O pícaro máis coñecido do Século de Ouro pode narrar, finalmente, as súas andanzas en galego. Malia que El Lazarillo de Tormes está traducida a case todas as linguas existentes, o galego non estivo ata hoxe entre elas. A profesora da Universidade da Coruña Pilar Couto e o catedrático Alfredo Rodríguez López-Vázquez decidiron poñer fin a esta situación o ano pasado, cando se propuxeron convocar na cidade o Simposio Internacional El Lazarillo y sus continuadores, que reúne a unha serie de expertos na materia para debater sobre unha obra que, 500 anos despois da súa publicación, segue a xerar discusión.

Ao tratar de contactar cos responsables da tradución da novela ás diferentes linguas e non poder atopar a ninguén que a tivese traducido a galego, tomaron a decisión de facelo eles mesmos. En menos dun ano o traballo estaba feito, e a nova edición bilingüe preséntase hoxe no marco do devandito simposio.

"Facía anos que estaba traducida ao catalán e ao éuscaro, mais en galego aínda non se fixera. Pensamos que é unha aportación moi interesante que dá resposta a unha carencia que existía", explica Pilar Couto, unha das responsables da tradución, na que participou un equipo de catro persoas.

Esta nova edición bilingüe toma como base o texto máis antigo que se conserva da obra, que inclúe ademais aquelas partes que a Inquisición recortou ao considerar que atacaban aos ditames da Igrexa, como a do vendedor de bulas, un dos pasaxes máis célebres do libro. Para manter a fidelidade coa época, o equipo de traballo tomou como referencia textos notariais escritos en galego dos séculos XVI e XVII, o que non impide que, a xuízo dos seus promotores, a novela se entenda perfectamente. "No texto en español hai preto de cincuenta notas, no galego, unha ducia. Se só tes que recorrer a unha ducia de notas para traducir un texto do século XVI, conseguiches unha boa tradución", apunta o catedrático Alfredo Rodríguez.

Ademais da presentación da obra, o simposio propón unha serie de relatorios repartidos entre o xoves e o venres, que xiran en torno a temas como a tradución, a historia e a didáctica. Unhas xornadas que deixan patente a relevancia que a obra segue a ter nos nosos días. "É un libro que non está destinado para a erudición, senón para que o poda ler e entender todo o mundo", expón Alfredo Rodríguez.