06 de octubre de 2019
06.10.2019
Episodios da cultura científica

Un polémico pasaporte para a exploración científica de América

Alexander von Humboldt, precursor das Ciencias ambientais, naceu hai 250 anos

05.10.2019 | 19:06

Alexander von Humboldt (Berlín 1769-1859) é un dos científicos máis recoñecidos da historia. Un modelo de estudoso, viaxeiro ilustrado e divulgador, auténtico "sabio universal" cuxas contribucións fixeron del un salientable precursor no estudo científico do medio natural e na preocupación polas consecuencias da acción humana sobre a Biosfera.

O Foro Humboldt Coruña celebrou o 250 aniversario do seu nacemento coa instalación o pasado 5 de xuño dunha placa conmemorativa da saída para América do científico prusiano e organiza o próximo 10 de outubro o II Encontro internacional sobre a súa figura. Neste episodio falaremos do pasaporte que lle concederon as autoridades españolas para realizar as súas pescudas, tema que nos permite acceder a algúns mecanismos do funcionamento da Ciencia.

O primeiro pasaporte

A grande exploración americana foi posible polo singular permiso que a Coroa lle facilitou a Humboldt para visitar as colonias españolas. Unha peculiar e moi xenerosa concesión, se a valoramos „como é obrigado„ no contexto da época, pola propia aprobación da expedición, as facilidades outorgadas e as escasas contraprestacións esixidas e executadas.

Entenderemos mellor o acontecido se consultamos o primeiro dos dous pasaportes que lle foron outorgados ao prusiano. Humboldt chegou a Madrid o 23 de febreiro de 1799 e poucas semanas despois, o 18 de marzo, obtiña ese primeiro documento. Asinábao Josef Antonio Caballero Campo, secretario de Gracia y Justicia de España e Indias (equivalente a Ministro de Xustiza) e dicía:

"Por cuanto el Rey ha concedido licencia a Sr. Hunbald (sic), Prusiano, y a su Secretario para pasar a América a continuar el estudio de Minas y perfeccionarse en el conocimiento de otros descubrimientos.

Por tanto manda S.M. a los Jueces de Arribadas de Indias de cualquiera Puertos de España, y demás personas a quienes corresponda, no le pongan impedimento alguno, a fin de que pueda embarcarse para el referido destino en la ocasión que más le acomode".

O permiso, como ollamos, ten un carácter xenérico sobre a misión de Humboldt e limitase a indicar que non lle poñan atrancos. O Xulgado de Arribadas foi un organismo constituído en 1790 que sucedeu á Casa da Contratación de Sevilla, institución creada no século XVI que entendía das viaxes a América e Filipinas, dende o control da pasaxe ata a inspección da chegada da prata. Co fin do monopolio do comercio americano, ao remate do século XVIII, a Casa de Contratación perdeu gran parte das súas funcións, que foron absorbidas polo Xulgado de Arribadas. Existía un en cada porto habilitado para o comercio libre, por exemplo o da Coruña.

Un segundo pasaporte

Mes e medio despois dese primeiro pasaporte, o 7 de maio de 1799, Humboldt obtivo outro. A posición do asinante do mesmo, Mariano Luis de Urquijo, encargado interinamente do despacho da primeira Secretaría de Estado (ou sexa, o equivalente a primeiro ministro) resulta indicativa do cambio operado.

No texto figura a identidade profesional de Humboldt, "consejero superior de Minas de S.M. el Rey de Prusia", e dise que vai a América para "continuar el estudio de las minas y hacer colecciones, observaciones, y descubrimientos útiles para el progreso de las ciencias naturales". Ordease a "Capitanes Generales, Comandantes Gobernadores, Intendentes, Corregidores y demás Justicias, etc.", que "no pongan embarazo alguno en su viaje", "ni le impidan por ningún motivo la conducción de sus instrumentos de Física, Química, Astronomía, y Matemáticas, ni hacer en todas las referidas posesiones las observaciones y experimentos que juzgue útiles, como también el recolectar libremente plantas, animales, semillas, y minerales, medir la altura de los montes, examinar la naturaleza de éstos, y hacer observaciones astronómicas, pues al contrario quiere el Rey que todas las personas a quienes corresponda den (...) todo el favor, auxilio y protección que necesitasen".

Por outra banda, o documento inclúe unha instrución sobre o traslado de produtos da expedición a España, a contrapartida ao excepcional permiso:

"A todas las personas a quienes correspondiese por razón de sus oficios que reciban y hagan embarcar para Europa con dirección a esta primera Secretaría de Estado y del despacho, y con destino al Real Jardín Gabinete de Historia Natural, todos los cajones que contengan objetos naturales pertenecientes a esta Historia, y que les fueren entregados por dicho Humboldt a quien se ha encargado que recoja y colecte las expresadas producciones para enriquecer el Real Gabinete de Historia natural y los Jardines Reales".

