando, cando no primeiro de xaneiro deste ano aumentaron en case 63.000 o número de españois que se foron ao estraxeiro con respecto a 2018. Agardemos que isto cambie pola melloría económica e as medidas que anunciou o Goberno nos últimos meses, pero de momento o que houbo foi unha fuga masiva de novos investigadores. Iso é un empobrecemento de Galicia nun sector básico e un despilfarro de recursos humanos incrible.

Semella que isto non preocupa moito aos poderes públicos.

Non lles preocupa moito e nos debates electorais que tivemos ninguén falou disto. Pero a propia sociedade tampouco é consciente porque non hai unha sensibilidade social, xa que non vexo manifestacións en Alvedro, por onde marchan os rapaces, aínda que isto afecta a moitísimas familias. Ginés Morata, que é unha autoridade neste campo, dixo neste periódico que España está financiando a ciencia dos países anglosaxóns, cando eles, en plena crise, apostaron polo investimento en investigación, mentres que aquí, onde se dicía que íamos cara a un cambio do modelo produtivo, dá a impresión de que esperamos a un novo boom do ladrillo. Pasamos de emigrar coa maleta de madeira dos nosos avós a que os nosos fillos emigren coa computadora, cunha enorme formación e idiomas. E ademais, con agravios como que nas dúas últimas eleccións co voto rogado en abril votou o 8,4% dos españois que están fóra e nas municipais o 5,7%, polo que non só se lles obriga a marchar senón que ademais non se lles deixa nin votar.

Pode ter consecuencias importantes esta marcha de mozos?

É evidente que é unha perda e aí todos temos responsabilidades. A Universidade di que nestes anos sufriu unha merma de recursos e iso é certo, pero non quita que o drama se produza e porque nalgún momento haberá que sentarse a pensar se o sistema debe seguir funcionando así, de xeito que os nosos enxeñeiros sirvan para que as empresas alemás funcionen ben. Está claro que Galicia non é un país rico, pero que invista en investigación o 0,87% do seu PIB fronte ao máis de 2% que o fixo Europa nestes anos... Isto é un drama para os afectados e as súas familias, pero tamén é un drama social, aínda que aquí seguimos tocando como a orquestra do Titanic porque este asunto é visto como algo natural cando antes a emigración era considerada como un problema.