Están xa recolocados tras perder o Goberno local?

Témolo claro: as políticas polas que imos seguir pulando son as mesmas. Xustiza social, rexeneración urbana, urbanismo máis respectuoso, mobilidade que prime as alternativas ao coche... As políticas son as mesmas pero abordándoas dende outro lugar. O goberno en minoría actual necesita de acordos, é ineludible, así que seguiremos traballando na liña iniciada en 2015, non hai ningún cambio de criterio.

Pero é a primeira vez que están na oposición.

Temos a dinámica municipal xa nas venas. Todo o que é traballo político, menos a xestión, que lle corresponde ao goberno, a iniciativa, a interlocución, as tarefas de fiscalización e control xa o temos incorporado nas venas. Agora, se cadra, o que temos que poñer en marcha é a loxística.

Como foron as conversas co PSOE para chegar ao pacto?

Calquera se pode imaxinar como transcorre unha negociación. As dúas partes empezan en máximos, pero ao final chegamos a bo porto. Estamos satisfeitas coas medidas de rápida implantación, en períodos de tres e seis meses para que poidamos ver os avances en políticas decisivas para a cidadanía: centros de ensino, axudas de emerxencia social, transporte público, cuestións relativas a urbanismo ou medio ambiente...

O BNG presentou un documento inicial pero vostedes agardaron ao do PSOE.

Crimos que realmente o equipo que tiña a responsabilidade de goberno tiña que levar a iniciativa en cuestións de deseño de goberno e en cuestións primordiais. Pero si que fixemos chegar o noso plantexamento. Primeiro, no documento da Rede, onde acordamos outorgar os apoios á investidura de Inés Rey e no que xa esbozabamos as que ían ser a nosas liñas políticas prioritarias. Foron a base da negociación e serán o eixo político da Marea Atlántica.

Houbo moitas cesións?

As cesións creo que foron asumibles e referendadas pola Rede. Iso non quere decir que renunciemos. O documento de acordo político é un documento da base dunha colaboración, pero iso non quere decir que a Marea vaia renunciar a aqueles temas onde non houbo acordo.

Confían en que se cumpran os prazos marcados.

É o xeito de poder avaliar o grao de cumprimento dos acordos. Sabemos que dentro do proceso administrativo sempre hai obstáculos que ás veces dilatan, pero si que se inicia unha senda de entendemento, de poder aternos a cuestións concretas. A partires de aí, hai que plantexarse os seguintes pasos, medidas ou obxectivos. Pareceunos moito máis viable plantexalo así. A diferenza doutros acordos, a nós pareceunos moi importante facer un acordo a curto prazo, renovable, ampliable e que se vaia adaptando ao transcurso dos feitos.

Sinten impotencia de non cumprir proxectos xa iniciados no Goberno local?

Hai esa pena de non poder colleitar un mesmo os froitos de tantísimo traballo en moitas ocasións. Pero o que hai que primar é que se fagan as cousas e que a cidadanía poida desfrutar delas. Ese é o obxectivo prioritario.

Pensaban que habería máis revanchismo na Rede con respecto ao PSOE?

Somos un grupo político responsable. Queremos ver deste goberno políticas de esquerdas, transformadoras, de igualdade... nas que en moitos casos estaremos de acordo e noutras, non, pero temos moi claro que as políticas de dereitas non son as que queremos apoiar. A alternativa non existía e o tivemos clarísimo. Por iso foi un apoio incondicional, formulando desexos, propostas políticas, e aí centrarase a labor da Marea na oposición. Con moita iniciativa, con moito control, creo que de xeito moi construtivo. Hai que evitar o que xa coñecemos, o bloqueo porque si, partidista e porque hai que chamar a atención sobre a existencia dun mesmo. Non é ese o noso xeito de actuar.

Vai ser difícil facer oposición pero defender o acordo?

Haberá que facilitar, felicitar, cooperar e propoñer naquelas políticas que consideramos correctas e haberá que criticar, fiscalizar e divulgar aquelas que cremos que se distancian do interese público. Iso é o que ten que guiar todas as decisións.

No pleno apelou ao laicismo despois de asistencia de concelleiros a actos relixiosos.

Todo o mundo sabe que a Marea defendeu o laicismo en todas as institución, e iso non é ir en contra de ninguén, senon defender unha política na que as administracións públicas e autoridades teñen que gardar ese respeto. Sorprendeunos eses primeiros pasos e cremos que dun goberno socialista agárdanse políticas de esquerdas que defendan o laicismo.

Votaron si á suba de salarios de ata un 40%.

Teño que insistir na idea de que os salarios non foron obxecto de negociación porque non habería acordo. E si noutras políticas públicas, como a gratuidade das escolas infantís, as axudas de emerxencia social, a ordenanza de igualdade... Priorizamos iso e deixamos que o goberno tivera a potestade de levar a proposta ao pleno, que quixemos votar separadamente.

A alcaldesa non deixou facelo así. Os seus votantes entenden que apoien esta medida?

Calquera votante informado sabe que temos un posicionamento diferente, sabe que renunciamos aos excedentes dos salarios e sabe que o comentamos na Rede e que non foi obxecto de negociación. Fixemos o que tiñamos que facer, votar a favor duns acordos políticos e organizativos que si foron obxecto de negociación. Mantemos a lealdade, intentamos votar por separado e non puidemos facelo.

Os grupos din que as retribucións partían dun punto excesivamente baixo.

Non son desa opinión. A renda media na Coruña é de 28.000 euros. Nós estamos cobrando como un titulado superior que se adica á docencia.Non me parece que sexa un salario demasiado baixo. Como farán outras persoas que estan cobrando o salario mínimo interprofesional, que son 12.000 euros ao ano? E teñen que chegar con iso a fin de mes... Trátase de onde poñemos a referencia ou o foco. Podemos fixarnos nos salarios dos altos directivos, que poden ser más de cen mil euros ao mes, ou podemos fixarnos nas condicións de vida da poboación. Ese é o noso espello, o que queremos ter, é o noso norte.

O ton do pleno de organización, con críticas, foi máis suave que os do anterior mandato.

Hai que tentar que sexa así, hai que rebaixar a crispación e o ataque incluso por debaixo do cinto na vida política. Iso non quere dicir que non se poda ser crítico. As críticas e as diferenzas políticas pódense expresar con todo o respecto. O talante construtivo non está rifado con ser acrítico, pero ten que estar sempre presente.

A entrada no Goberno local é factible?

Haberá que ir avaliando o transcurso desa colaboración. A nós o que nos interesa non é tanto o deseño do goberno como as políticas. Aí realmente é onde poñemos realmente o acento.

Se o acordo fructifica, non custará diferenciarse do PSOE ao final do mandato?

Sería estupendo que os puntos foran 100% coincidentes. Creo que por unha cuestión de programa, de tendencia e de medidas dos primeiros días, ogallá fora así. Pero pode ser que non o sexa. Haberá que avaliar nas vindeiras eleccións o papel xogado por cada forza política, de quen son as iniciativas, de que xeito se plantexan, como é o talante, se realmente as ideas son boas... O papel do goberno é complexo pero o papel de oposición tamén é moi rico. Non me mete medo a diferenciación.

Como valora a pacto ao que chegaron BNG e PSOE?

Dentro de este acordo hai políticas que foron iniciativas do goberno de Marea no mandato pasado. Nese sentido, por suposto que hai puntos de coincidencia.