Parte 'coruñesa' do pasaporte

O orixinal deste segundo pasaporte, o que realmente Humboldt utilizou, acabou en Quito (Ecuador), onde se custodia no Museo Nacional, e recolle as anotacións realizadas nos diferentes portos por onde pasou o explorador. Textos coñecidos pero pouco difundidos, polo que me parece interesante reproducir a parte que corresponde ao embarque coruñés, que di:

"Tomose la razón en este Juzgado de Arribadas de Indias, a donde se presentaron los contenidos en el precedente Real permiso, en virtud del cual, les doy el correspondiente, para que puedan embarcarse en este Puerto en el primer buque de Bandera nacional, que se les proporcione para transportarse a cualquiera de los Puertos de ambas Américas que les acomode para emprender su comisión. Coruña veinte y siete de Mayo de mil setecientos noventa y nueve".

Esta parte do documento está asinada por Francisco de Mella, pois era o xuíz do Xulgado de Arribadas da Coruña. E contén un breve texto de Clavijo indicando que o científico tiña un camarote asignado no buque Pizarro: "Concedido de Cámara en el Pizarro". Trátase do enxeñeiro naval Rafael Clavijo y Socas, responsable dos Correos Marítimos localizados na Coruña e principal contacto de Humboldt na cidade. Era sobriño de José Clavijo y Fajardo, director do Gabinete de Historia Natural de Madrid, quen lle recomendou ao prusiano. Como vemos, Humboldt, que chegara a Coruña o 25 de maio, xa recibira o visto bo para o embarque dous días despois.

Que motivou o cambio?

Dos contidos dos pasaportes dedúcese claramente que o segundo documento é moito máis axeitado para os intereses do explorador. Describe polo miúdo a misión de Humboldt e resulta ben útil para os seus fins, pois obriga ás autoridades a unha colaboración activa.

Sabemos que a mellora no permiso concedido foi debida á notable actividade que o científico desenvolveu en Madrid nas setes semanas que median entre o documento de marzo e o de maio. Contactos con relevantes diplomáticos estranxeiros, como o representante de Saxonia (Phillipe de Forell), científicos destacados, como José Clavijo, e relevantes políticos, como o propio Urquijo. Foi esa rede de influencia a que determinou o cambio operado nas condicións nas que Humboldt puido levar a cabo a exploración.

Obtivo así un permiso claramente vantaxoso, e que poderíamos xulgar excesivo, considerado desde a perspectiva dos intereses do Estado español nesa época e do xeito de actuar naquel tempo. Lembremos que o Goberno portugués deu instrucións aos seus delegados en Brasil para que prenderan a Humboldt se entraba nese territorio. Os liberais británicos tampouco foron tan comprensivos co prusiano. En 1818, cando xa era un "sabio universal", quixo visitar a India, pero o ministro Canning non concedeu o permiso e a Compañía Británica das Indias Orientais non lle facilitou o salvoconduto. O científico si que puido desenvolver unha nova expedición, neste caso en 1829 a Siberia, pero seguindo un itinerario predeterminado e coa obriga de non comentar sobre a vida dos habitantes do territorio.

Incumprimento

Humboldt agradeceu en moi diversas ocasións a xenerosidade de España con el. Porén, no terreo dos feitos, non respectou a única condición indicada no pasaporte, que enriquecera os fondos do Xardín Botánico e Gabinete de Historia Natural de Madrid con obxectos naturais americanos. Mandou algunhas rochas ao Gabinete pero as importantes coleccións recollidas foron cara centros museísticos europeos e o enviado aos establecementos españois resultou marxinal. Así, no Herbario do Xardín Botánico de Madrid non hai ningunha planta da expedición.

Recursos e influencias na ciencia

O éxito científico da histórica expedición de Humboldt non debe agachar outros aspectos relacionados coa mesma, menos visibles. No terreo persoal, comprobamos que un pode ser sabio universal e, asemade, non cumprir coas obrigas contraídas. Noutro plano, o relativo ao funcionamento da Ciencia, sabemos que a posta en práctica esixe recursos e, de feito, Humboldt consumiu a súa fortuna persoal na exploración americana. Mais tamén require de apoios de persoas e institucións, esa rede de influencias coa que contou o prusiano. Os posteriores avances no terreo científico teñen que ver con facilitar o acceso a proxectos relevantes a científicos en base á súa valía, non pola riqueza e influencias persoais.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es