04 de diciembre de 2019
04.12.2019
Antigo alumno do Instituto Rafael Puga Ramón

Na xubilación dunha Mestra

03.12.2019 | 21:54

Hai uns días, unha antiga compañeira dos anos universitarios, e profesora na actualidade do Instituto Rafael Puga Ramón, informábame da xubilación da que foi durante moito tempo directora do centro de ensino onde tiven a sorte de cursar os meus estudos de Bacharelato, Fernanda Sández. Fernanda non só foi profesora de matemáticas e persoa comprometida co seu centro e coa educación pública, senón que foi tamén para moitas das persoas que pasaron por alí, mentora, referente, e inspiración. Unha Mestra.

Foi inevitable ao coñecer a noticia que viñese á miña cabeza toda unha xeración de profesoras (algún profesor tamén había) que marcaron a miña adolescencia e a de moitos outros compañeiros e compañeiras. E digo isto, porque ela era unha das últimas superviventes dese claustro de profesoras que axudou á miña xeración a facer o tránsito entre a nenez e a idade adulta, que nos formou academicamente, pero tamén como persoas, que fixeron que aquel instituto onde aínda resoaban os ecos de ter servido de extensión do que daquela chamabamos a "casa-cuna", do seu carácter de centro exclusivamente feminino, un lugar onde sentirse protexido, onde sentirse a gusto, onde aprender literatura, ou lingua, ou matemáticas, pero tamén a tomar decisións, a facerse maior.

Tiven a sorte durante os máis de 25 anos que transcorreron entre a miña graduación e o día de hoxe de ter volto polo instituto en repetidas ocasións: como exalumno, como profesor de Dereito, e como alcalde da Coruña.

Puiden, polo tanto, comprobar como se ía producindo o relevo xeracional, como se transmitían os valores do centro ás novas incorporacións, como doían as perdas prematuras, e como "o Puga" seguía sendo ese centro familiar, de barrio, onde conviviamos rapaces e rapazas de diferentes procedencias, e circunstancias sociais, e onde tamén se xestaban futuros e futuras profesionais de moi diversos ámbitos.

A semana pasada puiden compartir mesa con outra exprofesora, moi querida tamén por min, e escoitala falar con orgullo dos seus antigos alumnos foi outro recordatorio do que pasaba no Puga naqueles anos, de como se establecían relacións entre profesorado e alumnado, baseadas no respecto, pero tamén no cariño, de como se estaba sementando en moitos de nós unha admiración que hoxe descubro en min, xa limpa de todo prexuízo xuvenil e que pon no lugar que corresponde a toda unha xeración de profesoras e profesores sen os que, evidentemente, hoxe non seriamos os mesmos.

Así que moitas grazas a Fernanda e a todas as demais. Moitas grazas, por ternos axudado a facernos adultos e adultas, por ter convertido o "Rafael Puga Ramón" nun lugar que habita agora na memoria e no imaxinario do que foron as nosas vidas. Gozade todas vós do merecido descanso da xubilación, pero facédeo sabendo que ducias de xeracións de adolescentes, recoñecen o voso traballo, a vosa dedicación e non se lembran dos vosos erros, se é que os tivestes. Tendo por seguro que cumpristes co voso cometido.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

 

esquelasfunerarias.es