O colectivo Amizando loita diariamente por poñer ás problemáticas das persoas trans no mapa e reivindicar melloras na súa calidade de vida. Daniela Ferrández, integrante da entidade, ofreceu onte unha charla no local da Marea Atltántica sobre as dificultades específicas das mulleres do colectivo, expostas a violencias machistas e máis a transfobia.

Falou na súa ponencia da violencia machista que sofren as mulleres trans. Dilúese esta violencia entre a transfobia ás veces?

Non só ás veces. Eu diría que a meirande parte delas ocorre esta dilución. Un dos piares da transfobia é que non considera ás persoas trans como o que somos. Cando se parte desta premisa, é obrigatorio para estes discursos dicir que as mulleres trans, polo feito de non ser mulleres, non podemos sufrir violencia machista. Iso oculta todas as violencias machistas que sufrimos nas nosas vidas cotiás.

Estas violencias son, polo feito de ser mulleres, mais sangrantes quizais nelas ca nos homes do colectivo.

Non hai un quizais, é que son peores en todos os niveis. A meirande parte das mulleres trans son asasinadas en situación de prostitución. Moitas chegan á prostitución porque as mulleres trans sufrimos unha exclusión laboral que non é comparable á de ninguén. Os homes poden ter máis facilidades porque é mais probable que non se lles note que son trans. As mulleres trans estamos excluídas a nivel laboral, e somos a punta da lanza da violencia. É un círculo vicioso: falta de traballo, falta de apoios, de recursos...

Pódese considerar o feito de que a meirande parte das mulleres trans se vexan abocadas á prostitución como un xeito de violencia machista?

Si, por suposto. Parte desa violencia social desemboca na exclusión laboral, na marxinación, no illamento, e leva ás mulleres trans a entrar no sistema de prostitución. O 60% morren asasinadas dentro dese mundo, non é o único no que nos matan, pero é un deles, e eu diría que é un dos máis importantes.

O feminismo hexemónico pecha a porta, ás veces, ás mulleres trans. Contribúe isto a que custe identificar esta violencia como machista?

Si, pero non só no feminismo. É un reflexo do que acontece na sociedade, se non nos consideran mulleres, non consideran que suframos violencia machista. Son escalóns dunha pirámide que remata no asasinato, pero na que hai violencias previas.

Por que pensa que algúns sectores do feminismo se senten ameazados polas reivindicacións das mulleres trans?

Porque asumir que as mulleres trans somos mulleres supón un exercicio de deconstrución de todos os prexuízos que a sociedade vén acumulando dende hai moitas décadas. Supón cuestionar a herdanza patriarcal, a herdanza da ditadura. Entendo que iso é o camiño incómodo, o de recoñecer que todo o que aprendemos non foi así, que hai realidades que non temos cerca como para saber opinar sobre elas. Moitos escollen o camiño cómodo, o da exclusión.

Reivindican a posta en marcha dunha Lei Trans digna. Teñen a esperanza de que chegue co novo goberno?

Si, témola porque é un compromiso dos partidos que integran o novo goberno. Por parte de Podemos, o compromiso existe dende o ano 2017, o BNG e o PSOE téñeno tamén en Galicia. O único escenario posible é que os partidos dean prioridade aos dereitos humanos, e, con iso, que o colectivo LGTBI consigamos o estatus de cidadanía.

Cales son as materias pendentes en materia de lexislación?

A máis urxente é a despatoloxización, que se deixe de considerar enfermos mentais ás persoas trans. É unha medida que xa se aprobou en moitas comunidades do Estado Español. O paso seguinte é extrapolar esa despatoloxización a nivel social ademais de a nivel médico. No ámbito laboral tamén estamos consideradas enfermas, como no resto da sociedade, temos unha patoloxización social. Esa lei recolle iso tamén.