Que esperan do proxecto do novo hospital?

A maioría esperabamos que se fixese o que pon no plan xeral, e non derrubar vivendas, co drama social que iso supón. Onde está o hospital de doentes caben dous edificios e na parte de abaixo, cara a avenida da Pasaxe, en altura, caben outros dos. Tamén está a zona do aparcamento de traballadores. Semella que eses espazos van quedar como están.

Nunca se pensou no perigo da expropiación?

Non. Unha das casas ten unha licencia de obra de hai menos de dous anos. A ninguén se lle ocorría que fosen facer isto. Se o pensásemos, a esa familia non se lle ocorría meterse nese gasto para que agora os expropien. Moita xente emigrou no seu día para ter iso aí, para outra xente é a herdanza dos avós. Non é unha zona de chalés que se fixeron o ano pasado. Aquí hai unha experiencia vital.

O plan da Xunta prevé a expropiación de máis de 30.000 metros cadrados con un gasto de 12 millóns de euros. É suficiente?

As expropiacións sempre son regaladas. A forma de vida que temos as persoas que vivimos nunha casa e que temos unha horta é a forma de vida que escollemos. Igual que os que prefiren vivir nun edificio. Isto vai supoñer un cambio de vida brutal para a xente que escolleu outra cousa. O despois vai ser bastante complicado.

Hai contacto coas Administracións?

Non. Coñecemos todo pola prensa. Pedimos unha reunión co Concello, pero seguimos agardando unha resposta. Se segue así, pasaremos a tomar outras medidas. Non pode ser que haxa máis de 20 familias que non durman de noite porque non saben se os van expropiar, como e cando. A ninguén lle preocupa que esta xente teña que pasar por esta situación. Nunca se consultou coa cidadanía, polo menos, en Eirís, ninguén sabe nada disto.

Cales son os plans da asociación de veciños?

Fixemos unha plataforma de afectados e xa estamos traballando para enfrontarnos a quen nos está a facer isto. De momento, esperamos que o que se está amosando sexa un preproxecto e que poidamos falar moito. Tamén cabe a posibilidade de que sexa parte da campaña electoral. Pero terán que sentarse con nós para explicalo. Ademais do que faga a Xunta, o Concello, se modifica o plan xeral, terá que facelo en base a algún razoamento. A inseguridade dos veciños é terrible. Temos claro que nesta cidade o deporte de facer expropiacións en Eirís é habitual en todos os gobernos.