O Noroeste é un clásico coruñés. Xa o era en 2015, cando Xulio Ferreiro se converteu en alcalde da súa cidade. Non era necesario inventar por segunda vez a pólvora, senón relanzar ese patrimonio colectivo sen romper nada polo camiño. Hoxe ninguén discute que foi un acerto da Marea Atlántica converter aquela cita de dous días na praia de cada verán no que agora temos: un festival que se estende ao longo dunha semana por prazas e auditorios e que dá cabida a ducias de artistas nunha oferta plural e comprometida tanto coa mirada feminista como coa dignificación das condicións de traballo na cultura.

Aquel acerto non sería máis ca iso, unha boa idea para darlle unha segunda mocidade a un grande invento, se non fose porque o traballo de moitas persoas, dentro e fóra da institución, se encargou despois de facelo realidade durante catro edicións consecutivas e cada vez máis exitosas. Estragalo agora porque un novo goberno ceda á tentación de deixar a súa pegada e darlle unha volta porque si, sen maior horizonte, tal e como apuntaba o concelleiro de Cultura nestas mesmas páxinas hai un par de semanas, sería unha torpeza que agardo, francamente, que non se consume.

De todas as cousas que fan do Noroeste un festival especial, unhas delas, sen dúbida, é que nos convida a camiñar a cidade para ir dun escenario a outro. Que somos nós, as persoas, as que facemos o noso propio mapa sonoro, ás veces para escoitar o que máis nos apetece e outras, simplemente, para gozar dos auditorios e recantos da Cidade Vella que máis nos prestan. Un non vai ao Noroeste para velo ou escoitalo todo en liña recta. Vai para deambular e interpretar cos pés, de aquí para alá, a súa propia música. Quen non comprenda iso, dificilmente comprenderá por que o Noroeste convoca o entusiasmo de miles de persoas ou por que resoa moito máis alá da nosa contorna metropolitana.

O festival pode mellorar, dende logo, pero non o vai facer á custa de reducir a oferta ou de empobrecer a diversidade de músicas e lugares. Todo o contrario. Garantir a súa consolidación pasa por afondar na fórmula que se puxo en marcha hai catro anos, intimamente ligada ao espazo público, e nesa tarefa pode ser moi útil o que lle propuxemos esta semana ao goberno municipal: que convoque un concurso público para dotar o Noroeste dunha dirección cualificada, e que o faga de acordo cos profesionais e as profesionais da música. Se para facer un festival de éxito é imprescindible ter algo de oído, para tomar decisións políticas con sentido tamén é moi saudable saber escoitar.