07 de noviembre de 2019
07.11.2019
Jesús Gago | Investigador, hoxe no Muncyt

"Séguese a atopar lixo do colapso de Bens no mar, e iso pasou no 1996"

"Os microplásticos están en todas as rexións oceánicas e en todo tipo de animais"

06.11.2019 | 20:55
O investigador Jesús Gago.

Jesús Gago estuda, como parte da súa labor como investigador no Instituto Español de Ocenografía, con sede en Vigo, os impactos nocivos que ocasiona nos mares a acumulación de plásticos. Falará deles na conferencia Invasión plástica: La amenaza medioambiental de los materiales plásticos, hoxe no Muncyt, ás 19.00 horas.

Cales son os principais problemas que ocasionan nos ecosistemas mariños o aumento dos plásticos?

Os plásticos teñen impacto a todas as escalas. Unha rede, cando está abandonada, que é algo habitual, segue pescando. Esa pesca non é efectiva, segue matando, é o que se chama "pesca pantasma", os animais quedan enmallados, o impacto directamente é a mortalidade. Despois está o impacto por inxestión, hai estudos que demostran que un millón de aves morren todos os anos por inxerir plásticos como tapas de botellas, ou tartarugas que comen por erro bolsas de plástico, ou animais máis grandes como baleas. O plástico que se inxire dificulta a actividade normal do organismo. Os microplásticos son o máis chamativo a día de hoxe, con problemas como a inxestión ou a transferencia de contaminantes. O impacto non é único, prodúcese en bastantes escalas.

O problema dos microplásticos está á orde do día. Que define a un microplástico e por que preocupan tanto?

Son partículas inferiores a cinco milímetros. Xurdiu o interese porque se detectaron en todo tipo de animais e en todas as rexións oceánicas. A súa entrada masiva no medio e a súa baixa degradabilidade, provocaron que se estean acumulando e aparezan en todos os organismos que se estudan.

É un problema global, ou se concentra en zonas cunha maior economía de consumo?

A contaminación do medio mariño sempre é un problema a escala global, sexa do que sexa. Hai zonas máis restrinxidas, a nós aféctanos menos que ás augas do Mediterráneo. A degradación dos ecosistemas, en calquera lugar, acaba afectándonos a todos dalgunha maneira, porque todos están conectados, pero si que pode ser que en determinadas zonas teña máis impacto. É un problema socioeconómico complexo, a escala global.

Por que son máis preocupantes os plásticos que outro tipo de residuos contaminantes?

Hai máis volume e son máis visibles, e teñen un impacto a todas as escalas. Un lingote de mercurio non vai ter un impacto directo nos organismos, pero unha bolsa de plástico pode telo. É toda unha conxunción de aspectos que o fan o máis problemático. Son facilmente transportables, poden ser inxeridos...

Tendemos a ser pouco conscientes deste problema?

Cada día imos estando máis concienciados. Aquí, por exemplo, cando colapsou o vertedoiro de Bens, estímanse que entraron ao mar 200.000 toneladas de lixo. Hai un problema aí aínda a día de hoxe.

Segue presente a pegada daquel desastre ambiental?

Si, os pescadores aínda seguen a atopar lixo, e iso pasou no 1996.

Cales poden ser as posibles solucións a este problema?

Agora fanse as cousas dun xeito máis consciente. Hai uns anos ardeu o vertedoiro de neumáticos de Seseña. O que fixo o que o levaba foi cobrar unha taxa por cada neumático, pero despois non os someteu a ningún tratamento. Foise formando unha montaña que un día empezou a arder e foi un desastre. Ten que haber unha lexislación máis estrita e que se cumpra, porque as veces a lexislación ambiental é mais pobre en canto a implementación. Hai que ter en conta o deseño integral dos produtos pensando onde van acabar, pensando en completar un ciclo. A xente, ademais de levar a bolsa de tea, ten que empezar a escoller os alimentos sen plásticos, a diferenza do prezo é pouca, uns céntimos. No supermercado cobran pola bolsa de plástico, pero por todo o plástico que hai no supermercado non se cobra nada.

En que se nota que estamos máis concienciados como sociedade?

Nótase en toda a serie de negocios que hai agora de produtos a granel, toda a xente que xa non usa botellas de plástico. O importante é non consumir máis ca reciclar. En lugar de consumir 20 botellas, podes consumir unha.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Contenido Patrocinado


Ecommerce Tour A Coruña vuelve con las últimas novedades

La jornada, que tendrá lugar el próximo jueves, 14 de noviembre en PALEXCO, prestará este año especial atención al mercado de la moda en Galicia



Elecciones Generales 2019

Domingo 10 de Noviembre de 2019, España

Congreso de los Diputados

esquelasfunerarias.es