A pandereteira Xosefa de Bastavales, a transgresora Mercedes Peón ou a diva Ana Kiro mestúranse entre as páxinas do libro Ferreñas e Rock and Roll, un tributo ilustrado que busca lembrar a todas aquelas mulleres que, de xeito desapercibido moitas veces, contribuíron a colocar os cimentos da música galega en todas as súas vertentes.

A ilustradora Laura Romero, tamén baixista da agrupación Zënzar, é a man tras o proxecto. A nova obra é, como ela mesma precisa, a "evolución natural" da iniciativa Músicas Galegas Ilustradas, que a autora puxo en marcha no ano 2017, a xeito de homenaxe para as revolucionarias da nosa música. "Foi lendo sobre todo o que pasou musicalmente en Galicia no século XX, sobre todo referido ao bravú, cando topei con Xosefa de Bastavales e empezo a preguntarme sobre esta señora e outras moitas", explica Laura Romero.

Un premio no II Concurso de ideas Luisa Villalta e a editorial Baía Edicións fixeron posible o libro, para o que a ilustradora contou coa man experta da filóloga Iria Pedreira Sanjurjo, amiga persoal de Romero para a redacción dos textos que acompañan ás imaxes. "Iria Pedreira levou un traballo enorme, eu pasáballe a catro folios de información e ela escribía un texto bonito", expón a ilustradora.

Atrás quedan ducias de reunións coa trintena de mulleres escollidas ou cos seus familiares, co fin de achegarse do xeito máis fidedigno posible á personalidade das artistas. "No caso de Ana Kiro, por exemplo, as reunións foron co seu home e co seu neto. Noutros casos, foi unha cuestión de documentación, como con María Doval, que tiramos de periódicos da época", sinala Romero.

O proceso de pescuda dos nomes máis senlleiros da tradición musical galega deixou, para a autora, unha serie de descubertas, á marxe de figuras máis coñecidas e referenciadas do folclore galego, como poden ser a gaiteira Cristina Pato ou a cantante Guadi Galego. A agrupación Batuko Tabanka, composta por doce mulleres caboverdianas afincadas en Burela cuxo xeito de facer música se afasta da tradición galega menos do que se podería pensar de entrada.

"Empezaron a batucar nos anos 90 como o facían as súas avoas. O que fan ten moitas similitudes coa música galega: moitos versos están improvisados, como nas regueifas; colócanse sentadas en círculo, como as pandereteiras, existe a figura da sacadora, que é a que comeza e a seguen todas", apunta a autora.

Malia que a mostra é bastante completa, xa hai quen notificou algunha ausencia destacada, como a da cantante coruñesa Sés. A autora xustifica a escolla das figurantes en base ao seu percorrido profesional ao longo do século XX, e co feito de que foron as pioneiras nun tempo no que as cousas estaban algo máis complicadas que hoxe para musicar en feminino.

"Non descarto, se esta ten boa acollida, facer unha segunda edición, mais centrada na actualidade, e na que haxa lugar para músicas de hoxe como Sés, as Bala ou Silvia Penide", adianta a ilustradora.