Cando Inés Rey foi elixida alcaldesa pensou en moitas cousas que poderían pasar, desgrazas ás que igual se tiña que enfrontar desde María Pita. Confesa que nunca se lle pasou pola cabeza vivir unha pandemia con estado de alarma e confinamento.

Como está a ser a resposta da cidade neste período de corentena, hai quen aínda non entende a gravidade da situación?

Anecdoticamente, onte [polo sábado] houbo algunha xente que aínda non acatara a decisión de estar confinada nos domicilios, pero a inmensa maioría da poboación está a seguir estritamente as indicacións que se dan desde as Administracións públicas. Cómpre agradecer o esforzo que está a facer toda a poboación. Mandamos unha mensaxe de tranquilidade, pero tamén hai que lembrar que todas as medidas que entraron en vigor o sábado son de obrigado cumprimento para todos.

Co estado de alarma, que pode facer o Concello para que se cumpran estas medidas?

Pasamos a depender do Ministerio do Interior, que é quen pode sancionar. A Policía Local ten un labor de control e de evitar que as persoas incumpran o decreto. Existe tamén unha previsión, tanto na lei de Seguridade Cidadá como na lei nacional de Protección Civil, de sancións para casos de incumprimento flagrante e desobediencia á autoridade.

Se atopan un bar coa terraza posta, a que penas se enfrontan?

En función da normativa que se poida aplicar, falamos de sancións moi elevadas, que van desde os 30.001 euros até os 600.000. Agardamos non ter que chegar a iso.

Haberá moita xente que se pregunte se pode ir traballar ou non, sobre todo persoal das contratas do Concello cuxo servizo está suspendido...

No eido da Administración local, xa publicamos un protocolo para o persoal municipal, atendendo ás situacións especiais, nas que os traballadores municipais poden facer teletraballo para facilitar a conciliación dos que teñen menores en casa ou dependentes. Establecemos servizos mínimos nalgúns servizos esenciais para que a Administración siga funcionando. En canto aos que traballan para empresas, algúns poderán facer teletraballo e outros non.

No caso das bibliotecas ou dos pavillóns municipais, que están pechados, que pasa?

Hai concesionarias nas que se estableceron uns servizos básicos, como pode ser a limpeza viaria, a recollida do lixo... Hai outras que non o son e son as propias concesionarias as que se están coordinando cos seus traballadores.

Esta situación vai ter un impacto económico na cidade, teñen unha estimación de perdas?

Non se fixeron os cálculos aínda das perdas económicas porque o principal agora é garantir a seguridade, evitar os contaxios e que se cumpra estritamente o decreto de alarma. Estamos preocupadas pola situación de persoas que están en maior risco. Tempo haberá de analizar todas esas perdas económicas, que non se darán só na cidade da Coruña senón a nivel xeral. O Goberno de España xa está a traballar en medidas. Trataremos de evitar unha crise económica derivada desta situación que volve afectar aos máis débiles, ás persoas en risco de exclusión social. Na Concellaría de Benestar Social están a traballar moitísimo para que esta situación non afecte a familias con dificultades. Temos un sistema para que os nenos con bolsas comedor poidan recoller a comida, mantéñense as prestacións sociais. Iniciamos unha campaña e quero dar 500 grazas a esas 500 persoas que se apuntaron na rede de voluntariado para axudar á Administración local a cubrir as necesidades das máis vulnerables.

Vanse reforzar servizos como o 010, para fomentar a comunicación dos veciños co Concello?

Si, xa está reforzado. É o momento para que a Administración local poña todos os seus recursos ao servizo da cidadanía.

Como pode axudar o Concello a todas esas persoas que, até o de agora non precisaban axuda, pero que, nesta situación, si que a precisan?

Pois, por exemplo, para as familias monoparentais que teñen nenos e non poden saír á rúa con eles contamos con esa rede de 500 voluntarios que pode axudar. Analizaremos individualmente cada caso para tomar as medidas oportunas que se poidan dar nestes quince días de confinamento.

E se son máis?

Afortunadamente, os servizos públicos están para cubrir as necesidades que se teñan nestes quince días ou durante as prórrogas que se vaian establecendo no decreto. Estamos preparados para calquera eventualidade.

En canto ás persoas que baixaron ao paseo correr ou andar en bici, a partir de agora, iso vaise penalizar ou só apercibir?

A Policía Local non ten capacidade sancionadora neste momento, pero vai facer un control estrito de advertencia a todas aquelas persoas que non cumpran o confinamento. Quero mandar unha mensaxe á poboación para que se conciencie de que non se pode saír á rúa nin para tomar o aire nin porque esteamos agoniados na casa. Apelo á responsabilidade individual de cadaquén para que a resposta colectiva sexa exitosa, nos casos nos que, aínda así, a xente siga sen entender que hai que quedar na casa, estará a policía municipal para recordarllo. No caso de desobediencia ou de incumprimento reiterado, tomaranse as mediadas oportunas.

A vida municipal, en canto a contratacións, preparación de pregos, concursos, queda adiada ou vaise facer este traballo?

As persoas que poidan facer o seu traballo desde a casa tramitarán os expedientes de maneira normal, trataremos de evitar a paralización completa da vida municipal pero, obviamente, respectando as restricións. Trataremos de que as consecuencias deste parón obrigado sexan as mínimas posibles.

Perigan grandes proxectos, como a ampliación do hospital ou a Cidade das TIC?

Non, pero nos vindeiros quince días veranse ralentizados. Non se poden facer grandes reunións para falar de proxectos que ben poden agardar quince días.

Vai ir ao Concello ou pode teletraballar?

Teño que ir pero evitarei o contacto o máximo posible.

Prevé o Concello comprar material como mascariñas ou xeles hixienizantes para poñer en dependencias municipais ao servizo dos veciños?

O Concello xa ten adquirido eses produtos para determinados servizos. Non se ten previsto facer un reparto de material profiláctico á poboación.