Nótase que a Agra do Orzán sexa o barrio coas rendas máis baixas na cidade?

Ese dato é un reflexo do que está a pasar neste país coa clase traballadora, porque neste barrio hai moitos pensionistas que estiveron traballando toda a vida e que teñen unha rendas moi baixas. E os que aínda son traballadores teñen empregos precarios e con soldos moi baixos, ao que hai que unir que hai moitos inmigrantes que están buscando traballo, pero tamén de pouca calidade.

Tradúcese esta situación en que haxa conflitos sociais no barrio?

Non, podo asegurar que este é un barrio no que vive moitísima xente de máis de trinta países e con linguas e culturas moi distintas pero no que a convivencia é modélica. Os problemas dese tipo non existen e iso que é un barrio incómodo porque non hai moitos sitios para convivir. Temos un problema moi concreto na rúa José Baldomir pola ocupación dun edificio por parte de xente que non respecta as normas de convivencia, pero unha cousa moi localizada.

Vense na asociación de veciños casos de persoas que pasen necesidade?

A verdade é que non. A xente non é rica pero se apaña co que ten. Non nos chegaron casos dese tipo.

Cre que as administracións lle prestan ao barrio a atención que merece?

Notamos que case non temos liñas de autobús, porque as únicas que pasan polo barrio están nas roldas de Outeiro e de Nelle porque os buses non collen pola rúas da Agra. As rúas están ademais moi mal asfaltadas e a limpeza tamén está moi abandonada. Tamén hai problemas coas gaivotas e faltan colectores do lixo.

Pensa que os veciños teñen a sensación de que non se atenden as súas necesidades?

Eu creo que este barrio está moi abandonado. Os colexios están todos fóra porque non había sitio dentro onde facelos e tampouco temos ningún parque, por iso estamos loitando tanto polo parque da Agra, xa que non temos un sitio para xuntarnos. Tampouco temos centros de saúde, aínda que están cerca, pero si notamos que o barrio está esquecido. A mesma concelleira de Medio Ambiente cando falamos con ela sobre a limpeza díxonos que era consciente de que tanto a Agra do Orzán como Monte Alto eran os barrios máis deshumanizados.

Tendo en conta o alto número de pensionistas e de inmigrantes, sería necesario un maior investimento social no barrio?

Sería moi necesario un centro de día para persoas maiores e de feito pedímolo, pero dixéronnos que non é urxente porque hai dous preto, un xunto á Casa da Auga e outro no Ventorrillo. Estas persoas teñen ademais problemas de mobilidade, xa que hai moitos edificios sen ascensores, polo que hai que dar facilidades para que se instalen. Tamén hai beirarrúas onde non colle unha cadeira de rodas, por iso debería haber aparcadoiros disuasorios para reducir o número de coches no barrio e poder anchear as beirarrúas.

A renda da zona de Juan Flórez é a dobre que na Agra. E iso un reflexo do tratamento que recibe o barrio?

Eu supoño que o problema que temos no edificio da rúa José Baldomir non o hai en Juan Flórez e que se o houbera actuarían máis rapidamente. E o mesmo pasa coas zonas verdes, porque a praza das Conchiñas é a única que hai e conseguiuse grazas á loita veciñal, xa que houbo que pelexar para que ese lugar fora unha praza. Pero na última reforma cortaron as árbores e fixeron abaixo un aparcamento que está sen utilizar porque a xente do barrio non pode pagalo. Quitáronnos unhas árbores baixo as que podiamos estar e agora non é un lugar tan agradable como antes. Outra cousa é que nós vemos pasar polo paseo das Pontes as máquinas da limpeza varredoras, pero pola Agra non as vin pasar nunca.